Deputación de Lugo

Besteiro confirma o apoio xurídico da Deputación ós traballadores de Tablicia para crear unha cooperativa

O Presidente confía en que “todas administracións estean á altura”, e que a Xunta tamén apoie, a través do IGAPE e do Plan Impulsa Lugo, a iniciativa que promove a plantilla para reflotar a madeireira, da que dependen un milleiro de empregos directos e indirectos O comité de empresa, satisfeito cos resultados da reunión que mantivo con Besteiro esta mañá, considera que a fábrica é viable

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, mantivo este luns en San Marcos unha reunión con representantes dos traballadores de Tablicia, ós que lles confirmou o respaldo da institución provincial en materia de asesoramento xurídico para crear unha cooperativa que compre a fábrica da madeireira en Nadela, e poder reanudar deste xeito a actividade, paralizada dende hai 6 meses. “Unha vez feita esta solicitude, vamos ver como se pode materializar o asesoramento ós traballadores, que van facer un sacrificio ben importante é loable, como é manter unha empresa, algo que nos debe preocupar a todas as administracións, tamén á Xunta, sobre todo nos tempos que corren”, subliñou Gómez Besteiro.

Neste senso, e ante a reunión que a plantilla de Tablicia terá mañá con representantes do IGAPE para solicitarlle tamén apoio, o Presidente confía en que “todas administracións estean á altura, e que a Xunta respalde a Sociedade Anónima Laboral (SAL), a través do propio Instituto Galego de Promoción Económica e do Plan Impulsa Lugo, que tamén debería estar pensado para estas cuestións”. “Temos que traballar todos porque son moitos empregos; estamos falando de uns mil, entre directos e indirectos, xa que, ademais dos transportistas, moitas persoas que están traballando nas explotacións forestais serven a Tablicia”, asegurou o mandatario provincial, quen gabou a iniciativa da plantilla para reflotar a madeireira: “Esta é unha noticia distinta á que, tristemente, estamos acostumados. O habitual é que os traballadores se vaian da empresa, cobren as indemnizacións e pasen ó paro, pero non que haxa un plantexamento colectivo para manter unha empresa. É un salto cualitativo importante, unha situación novidosa, que todos deberíamos atender. Temos que poñernos todos da súa parte e intentar que esa perda de emprego non se produza”.

“La empresa es viable”

Pola súa banda, o presidente do comité de empresa de Tablicia, José Antonio Muíña, do sindicato UXT, valorou os resultados da reunión co Presidente, “ya no esperábamos que hubiera poblemas”, destacou, manifestando ó mesmo tempo o convencemento de comité e sindicatos de que “la empresa es viable”.

Na actualidade, a fábrica de Tablicia en Nadela está en liquidación. Neste senso, os traballadores opóñense ó propósito da dirección de vendela por lotes, porque “así desaparecería”. A planta leva parada dende o mes de maio e a plantilla está inmersa no terceiro Expediente de Regulación de Emprego (ERE), que ten unha duración de tres meses, período de tempo no que o comité confía en que haxa unha solución, “o se cierra o se arranca para adelante”, indicou José Antonio Muíña.

Apoio á Folga Xeral

Gómez Besteiro manifestou, por outra banda, o apoio institucional da Deputación á Folga Xeral convocada para este mércores. Aínda que o Presidente, como principal responsable da institución, non pode deixar de prestar a representatividade que leva consigo o cargo, o organismo provincial si apoia á clase traballadora nesta nova mobilización. “Dende hai anos aplicamos unha política de choque contra os recortes, pois, como xa levamos dicindo dende hai tempo, antes de que outros o fixeran, a austeridade empobrecedora lévanos á pobreza. Polo tanto, o que toca é replantear a austeridade, que simplemente nos leva a unha política de recortes que, como opción política e económica, non nos vai conducir a nada bo”, afirmou o Presidente, engandindo que “o mellor exemplo é precisamente o de Tablicia. Se non se plantea a situación dende a perspectiva de intentar manterse ou medrar, a empresa desmantelarase; o mesmo ocorre co Estado, desmantelalo significa que prescindimos do Estado”. O mandatario provincial recalcou a súa oposición ós recortes tendo en conta ademais que “neste país non se está vendo unha luz ó final do túnel, porque, se todos o tiveramos claro, podíamos compartilo ou non, pero habería esa discusión, pero hoxe vemos que cada día estamos máis cerca de situacións como as de Grecia ou Portugal”.