Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo cos traballadores de Alcoa

Besteiro, Méndez e Alonso participaron en Viveiro na manifestación en reivindicación de medidas urxentes que garantan a actividade da factoría cervente e os 2.000 empregos que xera na provinciaAlcoa segue á espera dunha tarifa que evite o seu peche porque, malia que Feijóo asegurou que o Ministerio de Industria xa tiña un compromiso, Soria aínda non anunciou acordos coas eléctricas

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, a Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez López, e o Deputado de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación, José Ramón Val Alonso, participaron este venres na manifestación que o comité de empresa de Alcoa San Cibrao organizou en Viveiro para reivindicar medidas urxentes que garantan a actividade da factoría cervense e os 2.000 empregos que xera na provinica. Baixo o lema “pola defensa dos postos de traballo, da industria da Mariña e a continuidade de Alcoa”, Besteiro, Méndez e Val, acompañados por outras autoridades, quixeron, unha vez máis, amosar o apoio da institución provincial ós traballadores da que é a maior fábrica en Lugo, representando o 35% do seu PIB.

Alcoa está á espera de que o Goberno Central negocie coas eléctricas unha tarifa que evite o seu peche. Ante esta situación que pon en perigo miles de empregos na provincia, o organismo lugués, que non ten competencias na materia pero si representación institucional en Lugo, aprobou a petición de Gómez Besteiro unha declaración institucional, instando ó Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a intervir no proceso de negociación coas eléctricas que deberían iniciar os seus compañeiros de partido á fronte do Executivo Estatal, como máximos responsables na materia. Con este texto, a Deputación tamén esixiu a Feijóo que inicie as obras de construción do gaseoducto que prometeu para San Cibrao e que nunca comezou. Este sistema permitiría a Alcoa reducir os seus custes de produción nun 20%, ó substituir o fuel polo gas natural, ademais das emisión de CO2.

Posteriormente, Besteiro trasladou en persoa estas peticións a Feijóo, aproveitando un encontro que mantiveron en Santiago, e cumprindo coa palabra dada ós traballadores de Alcoa. Días máis tarde, Feijóo asegurou publicamente que o Ministerio de Industria tiña un compromiso. Nembargantes, o titular desta carteira, José Manuel Soria, aínda non anunciou acordou algún, evitando incluso abordar as negociacións coas eléctricas na sesión de contol ó Goberno a pesares da pregunta formulada ó respecto polo Diputado socialista por Lugo, José Blanco.

O máximo mandatario provincial anunciou que a Deputación “chegaría a onde fose dentro das súas posibilidades” co fin de salvar os 2.000 postos de emprego de Alcoa en Lugo. Por este motivo, ademais das reiteradas reclamacións ós Gobernos do PP, Besteiro abordou a situación da factoría cervense co Presidente deste grupo en España, José Camino de Miguel, nunha conversa telefónica. Hoxe, insistiu nas súas reividicacións, secundando a convocatoria que os traballadores desta factoría levaron á localidade viveirense.