Deputación de Lugo

A Deputación mellora as comunicacións de Ourol con Viveiro e A Mariña Central beneficiando a un milleiro de veciños

O Presidente supervisou as obras de acondicionamento da estrada de Ruanova por Sixto a Muras, acometidas grazas ó POS, coas que contribuíu a manter unha vintena de postos de traballo e que contaron cun orzamento de 300.000 eurosGómez Besteiro lamentou o drástico recorte dos fondos do POS 2012 asestado polo Goberno Central, dados os “beneficios sociais e económicos” que supón, como “queda reflectido nestas obras” Respondendo a unha petición veciñal, o organismo provincial achega preto de 7.000 euros para acondicionar o entorno do cemiterio da parroquia de Ourol, con 200 veciños

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, supervisou este xoves as obras de acondicionamento da estrada provincial LU6602 de Ruanova por Sixto a Muras, acometidas grazas ó Plan de Obras e Servizos (POS) do 2011, uns traballos que melloran as comunicacións do Concello de Ourol co de Viveiro e coa Mariña Central. As actuacións, que consistiron na pavimentación con aglomerado en quente dun tramo de 5,150 quilómetros, benefician a un milleiro de veciños que vive nas parroquias viveirenses de Galdo e Magazos, e nas ourolesas de Bravos e San Pantaleón de Cabanas, que teñen nesta vía a saída natural, máis rápida e cómoda, hacia a cidade de Viveiro e a comarca central da Mariña. As obras vertebran así mesmo os enlaces entre as parroquias vivarienses de Landrove, Magazos e Vieiro. Coa súa execución, a Deputación contribuíu a manter unha vintena de empregos no sector da construción, un dos máis castigados pola crise. O orzamento foi de preto de 300.000 euros, achegados ó 50% por Deputación e Ministerio de Administracións Públicas.

O Presidente subliñou que obras coma esta, recén rematada, “poñen claramente de manifesto os beneficios sociais e económicos que ten o POS na nosa provincia”. Por iso, lamentou que o Goberno Central, no marco “dunha espiral de recortes que está afogar a economía”, aplique neste 2012 “unha drástica redución do 75,25% con respecto á consignación do Plan en 2011, ó que, na práctica, supón a súa eliminación”. As consecuencias deste recorte “serán claramente negativas para as arcas provinciais e municipais, xa que, canto menor sexa a transferencia do Estado, menos serán as obras que se executen na provincia, e, por tanto, menos obra pública se licitará e máis empregos se destruirán”, engadiu.

Para tratar de reverter esta situación, Gómez Besteiro lembrou que o Goberno provincial aprobou esta semana no Pleno da Corporación, coa negativa do PP, unha proposta instando ó Executivo Central a manter o Plan de Obras e Servizos deste ano cos mesmos importes de 2011, é dicir, de 83,6 millóns de euros, pois trátase “dun extraordinario instrumento de cooperación municipal que xunta o esforzo das administracións e permite dotar ós núcleos rurais de servizos e infraestruturas moi demandados polos veciños, que os Concellos, por si sos, non poden prestar e que contribúen a frear o despoboamento e o paro”.

1,6 millóns en 4 estradas provinciais

Coa achega do POS 2011, a Deputación de Lugo adxudicou melloras en 4 estradas de titularidade provincial por importe de 1,6 millóns de euros. Así, xunto a de Ruanova por Sixto a Muras, que enlaza os municipios de Viveiro e Ourol, consignou fondos para arranxar as seguintes vías:

En Sarria, a vía que discorre entre Mesón de Alvaredo e San Martín de Loureiro, do punto quilométrico 0,000 ó 5,075. A inversión nesta obra, xa rematada, foi de preto de 300.000 euros.

A que vai de Cereixal a Louxas, entre os puntos quilométricos 19,000 e 26,500, e que comunica ós veciños de Baralla, Becerreá, Baleira, Navia de Suarna e A Fonsagrada. O orzamento é de 532.100 euros e estará finalizada a mediados de xuño. O avance das obras está suxeito ás condicións meteorolóxicas.

A de Rao por Murias a Valouta, en Navia de Suarna, entre o quilómetro 0,000 e o 7,419. Ten un presuposto de 542.800 euros e quedará rematada para finais de maio. A execución tamén está vinculada ás condicións do tempo.

Sinatura dun convenio

Por outra banda, o Presidente asinou coa Asociación de Veciños de Ourol un convenio en virtude do cal o organismo provincial achega preto de 7.000 euros ó colectivo para acometer melloras no entorno do cemiterio parroquial. As obras, coas que a Deputación responde a unha demanda veciñal, consistirán na rehabilitación dunha parte do camposanto da parroquia de Ourol, na que residen máis de 200 veciños. Gómez Besteiro puido comprobar así mesmo o estado do aparcadoiro do atrio da igrexa tralas obras acometidas grazas ó Plan de Comunidades Veciñais de 2011 cun orzamento de 16.000 euros, dos que a Deputación achegou 12.000. En total, o pasado ano catro entidades asociativas de Ourol recibiron 29.000 euros da institución luguesa a través do Plan de Comunidades Veciñais para acometer diversas melloras de servizos e dotacións no rural.

O mandatario provincial estivo tamén na parroquia ourolesa de Xerdiz, onde inspeccionou a construción dun forno no cemiterio deste núcleo rural para queimar residuos, acometida a través do Plan de Comunidades Veciñais de 2011 cunha achega de 3.400 euros da Deputación. No mesmo lugar, comprobou a restauración do muro perimetral do cemiterio e o adecentamento do atrio da igrexa con 4.000 euros, traballos executados igualmente grazas ó Plan de Comunidades Veciñais, neste caso da anualidade 2010.