Deputación de Lugo

Lara Méndez reforza nas Xornadas de Vacún de Leite o apoio da Deputación ós gandeiros ante 'a maior crise do sector lácteo'

A institución provincial achega 12.000 euros a esta iniciativa para asesorar ós gandeiros xunto a Seragro mediante coloquios impartidos por prestixios expertos do sector lácteo en Europa e EU Galicia é a 1º comunidade produtora de leite en España, sendo Lugo a provincia que concentra o 46% da cota láctea e o maior número de explotacións, cunhas 10.000. Nembargantes, o prezo do leite galego está 2 céntimos por debaixo da media estatal: 28 céntimos fronte a 30A Vicepresidenta subliña que “a Feijóo non lle preocupa o sector lácteo, deixando o seu futuro en mans do Goberno Central, administración que impuxo a implantación de contratos coas industrias sen negociación algunha cos gandeiros. É dicir, están obrigados a asinar sen coñecer o prezo do leite”

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, o Presidente de Seragro, Rogelio Grille, e a Vicedecana da Facultade de Veterinaria, Marta Miranda, inauguraron este xoves no Campus de Lugo as X Xornadas Técnicas de Vacún de Leite. Trátase dunha iniciativa organizada por Seagro co patrocinio da Deputación, institución que achega 12.000 euros, que busca asesorar ós gandeiros do sector lácteo mediante charlas informativas, impartidas por prestixiosos profesionais. Lara Méndez salientou que “celebramos xa o décimo aniversario destas xornadas, lamentablemente, salpicado pola maior crise económica que está a atraver o sector lácteo, un dos piares da economía da provincia. E é que o leite é para Lugo como a Citroën para Vigo. Segundo o Ministerio de Agricultura, Galicia é a primeira comunidade produtora de leite en España, sendo Lugo a provincia que concentra o 46% da cota galega, e o maior número de explotacións, cunhas 10.000, que dan emprego a miles de persoas. Nembargantes, a Xunta, administración galega responsable do sector lácteo, leva anos obviando a realidade da nosa provincia e deixando no olvido ós gandeiros”.

Méndez avalou as súas afirmacións, remitíndose ós últimos datos do paro, así como ós prezos oficiais do litro de leite na Comunidade galega. “No mes de outubro o sector primario foi o máis perxudicado, incrementado o número de desempregados nun 25% nun só mes e superando os 8.500 parados en Lugo. Nos últimos anos, mentres os custes de produción foron aumentando, inexplicablemente, o prezo do leite foi baixando. Por exemplo, o prezo do pienso incrementouse en 5 céntimos e o do litro de leite reduciuse en 3 céntimos. E é máis, malia que esta Comunidade é a primeira produtora de leite en España, o seu prezo está 2 céntimos por debaixo da media estatal, 28 céntimos fronte ós 30 céntimos.

“A Feijóo non lle preocupan os gandeiros”

Ante esta situación, a Vicepresidente remarcou que “a Feijóo, claramente, non lle preocupa o sector lácteo, deixando o seu futuro, o futuro desta provincia, en mans do Goberno Central, administración que impuxo a implantación de contratos lácteos coas industrias sen negociación algunha cos gandeiros, é dicir, obrigándoos a asinar sen coñecer, nin tan sequera, o prezo do litro de leite. Por isto, hoxe, máis ca nunca, temos que estar unidos para esixir diálogo e solucións porque, insisto, está en xogo o futuro desta provincia.

Neste senso, Méndez subliñou que “Lugo é Campo”, ó tempo que fixo referencia ós datos que Francisco Sineiro, profesor da USC -que participará na mesa redonda que acolle mañá estas xornadas- apunta no “Lugo Reacciona”. Nesta publicación, editada pola Deputación, Sineiro indica que o rural representa máis do 80% da superficie de Lugo, concentrando o 45% da poboación. “Trátase dunha porcentaxe á baixa debido á sangría demográfica que estamos a sufrir, precisamente e entre outros factores, polo abandono do sector gandeiro por parte das administracións responsables”, subliñou a Vicepresidenta Segunda.

“Dende a Deputación queremos, unha vez máis, tender a man a todos os implicados no impulso deste sector porque apoiando ó campo impulsamos a economía e garantimos o futuro desta provincia. Nós non temos competencias directas no medio rural pero si representación institucional para instar ós seus responsables a tomar medidas de xeito inmediato ou para ofrecer alternativas coas que tentar manter os negocios gandeiros”. Neste senso, Méndez remarcou o nivel dos poñentes nestas xornadas e os temas que se van a tratar, desexando que “dean moi bos froitos e que o próximo ano organicemos unha nova convocatoria nun escenario moito máis alentador.

Coloquios e poñentes

Logo da inauguración, as xornadas continuaron coa exposición de Sergio Calsamiglia Blancafort, Catedrático da Universidade Autónoma de Barcelona, baixo o nome “Produción intensiva e medio ambiente ou como resolver as contradicións: os puntos sobre os íes”. Ás 12:30 horas, Seagro ofreceu a charla “Xenética, manexo reprodutivo e eficiencia alimentaria. Claves da alta produción”. Pola tarde, as conferencias foron: “A revolución xenómica en veterinaria”, por Ángel Carracedo Álvarez, Catedrático da USC; e “Importancia da calidade do ensilado de millo no custo de produción do leite”, por Luis Queiró, Director de Marketing Operativo de Pioneer Sur de Europa”.

O venres, a sesión iniciarase ás 10:30 horas, dando conta da experiencia dun gandeiro italiano, Serafino Zanoli, ó respecto da “Xestión económica. Organización e programación de granxa”. Ás dúas conferencias seguintes serán: “Impacto das micotoxinas na gandeiría leiteira”, por Duarte Díaz, Doutor na Universidade de Carolina Norte; e “Desafíos e oportunidades do sector lácteo español ante as reformas”, por Xosé Rodríguez Blanco, Secretario de Unións Agrarias. Ás 16:15 horas, haberá unha mesa redonda na que participarán: José Manuel Silva Rodríguez, Director Xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural da UE; Esperanza Orellana Moraleda, Subdirecotra de Produtos Gandeiros do Ministerio de Agricultura; Francisco Sineiro, Profesor da USC; Luis Calabozo, Director Xeral na Federación Nacional de Industrias Lácteas; e Bernardo Valdés Pazos, Profesor da USC. O peche final das X Xornadas Técnicas de Vacún de Leite será un brindis de leite co que os participantes reivindicarán medidas para impulso do sector lácteo.