Deputación de Lugo

Novo éxito de público na segunda das xornadas de formación para o emprego organizadas pola Deputación de Lugo

Gran acollida de “Formación para o emprego”, a 2ª das sesións coas que se pecha o I Pacto Provincial polo Emprego. Ó remate do acto, Gómez Besteiro entregou os diplomas ós participantes renovando o interese acadado na celebrada a pasada semanaEsta xornada reeditarase mañá e pasado nas localidades de Monforte de Lemos e Viveiro. Os interesados en participar aínda poden inscribirse a través da web www.deputacionlugo.org

A Deputación de Lugo celebrou esta mañá a segunda das xornadas de peche do I Pacto Provincial polo Emprego, programa impulsado para fomentar a inserción laboral na provincia que, cun 80% de financiamento con fondos europeos, permitiu a creación de máis de 100 postos de traballo en xacementos de emprego da provincia. Isto foi posible coa formación teórica e as prácticas laborais ás que, a custe cero, puideron acceder centos de desempregados lucenses.

Hoxe foi a quenda de Isabel Villamor, experta en proxectos europeos e xestión de cooperativas e Pemes, quen quixo transmitir unha mensaxe de optimismo, destacando que “as persoas que atopan traballo non son as máis cualificadas, senón aquelas que máis e mellor se aplican en buscalo”. Así mesmo, ofreceu as fórmulas necesarias para atopar atopar traballo, que pasan pola “adaptación, planificación e motivación”. Con respecto ó autoemprego, Villamor animou ós presentes a tomar a iniciativa, xa que “só triunfa quen se levanta e procura as oportunidades, creándoas se non as atopa”. Tras a ponencia chegou o momento de compartir impresións sobre o desenvolvemento deste programa provincial de emprego, durante a mesa redonda que moderou o xornalista Javier Rivera e que reuniu a representantes de Cogami, Cruz Vermella e Fundación Laboral da Construción, que foron algunhas das empresas encargadas de impartir a formación durante o Pacto.

Ó remate das ponencias, o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, fixo entrega dos diplomas acreditativos ós participantes do Pacto provincial da zona centro. O máximo responsable provincial destacou que dende a entidade que el preside continuarase impulsando políticas de emprego, destinando a tal fin 7,5 millóns de euros o vindeiro ano. Precisamente destes 7,5 millóns, 3 e medio corresponden a unha nova fase do Pacto Provincial polo Emprego, “que foi o proxecto que acadou máis financiamento europeo en todas as administracións de Galicia”, tal e como destacou Gómez Besteiro.

Mañá e pasado en Monforte e Viveiro

Esta mesma xornada reeditarase mañá e pasado na zona sur da provincia e na Mariña, respectivamente. En concreto, serán as localidades de Monforte e Viveiro as que acollerán, a partires das 10:30 horas, tanto a intervención da experta así coma o mesa redonda. Igualmente, ó remate da xornada, o Presidente da Deputación fará entrega dos diplomas acreditativos ós participantes que tomaron parte nesta primeira fase do Pacto.

Aínda restan algunhas prazas dispoñibles para os interesados, que tan só deberán cumprimentar o formulario de inscrición que poderán atopar, xunto con toda a información necesaria en www.deputacionlugo.org