Deputación de Lugo

A Deputación achega 19.000 euros para construír un depósito de auga contra incendios que dará servizo ó Val de Lourenzá

O Presidente avanzou que a construción da infraestrutura, que estará situada no núcleo de San Xurxo e responde a unha solicitude veciñal, comezará en dúas semanasO tanque axudará a afrontar dun xeito áxil e eficaz os lumes forestais ou urbanos que se poidan producir en todo o municipio, pero principalmente nas parroquias de San Xurxo, Santo Tomé e Santo Adrao, nas que residen máis de 1.300 veciños

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, avanzou que o organismo provincial iniciará nun prazo de dúas semanas a construción dun depósito de auga contra incendios que dará servizo ó Val de Lourenzá. O organismo provincial executará cun orzamento de 19.000 euros esta infraestrutura, que estará situada na parroquia de San Xurxo e responde a unha solicitude veciñal. O tanque de auga, cunha capacidade de 90 metros cúbicos, axudará a afrontar dun xeito áxil e eficaz os incendios forestais ou urbanos que se poidan producir en todo o Concello, pero principalmente nas parroquias do Val de Lourenzá: San Xurxo, Santo Tomé e Santo Adrao, que agrupan a máis de 1.300 habitantes.

Con esta actuación, Gómez Besteiro cumpre a palabra dada ós veciños de San Xurxo o pasado verán. A Deputación ten redactado e adxudicado o proxecto dende hai seis meses, pero as obras non se puideron iniciar con anterioridade por causas alleas á súa xestión, xa que os veciños estaban á espera de recibir o preceptivo permiso da Confederación Hidrográfica do Norte (CHN) para a captación de auga do río Baos, de onde se nutrirá o depósito contra incendios.

Limpeza de estradas
O titular do Goberno provincial supervisou así mesmo os traballos de limpeza en vías provinciais e municipais que está a acometer o organismo en Lourenzá, unhas labores coas que aforra cartos ó Concello ó evitarlle a contratación dunha empresa externa. En concreto, Besteiro estivo nas Pistas do Monte, en San Xurxo. Para a execución dos traballos, a institución desprazou as máquinas do seu parque móbil, un servizo que o Executivo provincial reorientou en 2007, poñendo a disposición de todos os Concellos lugueses, tanto os medios técnicos, como o persoal deste departamento para o acondicionamento de estradas locais. Deste xeito, hoxe en Lourenzá hai unha motoniveladora, unha pala e un camión, ademais de 3 profesionais que actúan coa colaboración de persoal municipal e en coordinación co Concello. Na actualidade, a Deputación mantén outros equipos no Incio, O Corgo, Sober e Xermade para realizar melloras en vías locais.