Deputación de Lugo

Besteiro ratifica a aposta da Deputación pola economía do medio ambiente na apertura do curso de verán do IBADER sobre uso de lodos

O Presidente participou na inauguración das xornadas sobre boas prácticas na utilización de lodos de depuradora en solos agrícolas, forestais e degradados, no que participarán ata o venres medio cento de alumnos, entre universitarios, titulados e empresarios Gómez Besteiro resaltou o compromiso do organismo provincial co IBADER, pois apoiou a creación do centro e o acondicionamento da súa nova sede, ademais de demoler os barracóns para mellorar o acceso ás instalacións

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, participou este mércores na apertura do curso de verán organizado polo Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER) sobre boas prácticas na utilización de lodos de depuradora en solos agrícolas, forestais e espazos degradados, un acto no que o mandatario provincial ratificou a aposta do organismo lugués pola economía do medio ambiente como “oportunidade para o desenvolvemento da provincia, crear emprego e facer fronte á perda de poboación, que leva aparellada, a perda do control do territorio”. “Neste momento de crise, os cidadáns teñen dereito a saber de que vamos a vivir no futuro, e, en Lugo, a economía do medio ambiente ten que ser unha peza mestra polos grandes recursos cos que contamos; somos uns privilexiados, a nosa provincia é case única en España pola súa biodiversidade”, engadiu o Presidente, que recalcou que “temos que dedicarnos á protección ambiental, pero tamén velo medio ambiente en clave económica”.

Gómez Besteiro quixo confirmar así mesmo o compromiso co IBADER, pois a Deputación apoiou a creación do propio centro; o acondicionamento da súa nova sede, cedendo a finca coñecida como A Casa da Granxa e achegando 200.000 euros; demoleu os barracóns situados entre o hospital Rof Codina e a facultade de Dirección e Administración de Empresas para mellorar a entrada ás instalacións, e aporta 12.200 euros anuais para o funcionamento do instituto. Por outra banda, o mandatario provincial subliñou o labor que leva a cabo o centro no ámbito da formación, “hoxe en día máis necesaria que nunca para poder saír desta crise”.

Representantes da Universidade, Xunta e Concello de Lugo

A apertura oficial do curso de verán do IBADER sobre as boas prácticas na utilización de lodos de depuradora estivo presidida polo Vicerreitor de Investigación do Campus Universitario de Lugo, Pablo Ramil, e, xunto a Gómez Besteiro, estiveron presentes a directora das xornadas e do IBADER, María Elvira Mosquera; os xefes territoriais das Consellerías de Medio Rural e Medio Ambiente, José Ramón Losada Fernández e José María López Vega, respectivamente; e o Concelleiro de Medio Rural do Concello de Lugo, Manuel Enrique Chaín Fernández.

No curso, que rematará o venres, participan medio centenar de alumnos, entre estudantes universitarios e titulados en todo tipo de áreas relacionadas co medio ambiente, así como empresarios do sector. Entre estes últimos, hai dous de Portugal.

Por que os lodos

A directora do IBADER explicou que os cursos de verán que cada ano organiza este centro de investigación, asesoramento, difusión e formación teñen como obxectivo “crear espazos de intercambio de coñecemento sobre temas relacionados co medio rural”. Segundo Elvira López, o tratamento de lodos foi elixido este ano por tres motivos: porque hai dous grupos de investigación do instituto que levan traballando dende hai anos no tratamento de lodos de depuradora de distinta orixe; porque no mes de xuño aprobouse un decreto autonómico sobre o uso agrícola dos lodos, “máis restritivo que o anterior e que debemos coñecer”; e porque está a producirse unha importante controversia social sobre estes residuos á que quere poñerse fin con información rigorosa como a que ofrecen estas xornadas, “nas que reunimos a investigadores, administración, empresas e usuarios”. A directora do IBADER insistiu na necesidade de “maximizar a valorización destes recursos, pero hai que facelo ben, polo que neste curso vamos insistir nas boas prácticas para garantir a calidade do solo, sen ocasionar riscos para a saúde do medio ambiente e das persoas”.