Deputación de Lugo

A Deputación impulsa este domingo en Guitiriz a XVIII edición da Feira dos Callos, Canteiría e Artesanía

Imaxe deputación de lugo
O organismo provincial colabora coa Comunidade de Montes Veciñais de Santo Estevo de Parga, achegando o 20% do orzamento necesario para a celebración desta cita o 8 de xulloUns 20 profesionais elaborarán en vivo pezas de pedra, amosando as oportunidades da canteiría, novo nicho de emprego que impulsa a Deputación tamén con formación gratuítaNa cita serviránse racións de callos a 4 euros e exporanse pezas de coiro, madeira ou canteiría, feitas por artesáns deste Concello, así como doutros puntos de Galicia

A Deputación impulsa este domingo en Guitiriz unha nova edición da Feira dos Callos, Canteiría e Artesanía. A institución luguesa colabora coa Comunidade de Montes Veciñais de Santo Estevo de Parga, achegando o 20% do orzamento necesario para a celebración da XVIII convocatoria deste festexo. O seu presuposto ascende ós 15.000 euros: o colectivo guitiricense inviste 10.000 euros, o organismo provincial 3.000 euros e os veciños a cantidade restante. A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, participará na xornada este 8 de xullo, como nova mostra de apoio á cita, que comparte coa institución luguesa a aposta polo impulso dos produtos autóctonos e dos oficios artesanais, como señas de identidade e atractivo da provincia que están a xerar riqueza.

Os actos, que se celebran dende 1994, arrancarán pola mañá cun certame de canteiría no que participarán uns 20 profesionais. Os visitantes poderán ver en vivo o completo proceso de elaboración de novas escultoras. As mellores serán galardoadas para, posteriormente, formar parte da exposición ó aire libre coa que conta a Comunidade de Montes Veciñais de Parga. Precisamente, consciente das oportunidades laborais da canteiría en Lugo con máis dunha decena de empresas adicadas a este sector, e tras o xiro nas políticas da industria da construción onde, debido á crise, se opta pola restauración en lugar de realizar novas edificacións, a Deputación non só potencia a canteiría con este festexo, senón tamén con accións formativas sobre o tratamento da pedra, apostando por este sector como un novo nicho de emprego na provincia. 20 persoas participaron a custe cero dos cursos prácticos e remunerados que financiou o organismo provincial. O 25% dos beneficiados xa está a traballar mentres que, progresivamente e segundo as necesidades, se irán incorporando ó mercado laboral outros participantes coas obras de rehabilitación da antiga cárcere de Lugo ou co arranxo de lavadoiros, balados, fontes ou cruceiros.

Gastronomía e artesanía

Paralelamente á creación destas esculturas, os organizadores prepararán dende primeira hora 1.000 racións de callos, un prato típico na zona e de moita tradición tras 18 anos celebrando esta festividade, que se poderán desgustar a 4 euros, con pan e viño incluído. En caso de repetir, o prezo baixa ata os 2 euros. Complementan a programación, os traballos de coiro, madeira ou canteiría que artesáns da zona e doutros puntos de Galicia porán á venda nos expositores tamén situados no campo da feira de Parga.