Deputación de Lugo

As Deputacións, excluídas do Plan de Cooperación para a contratación de parados nos Concellos, por decisión unilateral da Xunta

A institución provincial obrigada a pagar máis de 450.000 euros pola “mala xestión do PP”, que executaba obras sen expropiar terreos ou as comprometía cando nin sequera tiña fondos García Porto subliña que “as herdanzas do PP obrígannos a aboar case a mesma cantidade que a Xunta recortou nas Axudas do Fogar para 66 municipios ou no programa Preescolar na Casa” O organismo provincial mellora a traida de auga en 5 núcleos rurais da Pontenova con 30.000 euros e dota de mobiliario e equipamento ó Centro Cultural de Castro de Rei con 50.000 euros

A vicevoceira provincial socialista, Pilar García Porto, avanzou hoxe que a Xunta de Galicia vén de excluir ás Deputacións do Plan de Cooperación para a contratación de parados nos Concellos. Pilar García salientou que “é a primeira vez na histoira desta iniciativa que os organismos provinciais quedamos fóra. Isto débese a unha decisión unilateral, inadmisible e inxustificada nos tempos que corren xa que a Executivo autonómico é coñecedor das múltiples prestacións e servizos que ofrecemos ós municipios ante os escasos recursos das entidades locais e fronte ós recortes e ameazas que reciben dos Goberno do PP”. O ano pasado o organismo lugués recibiu 100.000 euros, uns 15 millóns de pesetas, cos que deu emprego a 14 persoas que prestaron servizo nos departamentos de Fondos Europeos, Urbanismo, Cultura ou no Consorcio Provincial de Bombeiros. “Contamos cunha cantidade insignificativa se a comparamos coa achegada a municipios do PP”, subliñou.

Neste senso, destacou que os 8,3 millóns de euros que recibiu a provincia en 2011 foron “distribuidos de xeito partidista e sen ter en conta criterios fundamentais como a poboación”. E é que Quiroga foi o municipio que máis fondos recibiu con 959.195 euros, seguido de Cervo con 266.816 euros. Ambos os dous Concellos, tamén gobernados polo populares, teñan menos de 5.000 habitantes. En comparanza, o municipio lugués, o de maior número de habitantes na provincia contou cunha subvención de 260.790 euros.

En mostra deste reparto “distriminatorio” por parte da Xunta, García Porto puxo máis exemplos: Vilalba -260.952 euros-; Cospeito -256.034-; Palas de Rei -207.991 euros-; O Saviñao -162.277-; Barreiros -147.633 euros-; municipios, todos eles, gobernado polo Partido Popular. Mentres, os Concellos dirixidos polo PSOE lograron un 90% menos da media: As Nogais -35.410 euros-; Castroverde -36.533-; Cervantes -34.467-; Navia de Suarna -26.207 euros-; Negueira de Muñiz -18.440 euros-; Ribas de Sil -56.193 euros-; Samos -30.630- ou Triacastela -34.525 euros-. “Se se fixan todos son municipios pertencentes á Montaña e, por tanto, á zona que sufre o maior índice de despoboamento da provincia, con maior necesidade de iniciativas que fomenten a creación de emprego para combater a sangría demográfica”. A vicevoceira setenciou que “con estas cifras defínese a política do PP: abundancia para uns poucos e fame para os outros”.

Pagando débedas do PP

Ó respecto da Xunta de Goberno, García Porto deu conta dunha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza que fixa o xustiprecio de 6 fincas en 416.442 euros. Son os terreos que o Partido Popular debería haber expropiado en 2005, previamente ó inicio das obras de acondicionamento da canle á marxe do Río Rato entre os parques Paradai e Sagrado Corazón. O PP executou estes traballos sen contar cos terreos, facendo que agora o Goberno Provincial teña que aboar a cantidade fixada polo TSXG. A sesión tamén acordou as cantidades fixadas polo Xurado de Expropiacións de Galicia, que suman 36.700 euros, pola expropiación de 24 fincas dentro do proxecto de acondicionamento da estrada de Acebo a Negueira de Muñiz, enmarcado no POL 2005. A vicevoceira explicou que, neste caso, son uns traballos contratados hai anos polo PP pero executados por este Goberno Provincial tras pactar cos veciños a entrada nos terreos para poder executar as melloras en 1,5 quilómetros deste vial mentres o Xurado de Expropiacións determinaba o xustiprecio.

En definitiva, aclarou a Deputada ó respecto de ambos os dous casos, “son herdanzas do Partido Popular que contrataba obras sen contar con cartos nin terreos ou as executaba sen realizar as expropiacións. A mala xestión do PP, obríganos agora a desenvolsar máis de 450.000 euros para facer xustiza cos veciños ós que os populares lles invadiron as súas fincas. Esta cantidade é case a mesma que a Xunta recortou co seu Decretazo nas Axudas no Fogar nos Concellos de menos de 2.000 habitantes da provincia e incluso superior ó recorte no programa de Preescolar na Casa”, remarcou.

E é que o Goberno galego eliminou a partida de 443.000 euros, que concedeu o ano pasado para as Axudas no Fogar en 66 municipios lugueses; un presuposto que xa sufría un drástico recorte con respecto a 2010 onde a aportación autonómica foi de 1,1 millóns de euros. Pola contra, a Deputación, cun orzamento infinitamente menor e sen competencias directas na materia, en 2010 outorgaba 500.000 euros, mantiña esta cantidade ó ano seguinte mentres a incrementou ata os 600.000 euros en 2012. Outra das aportacións autonómica que sufriu recortes foi o programa Preescolar na Casa con 300.000 euros menos, que obrigaron a un ERE que afectou a 45 profesionais. Mentres, o Goberno galego si mantivo os 400.000 euros para a retransmisión das Misas na televisión autónomica.

Actuacións ante a seca

Dentro da aposta pola máxima cooperación cos Concellos, a Xunta de Goberno aprobou a contratación do equipamento necesario para a mellora da traída de auga en 5 núcleos rurais do Concello da Pontenova, concretamente nas parroquias de Sanxés, Selas, Xudán, Beche e Rececende, por valor de 32.000 euros. “Ante a total ausencia de políticas de actuación da Xunta de Galicia para combater a seca e a falta de recursos municipais, a Deputación asiste ós 100 veciños destas localidades que, en ocasións anteriores, sobre todo en épocas estivais, xa tiveron problemas co subministro de auga, obrigando ó Concello a suministrárllela con motobomba”.

Castro de Rei

A sesión acordou a contratación do mobiliario e o equipamento de son e video para o único Centro Cultural de Castro de Rei por valor de 51.000 euros, financiados ó 100% pola Deputación. Con esta actuacións, a institución dota a estas instalacións do material necesario para o seu auditorio ou para os espazos multifunción onde se reúnen as asociacións da zona.