Deputación de Lugo

A Deputación impulsa a ruta automobilística Eo-Terras de Burón, que rexurde tras 12 anos para potenciar o turismo medioambiental

A Deputada de Medio Ambiente, o Alcalde fonsagradino e o presidente do Club Rutas de Galicia, José Manuel Vega, presentaron o encontro, que terá lugar este domingo e lunsUnhas 160 persoas gozarán do itinerario, que discorrerá ó longo de 190 quilómetros por Baleira, A Fonsagrada, Ribeira de Piquín, A Pontenova, Trabada, Ribadeo e Riotorto Sonsoles López anunciou que un equipo de alumnos e profesionais da Fundación TIC gravará e editará un CD sobre a ruta, que se distribuirá entre medios de comunicación de toda España para contribuír á súa difusión e continuidade no tempo

A Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, o Alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández, e o presidente do colectivo organizador, o Club Rutas de Galicia, José Manuel Vega, presentaron este venres na Sala de Xuntas do INLUDES a XI Ruta do Eo-Terras de Burón, un evento que volve a celebrarse tras 12 anos de parón con aires totalmente renovados, pois pasa de ter un carácter principalmente deportivo a ampliar os seus obxectivos cara a promoción do turismo medioambiental na provincia. De feito, os participantes poderán realizar o itinerario en calquera tipo de automóbil: 4x4, todo terreo, turismo ou moto trail. O encontro automobilístico terá lugar este domingo e luns, coincidindo coa ponte do Primeiro de maio para favorecer a participación.

Segundo anunciou López Izquierdo na rolda de prensa, a Deputación de Lugo colaborará co Club Rutas de Galicia coa gravación e edición dun CD sobre o certame, que se distribuirá entre medios de comunicación de toda España para incrementar a súa difusión e facilitar a continuidade no tempo da actividade. Das tarefas de elaboración do traballo audiovisual ocuparase un equipo de alumnos e profesionais da Fundación TIC, dependente do organismo provincial.

A organización espera que tomen parte na ruta turística uns 80 vehículos, o que supoñerá unhas 160 de persoas, entre condutores e acompañantes. Os inscritos son da provincia de Lugo, pero tamén do resto de Galicia e incluso de fóra da comunidade autónoma, pois está prevista a participación de persoas chegadas de Madrid. O itinerario ten 190 quilómetros de lonxitude, que se dividirán en dúas etapas –unha o domingo e outra o luns- e discorrerá polos municipios de Baleira, A Fonsagrada, Ribeira de Piquín, A Pontenova, Trabada, Ribadeo e Riotorto.

A Deputada de Medio Ambiente destacou que o organismo provincial “ten que estar sempre do lado de iniciativas coma esta, pois coincide cun dos obxectivos fundamentais da Deputación: aproveitar os extraordinarios recursos medioambientais da provincia, sobre todo as nosas Reservas da Biosfera, para convertelos na verdadeira oportunidade económica de Lugo, xeradora de riqueza e emprego”. Sonsoles López engadiu que o Goberno provincial “está envorcado neste propósito dende o ano 2007, e especialmente neste 2012, cando conmemoramos o 10º aniversario da declaración de Terras do Miño como Reserva da Biosfera pola UNESCO”. “Esta mesma semana presentamos a terceira gala Lvcvs Moda, precisamente dedicada a Terras do Miño; convocamos o I Concurso de Novos Deseñadores lucenses; organizamos un programa de rutas didácticas para escolares, que arrancará o 5 de maio; exposicións, un concurso de fotografía, conferencias... Todas, accións encamiñadas a potenciar o desenvolvemento das Reservas da Biosfera, pois é un valor que non estamos dispostos a desaproveitar”, subliñou.

O encontro que organiza o Club Rutas de Galicia, indicou a Deputada, “vai pola mesma senda, potenciando a Reserva do Río Eo, Oscos e Terras de Burón, un espazo do que a Deputación non é a máxima responsable, pero que non por iso deixamos de lado. De feito, este territorio estivo incluído nas actuacións de desenvolvemento que levamos a cabo a través da primeira fase do programa Lug02, dotado en conxunto con 5 millóns de euros”.

Respectuoso co entorno

Pola súa banda, o Alcalde da Fonsagrada, ó igual co presidente do Club Rutas de Galicia, recalcou que se trata dun itinerario que respecta o medio ambiente, pois na súa maioría discorre por asfalto, e está dirixido a todo tipo de persoas, dende os afeccionados a este tipo de rutas automobilísticas, como a un público familiar. Non ten un carácter competitivo, engadiu Argelio Fernández, “senón que se trata de pasar unha fin de semana agradable coas amigos ou coa familia, gozando en vivo e en directo das nosas paisaxes, cultura e gastronomía, pero tamén do contacto coas nosas xentes, que son un dos activos máis importantes da nosa terra”. O rexedor fonsagradino indicou así mesmo que toda esta riqueza “quedará na retina dos participantes, que seguro farán de bos embaixadores da provincia”.

Neste mesmo senso, o presidente do Club Rutas de Galicia incidiu en que a ruta reverterá na actividade económica da zona pola que discorrerá o itinerario, “pois os participantes poderán comer en calquera restaurante da zona, facer paradas en establecementos ou mesmo respostar gasolina”. José Manuel Vega avanzou así mesmo que esta actividade é o punto de partida dunha ampla programación que levará a cabo a agrupación que preside, como rutas de sendeirismo ou en bicicleta de montaña.

Posta de largo de Rutas de Galicia

A ruta automobilística organizada para esta ponte de maio pola comarca do Eo e Terras de Burón supón a posta de largo do Club Rutas de Galicia, unha asociación sen ánimo de lucro que foi constituída hai un ano e medio retomando a actividade do colectivo Rutas del Eo, organizador nos 90 das dez edicións celebradas da Ruta do Eo-Terras de Burón. O novo colectivo, fundando por 5 socios veciños da provincia lucense, abre os seus obxectivos do ámbito deportivo orixinal ó turístico, e incorpora o uso das novas tecnoloxías nas rutas. Deste xeito, no seu portal web www.rutasdegalicia.es os usuarios poden visualizar e descargar os percorridos que ten preparados a agrupación e realizalos usando dispositivos de navegación. A agrupación está adherida a wikiloc.com o sitio web de referencia na Rede para descubrir e compartir rutas ó aire libre.