Deputación de Lugo

As praias mariñanas compiten en calidade medioambiental coas da Costa Dourada e o Levante

Lugo é a primeira provincia galega e a cuarta de España, tras Tarragona, Valencia e Castellón, con máis areais recoñecidos coa certificación ISO 14001, a de maior rigor a nivel internacional no eido da protección ambientalJosé Ramón Val supervisará esta tarde o inicio dos traballos para renovar o distintivo en 14 praias de Foz, Viveiro e Ribadeo, que o organismo financia integramente por terceiro ano consecutivo, aforrándolle a cada Concello 7.000 euros

A provincia de Lugo é a primeira de Galicia e a cuarta de España -despois de Tarragona, Valencia e Castellón- con máis areais recoñecidos coa certificación ISO 14001, a de maior rigor a nivel internacional no eido da protección ambiental. As praias mariñanas, polo tanto, compiten en calidade medioambiental coas da Costa Dourada e o Levante, situándose na mesma categoría que populares areais destas zonas como as de Cullera, Gandía, Oropesa del Mar ou Salou. O Deputado de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación, o mariñano José Ramón Val, supervisará este venres pola tarde o inicio dos traballos para renovar o certificado ISO 14001 e EMAS en 14 praias da Costa lucense, pertencentes a Foz, Viveiro e Ribadeo, unhas tarefas que a Deputación, por terceiro ano consecutivo, financia ó 100%, aforrándolle a cada Concello uns 7.000 euros.

"Facendo un novo esforzo inversor e potenciando a Cooperación cos Concellos, asumimos un ano máis o custe íntegro da consultoría e auditoría para que a Mariña siga sendo un referente de calidade en España", subliñou Val, quen sinalou que esta iniciativa "ratifica o noso compromiso co medio ambiente como oportunidade económica da provincia e co turismo sostible, tendo en conta ademais que este é un dos soportes fundamentais da economía mariñana". De feito, segundo un recente estudo da Universidade de Santiago, o 68% da actividade económica do Concello de Ribadeo e o 60% da de Viveiro está fundamentada neste sector. Outro dato significativo é que máis das 5.000 empresas radicadas na comarca, o 70% dedícanse ó sector servizos.

Galicia é a terceira comunidade de España con máis bandeiras ISO 14001 grazas a Lugo, pois das 19 praias galegas certificadas, 14 son mariñanas, e as outras 5 da Coruña (Riazor, Orzán, As Lapas, San Amaro e Oza).

Os traballos de consultoría e auditoría para o mantemento da certificación ISO 14001 e EMAS arrancan hoxe en Foz, despois de que este Concello e os de Ribadeo e Viveiro aceptasen adherirse un ano máis ó proxecto do organismo provincial, e continuarán nos vindeiros meses co fin de que no verán de 2013 as praias poidan lucilo selo de novo. Os labores desenvólvense en estreita colaboración cos técnicos municipais, e inclúen visitas in situ, como a realizada hoxe ós areais focenses, para comprobar a situación das praias e facelas recomendacións de mellora pertinentes. As 14 praias que optan á ISO 14001 son as seguintes:

Viveiro: Covas, Area e Sacido.

Foz: Areoura, Llas, Peizás, As Polas, A Rapadoira, Os Xuncos, Alemáns, A Pampillosa e Arealonga.

Ribadeo: As Catedrais e Os Castros

Un aforro de 77.000 euros ós Concellos

Asumindo integramente os custes dos traballos para implantar e manter a certificación ISO 14001 dende o 2010, a Deputación leva aforrados 77.000 euros ós Concellos (35.000 euros en 2010 a Viveiro, Ribadeo, Foz, Burela e O Vicedo; 21.000, no 2011 a Viveiro, Ribadeo e Foz; e outros 21.000, neste 2012 tamén a Viveiro, Ribadeo e Foz). Aínda que os concellos se comprometeran o pasado ano a facerse cargo das tarefas necesarias para renova a ISO 14001, que deben realizarse cada tempada, a Deputación decidiu volver a financialas outra tempada tendo en conta a delicada situación económica que atravesan as administracións locais.

Os beneficios

A certificación ISO 14001 e EMAS leva consigo tres tipos de beneficios directos para os Concellos. Por un lado, ambiental, un dos máis visibles, pois o selo implica a incorporación de melloras continuas nos areais. Deste xeito, as entidades locais que este ano renoven o certificado aplicarán actuacións que contribúan a optimizar a limpeza e a xestión de residuos das praias, así como melloras doutros servizos ós usuarios. Por outra banda, un beneficio de imaxe, dada a promoción que leva consigo, xa que as praias con este distintivo figuran nun rexistro oficial da Administración Autonómica ó que teñen acceso a cidadanía en xeral e os operadores turísticos. Así mesmo, abre portas á participación en feiras e salóns turísticos, e permítelles ós municipios distinguidos diferenciarse da competencia neste tipo de certames, mellorando o seu posicionamento ante a sociedade. Por último, leva consigo un beneficio económico, pois coa optimización da recollida de residuos, as entidades locais acaban reducindo custes e tamén o risco de recibir sancións por irregularidades medioambientais.

Máis rigorosas que a Bandeira Azul

"A pesar de que a Bandeira Azul quizais sexa máis coñecida polos usuarios", os requisitos da ISO 14001, dedicada en exclusiva a cuestións ambientais, son moito máis rigorosos, argumentou Val, pois baséanse nunha norma obxectiva que emana da Unión Europea. Mentres que a Bandeira Azul é unha fotografía fixa da praia que se dá nun determinado momento, a ISO 14001 garante unha excelente calidade medioambiental e de servizos, ademais dunha mellora continua nos areais. Tamén supón un valor engadido con respecto á Q de Calidade Turística, pois non só atende ás demandas dos turistas que marcan as empresas, senón tamén ás disposicións medioambientais dos expertos da Unión Europea. De aí que se garanta unha correcta xestión medioambiental, minimizando o impacto nas praias e, o que é máis importante, nos veciños.

Deste xeito, o Deputado lamentou que non todos os Concellos mariñanos se adheriran en 2010 ó proxecto que o organismo provincial puxo en marcha para obtela certificación e que o pasado ano se deran de baixa O Vicedo e Burela. "Poderían ter a custe cero un distintivo que garante un plus de calidade", asegurou. "O caso de Burela foi especialmente chamativo porque participou en tódalas reunións técnicas previas ó inicio das auditorías e logo descolgouse xusto antes de comezar ditas tarefas. Non o fixemos, pero quizais lles tivéramos que reclamar os cartos porque incumpriu o seu compromiso, deixándonos colgados a última hora. O Vicedo tamén se desvinculou, pero xa antes de comezar o proceso para renovar o certificado", argumentou José Ramón Val.

Aposta polo medio ambiente

O responsable de Economía do Coñecemento destacou que a implantación deste certificado de calidade súmase ás numerosas iniciativas que emprende a Deputación para potenciar a actividade turística e o sector servizos en xeral na comarca mariñana aproveitando a potencialidade do medio ambiente, tales como: Km0, no que Mariña é o destino preferido, de xeito que, dos case 35.000 participantes que tivo o programa dende a súa posta en marcha, no ano 2008, máis de 11.000 viaxaron á Mariña, xerando nestes período un volume de negocio duns 300.000 euros nas 40 empresas colaboradoras; o Surf Camp, que serve de tirón para aumentala ocupación hoteleira na Mariña fóra de tempada, chegando na última edición a rozar o 80% na zona oriental da comarca, e incluso superar esta porcentaxe no Concello de Ribadeo; e o apoio á Peregrinación Marítima pola Costa de Lugo ou ó Camiño do Mar, cuxo recoñecemento oficial por parte da Xunta é un dos compromisos do programa do Goberno provincial.