Deputación de Lugo

Lara Méndez, pregoeira da XV Festa do Pemento de Mougán coa que colabora a Deputación

A Vicepresidenta convidou ós produtores a sumarse gratis á Lugo Sabe, a marca que se amplía a outros 125 produtos, e á 1º plataforma de comercio electrónico da provincia20 profesionais ofreceron unha degustación gratuíta de 400 quilos de pementos, ó tempo que puxeron á venda outros 100 quilos deste froito, a un prezo de 5 euros

A Deputación apoiou, un ano máis, á Asociación de Produtos “O Pemento de Mougán” (APROPEM) na celebración da cita gastronómica que tivo lugar hoxe no campo da festa de dita parroquia do Concello de Guntín. A colaboración da institución, que consistiu nunha achega de 1.500 euros, contribuíu a que os 20 produtores que integran este colectivo ofreceran ós, aproximadamente, 1.200 participantes, unha degustación de 400 quilos de pementos de Mougán, que se puideron acompañar duns 500 quilos de churrasco e pan, aboando únicamente o prezo da bebida consumida. A maiores, puxéronse á venda outros 100 quilos deste froito autóctono cun prezo de 5€/quilo. A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, foi a encargada de ler o pregón, iniciando, deste xeito, a décimo quinta edición deste festexo que, por segundo ano consecutivo, se adiantou en relación ás convocatorias anteriores que tiveron lugar no mes de setembro, aproveitando a afluencia de visitantes á provincia durante a época estival e esperando reunir máis participantes.
Méndez salientou que a “aposta conxunta” de Deputación e APROPEM polo impulso dos produtos autóctonos, “como forma de xerar riqueza na provincia”. O pemento de Mougán é un produto con tradición xa que se remonta ó século XVIII, cando os frades do Mosteiro de Ferreira de Pallares introduciron a súa semente na comarca dende México. Ten unhas características que o diferencian notoriamente doutros froitos da familia como o de Padrón xa que destaca pola súa cor verde escura, textura fina con zume e con sabe doce e, en ocasións picante. Os seus produtores acadan ó ano unhas colleitas de 20.000 quilos.
Co fin de incrementar os beneficios destes profesionais e xerar riqueza na provincia, a Vicepresidenta ofreceu ós produtores sumarse, sen custe algún, á marca Lugo Sabe da institución. “Temos que ter en conta que a agricultura ecolóxica xerou no ano 2010, 10 millóns de euros, facendo que Lugo sexa a provincia galega que xera máis negocio neste sector. Ademais, os produtos con marcas de calidade incrementaron os seus beneficios nun 5,4% en 2011 polo que, estou convencida de que, sumarse ó noso proxecto conleva grandes oportunidades económicas”.
A iniciativa de Lugo Sabe tivo tan boa acollida na súa primeira convocatoria, que 40 produtos autóctonos contan con este distintivo na actualidade, permitindo a súa comercialización en 14 establecementos Cemar, Cafestore e La Palloza Gallega, situados estratexicamente nas provincias de Lugo e A Coruña. Moitas empresas amosaron o seu interese por acadar esta marca. Por este motivo, o organismo provincial ampliou o proxecto dentro da segunda fase do programa Lug02, para a que a Unión Europea lle concedeu un total de 6,5 millóns de euros. Proximamente, a institución fará que outros 125 produtos conten con este selo. Para elo, todos os alimentos lucenses que o desexen poden facer a súa solicitude, dirixíndose o organismo lugués. Isto é unha novidade xa que, na anterior convocatoria e como obriga da Unión Europea, só podían acadar este selo os produtos derivados das 3 Reservas da Biosfera: Terras de Miño, Eo-Oscos-Terras de Burón e Os Ancares. Ademais, a Deputación tamén incrementará os puntos de venda dos produtos Lugo Sabe, estendéndoos por toda a Comunidade; creará novas rutas gastronómicas, ademais de impulsar as existentes; e levará estes produtos a recoñecidas feiras e eventos do país.

Comercio electrónico
Méndez convidou ós produtores do pemento de Mougán a adherirse, tamén de xeito gratuíto, á plataforma de comercio electrónico, www.losproductosdelugo.com, á que xa se sumaron 40 empresas lucenses. Este primeiro centro comercial virtual na provincia, creado a través do programa europeo Innova-TE, conta cun apartado específico e destacado para os produtos autóctonos. A plataforma aumenta as posibilidades de incrementar o volume de beneficios das empresas ó abrirlles novos mercados e facilitar as vendas xa que os clientes poden mercar as 24 horas dos 365 días do ano. Este portal non ten límite de empresas, nin de oferta de produtos.

25 certames para reactivar a economía
Outra das actuación do organismo lugués para xerar riqueza na provincia mediante a posta en valor dos produtos autóctonos, é o financiamento de 100.000 euros que, durante 2012, achega á celebración de 25 certames agroalimentarios e artesanais, así como a actividade de todas as confrarías mariñanas. Este investimento, enmarcado dentro do Plan Estratéxico de Subvencións do INLUDES, permite a celebración de eventos emblemáticos. Por exemplo: Mercado Renacentista de Viveiro, a Festa do Berberecho de Foz, a feira de mobles e antigüidades da Pontenova, a feira de artesanía de Castroverde e Guntín, Expogrelo de Abadín, a Festa da Verza Riza de Labrada, en Guitiriz; a Festa da Castaña de Folgoso do Courel; a Festa da Cereixa de Ribas de Sil ou a Xornada sobre a Exaltación dos Produtos do Mar na Montaña, en Becerreá.