Deputación de Lugo

A Deputación financia as VI Xornadas Xurídicas de Sarria que reunirán na provincia a prestixiosos maxistrados

O organismo provincial achega 6.000 euros a esta iniciativa, facendo posible que o Concello sarriano e Foro Xurídico Diego Pazos poidan reeditala os días vindeiros días 1 e 2 de xuñoVal Alonso subliña que “estas xornadas fan da provincia a capital xurídica de España e xeran riqueza coa visita de centos de personas que non queren perder esta oportunidade única”A programación, que versa sobre o Dereito de Sucesións, arrancará o venres coa intervención do Fiscal Xeral do Estado e pechará o sábado, ás 13:30 horas, co Presidente da Deputación de Lugo

O Deputado de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación, José Ramón Val Alonso; o Acalde de Sarria, José Antonio García López; o Magistrado da Sala Primeira do Tribunal Supremo, Rafael Gimeno Bayón; o ex Presidente da Sala Primeira do TS, Ignacio Sierra Gil de la Cuesta; e o Director do Foro Xurídico Diego Pazos, Xaime Félix López Arias, presentaron este sábado no Salón de Plenos sarriano as VI Xornadas Xurídicas de Sarria. É a iniciativa que organiza o Concello de Sarria e o Foro Xurídico Diego Pazos mediante unha achega do organismo provincial de 6.000 euros. Terá lugar os vindeiros 1 e 2 de xuño, reunindo no municipio sarriano ós mellores maxistrados do país para abordar o Dereito de Sucesións, así como a centos de persoas.

Val Alonso destacou que “un ano máis, malia as dificultades económicas e os recortes que todas as administracións estamos a padecer, a Deputación de Lugo colabora con esta iniciativa. Dende os inicios destas xornadas, xa hai 6 anos, o organismo provincial sempre as financiou, consciente das oportunidades que conlevan para Lugo: primeiro, porque fan da nosa provincia a capital xurídica de España durante uns días coa participación dos mellores xurístas no país e dos temas que debaten. E en segundo lugar, porque recibimos a visita de centos de persoas que non queren perder esta oportunidade única e que aproveitan a súa estancia en Lugo para coñecer a nosa provincia, xerando riqueza noutros sectores, como a hostelería ou o comercio e, polo tanto, dinamizando a nosa economía. Queda demostrado, tanto polo número de edicións como polo poñentes que inclúe o programa, que estes anos de suma de esforzos serviron para acadarmos unhas xornadas consolidadas que, de seguro, voltarán a ser un éxito”.

Programa

O Fiscal Xeral do Estado, Eduardo Torres Dulce Lifante, abrirá as xornadas o venres, 1 de xuño, ás 10:00 horas. A continuación, comezará a primeira conferencia, “O presente e o futuro do Dereito de Sucecións; casos e cousas da lexítima”, a cargo do maxistrado da Sala Primeira do Tribunal Supremo (TS) e Catedrático de Dereito Civil, Xavier O´Callaghan Muñoz. Ás 12:30, Antonio Salas Carceller, tamén xurista do TS, abordará “A capacidade para testar. O testamento. Clases. A institución do herdeiro. Lexítimas e melloras. Xurisprudencia do Tribunal Supremo”. Pola tarde, haberá varias mesas redondas: “A dimensión constitucional do Dereito de Sucesións”; “A sucesión herdada e o dereito fiscal. A práctica notarial na sucesión intestada”; “Revocación e ineficacia dos testamentos. A desherdanza”; e “A participación da herdanza. Procedimiento divisorio”.

O sábado, a primeira conferencia, ás 10:30 horas, será “A lexítima no Dereito Civil de Galicia” a cargo de Pablo Ángel Sande do TSXG. Ás 12:00 horas, “A responsabilidade civil por evicción no Dereito de Sucesións” con Francisco Javier Orduña do TS. A clausura está prevista ás 13:30 horas, na que participará o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro.