Deputación de Lugo

A Deputación fai posible a apertura da residencia de Monterroso tras a negativa da Xunta a dotala de mobiliario

O Presidente anuncia que o organismo provincial achegará 75.000 euros para equipar o centro da terceira idade, “suplindo unha vez máis á Administración galega na provincia, pois é a que ten competencias directas en Benestar Social”Grazas á institución luguesa, o xeriátrico, que dará traballo a 14 persoas, poderá abrir as súas portas en outubro, segundo avanzou o Alcalde, quen calcula que as 26 prazas dispoñibles estarán cubertas en dous meses dada a elevada demanda social existenteAntonio Gato lamentou a falta de apoio da Xunta, “que nos deixou na estacada. Se por eles fora, Monterroso estaría dous anos máis, como mínimo, sen este servizo tan necesario”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, avanzou este xoves que o organismo provincial fará posible a apertura da residencia da terceira idade de Monterroso ó consignar a achega necesaria para dotar de mobiliario ó centro, logo de que a Xunta de Galicia lle negase axuda ó Concello para poder facelo, retrasando así a posta en marcha do servizo. O mandatario provincial e o Alcalde monterrosino, Antonio Gato, asinaron hoxe no consistorio da localidade un convenio de colaboración en virtude do cal a institución luguesa achega 75.000 euros para equipar o xeriátrico.

Gómez Besteiro destacou que, “facendo un novo esforzo económico, vémonos na obriga, unha vez máis, de suplir á Administración autonómica na provincia, pois é a que ten competencias directas en Benestar Social, como tamén o temos que facer, por exemplo, en medio rural, asumindo en solitario a construción do primeiro centro de recría público en España na Granxa Gayoso Castro, ou en educación, aumentando a dotación para Preescolar na Casa para garantir a continuidade do programa despois de que a Xunta suprimise unha axuda de 500.000 euros”.

Grazas á institución luguesa, a residencia de Monterroso, que dará traballo a 14 persoas, poderá abrir as súas portas en outubro, segundo as estimacións do rexedor, quen calcula que as 26 prazas dispoñibles estarán cubertas en dous meses, isto é, a finais de ano, dada a elevada demanda social existente, non só no Concello monterrosino, senón no resto da comarca da Ulloa. Hai que ter en conta que o 30% dos 4.200 habitantes de Monterroso teñen máis de 65 anos de idade e que a localidade presenta un saldo vexetativo negativo.

“Apoio decisivo da Deputación”

Antonio Gato subliñou que o apoio da Deputación para a posta en marcha do centro da terceira idade “foi absolutamente decisivo”, pois a achega que realiza agora para equipar as instalacións súmase ós 120.000 euros que o organismo provincial aportou o pasado ano para levantar a segunda planta do inmoble, rematando así a construción do complexo que o Concello iniciou en 2010 cunha subvención de 442.000 euros outorgada polo anterior Goberno central a través do Plan E. O Concello xestionará directamente a residencia.

Este respaldo contrasta co “nulo apoio da Xunta, que nos deixou na estacada”, sinalou o Alcalde. “Se por eles fora, Monterroso seguiría dous anos máis, como mínimo, sen este servizo tan necesario”, explicou Gato, xa que nunha reunión que mantivo o pasado ano coa Secretaria Xeral de Igualdade, Susana López Abella, para abordala cuestión aseguroulle que “en 2011 e 2012 non habería financiamento para a residencia”.

Atención ás prioridades de Lugo

O Presidente da Deputación lamentou neste senso que, “unha vez máis, a Xunta de Feijóo, ó igual co Goberno de Rajoy, non atenda ás verdadeiras prioridades de Lugo e defraude ós veciños da provincia e á cooperación institucional”, pois lembrou que, ademais de negar axuda a Monterroso para poder abrir o centro da terceira idade, a Consellería de Traballo rexeitou concertar prazas na rede provincial de residencias impulsada pola Deputación, incumprindo deste xeito a promesa realizada pola Conselleira Beatriz Mato a cinco días das eleccións municipais.

A titular de Traballo alegou nunha entrevista co Presidente en decembro que a creación de residencias en Lugo non é prioritaria, pero en cambio a Xunta si está a concertar prazas en centros privados da provincia. A necesidade de aumentala oferta neste ámbito queda reflectida ademais en numerosos estudos e mesmo en documentos oficiais do Goberno autonómico. Así, segundo datos do Manual de Traballo, Información e Asesoramento en Servizo Sociais (MATIASS) do propia Xunta, a provincia lucense é a que conta con menos centros de atención á terceira idade (49) e con menos prazas residenciais (3.500), mentres que é a máis avellentada da comunidade, xunto a Ourense, pois o 33,7% da súa poboación ten máis de 60 anos, o que supón 6 puntos por riba da media galega.