A Deputación de Lugo colabora un ano máis coa iniciativa solidaria de Nadal do motoclube Lóstregos Lvcvs
A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, xunto con Luis González-Lesaola, presidente de Lóstregos Lvcvs, motoclube organizador desta campaña de Nadal, e algúns dos membros do mesmo, presentaron esta mañá a 6ª edición de Xoguetes en movemento, a tradicional campaña solidaria posta en marcha por esta asociación durante a época de Nadal e que fai chegar centos de agasallos ós nenos de familias con poucos recursos.
Esta campaña naceu grazas ó esforzo deste motoclube lucense, que vén contando coa colaboración doutras asociacións, coma o motoclube Taranis e de empresas e establecementos de hostalería lucenses e institucións, coma a Deputación de Lugo. Esta última colabroa coa cesión dun espazo nas instalacións do Centro de Artesanía e Deseño, no que os organizadores poden almacenar, empaquetar e clasificar todo o material entregado.
Durante a presentación, Polín amosou a súa satisfacción por participar un ano máis nesta iniciativa, e máis en tempos tan difíciles para moitas familias como os que estamos a atravesar. A Deputada destacou que estou convencida de que, pese as circunstancias, os lucenses volverán a deixar patente a súa solidariedade como veñen facendo cada Nadal e quixo subliñar que temos que tomar exemplo e facer que este tipo de campañas se estendan a outras épocas do ano
Pola súa banda, Luis González-Lesaola, presidente de Lóstregos Lvcvs explicou os detalles desta campaña. Animou a todos os lucenses a entregar xoguetes, libros, balóns ou bonecos en bo estado e depositalos nalgunha das 14 empresas, bares e restaurantes de toda a cidade que colaboran na recollida.
Entrega de xoguetes o día 24
Ano tras ano, máis de 200 rapaces de familias con poucos recursos da cidade, de idades comprendidas entre os 4 e os 13 anos, son os destinatarios destes xoguetes, atendendo ás peticións de diferentes asociacións de axuda, coma o Banco de Alimentos, ou de traballadores sociais.
Tras comezar a campaña o pasado mes de novembro cun magosto solidario no que recaudaron fondos para adquirir o material necesario para o embalaxe dos xoguetes, agora é o momento de limpar, clasificar por idades e envolver o material donado, para o que contaron coas instalacións do CENTRAD
Finalmente, o día 24 de decembro pola mañá, estes moteiros percorrerán a cidade camiño do Centro de Artesanía, onde Papá Noel fará entrega dos xoguetes ós nenos participantes.