Deputación de Lugo

A Deputación promociona a Ribeira Sacra colaborado coa saída da Volta España dende Monforte

O punto de saída da sexta etapa da carreira será a Praza da Compañía o 25 de agosto

Monforte de Lemos, 21 de xuño de 2016. A saída da sexta etapa da Volta Ciclista a España terá como escenario a cidade de Monforte de Lemos. Será o xoves, 25 de agosto sobre as 13:26 do mediodía. Os ciclistas partirán dende a Praza da Compañía e un pouco máis tarde, ó redor das 15:30 horas, volverán pasar pola cidade do Cabe. “A esa hora a televisión xa estará retransmitindo este evento deportivo, posto que este ano haberá unha hora máis de cobertura e os espectadores poderán ver Monforte nas súas pantallas”, indicou o director xeral da Volta, Javier Guillén durante o acto de presentación, que se celebrou na Sala de Xuntas do Concello de Monforte.
Pola súa parte, o Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, amosou a súa satisfacción polas repercusións tan positivas que o evento vai ter para a cidade: “a Volta suporá un escaparate para darnos a coñecer noutros territorios do Estado e mesmo noutros continentes, posto que o seguemento deste acto deportivo superará nalgún momento os mil millóns de persoas, o que representa unha oportunidade para dar a coñecer a nosa riqueza paisaxística, como os cañóns do Sil, o cultivo da vide en terrazas ou monumentos como os Escolapios”.
A Deputación Provincial tamén xoga un papel descatado para que a Volta Ciclista pase por Monforte. O presidente do organismo, Darío Campos, fixo fincapé na repercusión tan positiva que terá para toda a provincia: “non considero que sexa un gasto posto que vai ter un retorno moi positivo para a provincia e a Deputación quere poñer en valor todo o noso territorio.  Practicamente os deportistas cruzarán Lugo de norte a sur, e iso é o que nos levou a apostar pola Volta Ciclista porque non hai mellor publicidade, como dato, destacar que haberá máis de 1.400 xornalistas cubrindo o evento”.

A saída da Volta aberta a todos
Por outra parte, o director xeral da Volta, Javier Guillén, destacou que o paso dunha das etapas por Monforte vai permitir cumprir cunha asignatura pendente deste evento deportivo que chega a preto de 200 países: “cada vez que pisamos Galicia nos quedaba a Ribeira Sacra sen tocar, e desta volta imos estar aquí. Sen dúbida esta zona vai ser o descubrimento da Volta deste ano e as imaxes que se van poder ver farán as delicias dos espectadores de todo o mundo”.

O director xeral da Volta Ciclista a España apuntou que a saída da etapa concíbese como unha festa “posto que somos un deporte de proximidade e queremos unha integración entre os veciños de Monforte e os ciclistas”, sinalou. O día 25 de agosto os equipos estarán nunha zona zona aberta e as persoas que queiran poderán achegarse e facer unha foto cos seus ídolos.
A montaxe das infraestruturas necesarias para a Volta comezará o día anterior. Estímase que unhas 3.000 persoas se aloxen na provincia de Lugo.