Deputación de Lugo

O Pleno esixe á Xunta e ó Goberno Central, sen contar co apoio do PP, que non destrúan máis emprego na provincia

Imaxe deputación de lugo
PSOE e BNG piden a Feijóo novas negociacións co Executivo Estatal sobre a supresión das primas ós eólicos para que se faga unha excepción con Galicia ó igual que con Canarias, evitando a perda de case 7.000 traballos en Lugo e deixando de optar pola “sumisión”O Goberno Provincial demanda á Xunta apoio económico e político ás solucións para a continuidade da actividade no San Rafael tras rexeitar a proposta de Fudace de incrementar neste inmoble os seus servizos malia traballar con empresas de Castro e ter lista de esperaEsixen que se derogue a Reforma Laboral porque abarata o despido ó que o PP votou en contra, argumentando que “confía que servirá para mellorar a situación económica” a pesares de que Rajoy xa manifestou que non ía a crear traballo

O Pleno aprobou este martes, sen contar co apoio do Partido Popular, tres propostas do equipo de Goberno Provincial que esixen á Xunta e ó Executivo Central que non destrúan máis emprego na provincia. E é que as iniciativas acordadas na sesión tratan sobre as medidas que Goberno Galego e Estatal acordaron para o sector eólico, provocando que en Lugo se deixen de crear case 7.000 empregos, sobre o peche do Hospital San Rafael sen apoio a Fudace para continuar coa actividade no inmoble, causando cuantiosas perdas económicas en Castro de Rei, e sobre a Reforma Laboral que facilita o despido libro.

Deste xeito, e en primeiro lugar, a sesión aprobou instar ó Goberno Central a derrogar o Real Decreto Lei que anula a suspensión de incentivos económicos ás enerxías renovables e pecha o rexistro para a preasignación de retribucións no sector, ó tempo que acordou esixir á Xunta medidas de apoio para paliar os efectos desta normativa na Comunidade, así como novas negociacións co Executivo de España para que se faga unha excepción con Galicia como xa se fixo con Canarias. A Deputada de Economía, Recadación e Facendo, Pilar García Porto, explicou os motivos desta proposta, remarcando as súas consecuencias na Comunidade e, especialmente, en Lugo, “a provincia máis afecta”. Deste xeito, indicou:

“Quedan sen acceso a primas os 2.325 megawatios que Feijóo prometeu para Galicia co denominado Plan Rexurde co que substituíu o proxecto eólico que deixamos aprobado socialistas e nacionalistas só por motivos partidistas e ideolóxicos xa que contaba co aval do Tribunal Superior de Xustiza. Destes, 1.142 megawatios, é dicir, o 49% do total, pertencen ós parques de Lugo. Para que se fagan unha idea, a mesma potencia que se necesita para abastecer a 600.000 fogares ou a que precisa a central térmica das Pontes para poder funcionar e que acada os 1.400 megawatios. Paralízanse os 6 millóns de euros para a creación de 91 parques eólicos na Comunidade. Concretamente, en Lugo pérdense 2.169 millóns de euros (1,9 millóns de euros/ MW x 1.142 MW) en investimentos directos como a construción das propias instalacións eléctricas, e 2.626 millóns de euros (2,3 millóns de euros/ MW x 1.142 MW) en investimentos para plans industriais asociados que garantan a posta en marcha ou o mantemento de ditos parques. Destrúense os 12.000 empregos en Galicia que prometía crear a Xunta xa en 2011 e que, por certo, non creou, demostrando, unha vez máis, que o PP só sabe mentir e engañar. Destes, 6.852 postos de traballo eran para Lugo (6 empregos/ MW x 1.142 MW). Ademais, favorécese o despoboamento do rural galego, sendo dun dos grandes perxudicados debido á perda de máis 800 millóns de investimento asociado, de máis de 13 millóns procedentes do aluguer de terreos e de máis de 2.000 postos de emprego, -o 16% dos totais-”.

Optando pola “sumisión”
Malia os datos anteriores, o Partido Popular decidiu absterse na votación, argumentado que “a Xunta comezou coas conversas co Goberno Central e confiamos no seu traballo”. A este respecto, e tendo en conta, en primeiro lugar, que Feijóo aínda non presentou medidas que palíen os efectos das medidas dos populares xa que “confía” que os promotores dos 91 parques eólicos beneficiados do Plan Rexurde non se retiren do proxecto a pesar de que sen primas á venda de enerxía non cubre nin tan sequera os custes de construción de ditas instalacións; en segundo lugar, que en ditas “conversas” o Presidente da Xunta non pedíu nunha excepción con Galicia mentres si se fai con Canarias e, por último, que o PP de Lugo decidiu non sumarse a esta proposta do Goberno Provincial, García Porto respostou que, “o PP non é serio e actúa de xeito partidista. Somo testemuñas de que Feijóo opta polo silencio e a sumisión, probablemente, porque descoñece as súas consecuencias, porque obedece as ordes de Rajoy ou porque non ten peso no seu partido. Se se fixo unha excepción con Canarias, ¿por que non con Galicia?. Entre dimes e diretes, quedamos sen primas”.

Solucións para o San Rafael
Seguidamente, o Pleno aprobou esixir á Xunta o apoio tanto económico como político ás solucións que se aporten para que continúe a actividade no Hospital San Rafael para cal a Deputación cede gratuitamente as instalacións co fin de que non se produza nin un impacto económico e social negativo, nin unha perda de poboación significativa no municipio de Castro de Rei. O Deputado de Cooperación cos Concellos, Juan José Díaz Valiño, explicou que, logo do traslado dos doentes do San Rafael a Calde, “estamos nun momento decisivo para asegurar o seu futuro”. Valiñou asegurou, demostrando a veracidade das súas palabras con novas que os propios medios de comunicación publicaron en datas anteriores, que “Feijóo non cumpriu coa palabra dada os veciños cando en 2009, antes das eleccións autonómicas, prometeu que non ía abandonar o psiquiátrico chairego. Foi un despropósito porque, non só non mentiu ós veciños por un puñado de 2.000 votos, senón que rexeitou as iniciativas propostas para que o hospital continuase coa súa actividade”. Deste xeito, o Deputado referiuse á negativa da Xunta para que Fudace, organización que atende en Castro de Rei a máis de 60 persoas con discapacidade e conta con lista de espera debido á falta de espazo nas súas instalacións, incrementase os seus servizos, levándoos ó San Rafael. E é que o Goberno galego non concedeu unha subvención a esta fundación cuxo proxecto si impulsou dende o primeiro momento o Goberno Provincial, considerando que era a alternativa idónea para que non cesase a actividade económica en Castro de Rei con motivo do desaloxo do San Rafael, e para que non se perdese poboación. Hai que ter en conta que esta organización xa traballa con veciños e empresas da zona, ademais ten un proxecto adaptado as características “sanitarias” do inmoble. Sobre o despoboamento, cómpre sinalar que, segundo datos do censo, Castro de Rei xa perdeu case 200 habitantes porque os pacientes do psiquiátrico estaban empadroados no municipio chairego.

“Actitude partidista”
O Partido Popular tampouco apoiou esta proposta, absténdose na votación malia asegurar que “somos coñecedores do compromiso que tiña Feijóo” para xustificar a continuación a súa postura, argumentando que “non hai que esquecer de quen é o edificio”. Ante esta resposta, o Deputado destacou a “actitude partidista” do PP, explicando que cando Feijóo era Secretario Xeral do Servizo Galego dirixiu as transferencias ó Sergas dos hospitais tamén provinciais de Rebullón, Toén e Conxo (en Pontevedra, Ourense e A Coruña), asumindo o persoal, os doentes, así como os propios inmobles, “repito, tamén os inmobles”, remarcou. Da mesma forma, lembrou que cando o PP estaba na oposición en Castro de Rei o actual Alcalde, Francisco Balado -que hoxe mesmo se converteu en Deputado Provincial logo da marcha de José Manuel Barreiro-, convocaba unha manifestación para que non se pechase o Hospital San Rafael. “Nós tamén fomos a esa concentración e voltaríamos a ir porque mantemos a nosa postura. Vostedes non. Hoxe o Alcalde e quen debería estar defendendo esta proposta pero mantén silencio”, remarcou. Ademais, Valiño acusou tanto o Rexedor chairego como os restantes membros do seu partido político de “non ir polo psiquiátrico de Castro ou non estar informados” logo de presentar unha emenda na que solicitaban a contratación dun servizo de vixilancia para o San Rafael cando o Goberno Provincial adxudicou este servizo meses atrás en Xunta de Goberno. Deste xeito, actualmente estas instalacións contan cun exhaustivo sistema laser de videovixilancia que transmite imaxes do inmoble de xeito constante ó Pazo Provincial, alertando de calquera intromisión. A maiores, ata garantir o correcto funcionamento deste dispositivo, hoxe unha empresa de seguridade está dende ás 20:00 horas ás 8:00 horas no San Rafael. Durante o día, prosegue no San Rafael persoal provincial, realizando tarefas de inventario.

Reforma laboral
Tamén a proposta do Goberno Provincial, o Pleno aprobou esixir ó Executivo Central a anulación da Reforma Laboral que favorece o despido libre. Neste caso o PP votou en contra a pesares de recoñecer que “non é a mellor reforma”, para logo engadir que “confiamos que sexa a causa dunha mellora da economía”. Ante estas declaracións, o Deputado provincial Mario Outeiro amosou a súa sorpresa xa que “mesmo o señor Rajoy asegurou que esta Reforma non ía a crear traballo”, sentenciando que “para o PP temos que ser os traballadores os que sempre perdamos. Con esta medida os pobres serán máis pobres e os ricos máis ricos. A única explicación que atopo para entender que un traballador vote ó Partido Popular é que, detrás desa imaxe de clase traballadora que vostedes venden, agochan inmensas fortunas que xustifican Reformas coma esta”.

Heraldo de Viveiro
Antes de iniciar a sesión plenaria e a proposta do Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, aprobouse por unanimidade unha declaración institucional en homenaxe ó semanario “Heraldo de Viveiro” que cumpre nestes días os cen anos da súa fundación.