Deputación de Lugo

Val clausura o congreso medioambiental da Deputación en Madrid expoñendo o proxecto provincial para impulsalas praias mariñanas

O Deputado defendeu a implantación da certificación ISO 14001 como “unha estratexia fundamental para converter os areais lucenses nun referente de calidade en España e avanzar de cara á desestacionalización do turismo” José Ramón Val lembrou que os areais certificados esta tempada, por segundo ano consecutivo, pertencen a Viveiro, Foz e Ribadeo, despois de que O Vicedo e Burela rexeitaran continuar

O Deputado de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación, José Ramón Val, clausurou este venres as xornadas medioambientais que a Deputación organizou en Madrid ofrecendo unha conferencia sobre a aposta do organismo provincial por impulsalas praias mariñanas a través da implantación do certificado ambiental ISO 14001, “unha estratexia fundamental para converter ós nosos areais nun referente de calidade en España e avanzar de cara á desestacionalización do turismo”. Ante un auditorio composto por máis de 120 estudantes e emprendedores do medio ambiente, Val lembrou que a Deputación financiou o pasado ano o proceso para implantar este prestixioso selo nas praias lucenses e nesta tempada volve a custear o 100% dos traballos de auditoría preceptivos para renovar o distintivo, aforrándolle ós Concellos 7.300 euros. Os areais certificados neste 2012, por segundo ano consecutivo, pertencen ós Concellos de Viveiro, Ribadeo e Foz, despois de que O Vicedo e Burela se descolgaran do proxecto, que ten custe cero para as arcas municipais.

Xunto á conferencia sobre a certificación de praias, no marco das xornadas técnicas organizadas na Universidade Politécnica de Madrid, hoxe celebrouse unha mesa redonda na que se abordaron as liñas de actuación fundamentais que o organismo provincial levou adiante para impulsar económica e socialmente o territorio das Reservas:

- Programas Km0, Surfcamp e Lugoteando, que explicou o seu responsable, Juan Carlos Fernández Pulpeiro.

- Programa de Saúde e Benestar no Camiño de Santiago, do que falou Laureano Crespo Trujillo, representante do convenio de colaboración asinado entre a Deputación e os catro balnearios da provincia que participaron nesta iniciativa –Lugo Termas Romanas; Oca Río Pambre de Palas; Guitiriz Hotel Balneario & Golf Club; e Oca Augas Santas Balneario Golf Resort de Pantón-.

- Becas de formación Lug02 para mozos titulados, que expuxeron Andrea Macho, coordinadora do proxecto provincial Lug02, Manuel Lolo, responsable da empresa xestora das becas, e Alexandre Figueiras, un dos beneficiados polas bolsas.

- Proxecto para conservar e mellorar as condicións de produción dos soutos de castaños, desenvolvido a través dun convenio con Alibos Galicia, unha das maiores produtoras mundiais de castaña pelada e conxelada. Desta iniciativa falou Pablo Antonio Fraga Gontán, enxeñeiro técnico agrícola e técnico de Alibos Galicia.

A institución provincial decidiu levar a Madrid estas xornadas no marco do seu obxectivo de concienciar e difundir, dun xeito rigoroso e atractivo, os recursos e valores naturais da provincia de Lugo entre a cidadanía en xeral, pero en especial entre os profesionais vinculados co medio ambiente, pois considera que esta é unha das fórmulas para garantir a xestión sostible e posta en valor do patrimonio natural, ademais do seu impulso económico. Outras mostras deste empeño da institución son, por exemplo, a exposición sobre as corenta Reservas da Biosfera españolas que segue aberta –ata o 28 de febreiro- na Capela de Santa María; as xornadas para técnicos municipais sobre o Complexo Húmido Terra Chá que se celebrou a pasada semana; ou os obradoiros dirixidos a escolares sobre o ecosistema fluvial, dos que se celebrou unha sesión o 18 de febreiro e haberá unha nova precisamente este domingo, día 26.