Deputación de Lugo

A sala de exposicións do CENTRAD pecha o ano coa mostra de ilustracións infantís de Contando con imaxes

Díaz Valiño inaugurou unha exposición que recolle máis de 40 debuxos da artista lucense Noemí López, que ilustraron obras de autores coma Antonio Reigosa, Fina Casalderrey ou Xosé Neira Cruz Os traballos pasarán a formar parte dos fondos do CENTRAD e empregaranse para futuras actividadees e obradoiros para os máis novos A mostra poderá visitarse no pavillón 4 do Centro de Artesanía e Deseño, de xeito gratuíto, ata o vindeiro mes de marzo, de luns a venres, de 10:00 a 14:00 horas

O Deputado de Cooperación e Asistencia ós Concellos, Juan José Díaz Valiño, inaugurou este martes unha mostra da artista lucense Noemí López, Contando con imaxes, que reúne máis de 40 traballos de ilustración de obras de literatura infantil e xuvenil e que por primeira vez poden ser admiradas fóra das páxinas dos libros. Esta mostra pecha a programación da sala de exposicións do Centro de Artesanía e Deseño para este ano 2012.

Valiño destacou que “estamos moi orgullosos de abrir as portas do CENTRAD unha vez máis ós máis novos, cunha exposición pensada especialmente para ser desfrutada en familia, xa que a interese pola arte non debe entender de idades”. Noemí López é unha artista lucense, “un valor máis da excelente e numerosa canteira de artistas da nosa provincia, que deben saber que este Centro sempre terá as portas abertas para eles”. Durante o acto, o Deputado deu lectura a unha carta enviada pola artista, na que quixo agradecer a oportunidade brindada pola Deputación, tendo en conta que “en época de crise, dar de comer á xente que fabrica cousas intanxibles parece que, para moitos, non é moi boa inversión”.

A sala de exposicións do CENTRAD vén de acoller unha exposición do artista Labajjo Grandío, cuxo éxito motivou a ampliación do seu horario de visitas ás tardes, algo que tamén está previsto que ocorra coa mostra que hoxe se inaugura.

Contando historias con imaxes

Noemí López comezou no ano 1994 a facer ilustracións para xornais e revistas, pasando de aí ós libros de ficción e educativos para os máis novos. Apaixoada da literatura infantil e xuvenil, no seu currículo figuran traballos de ilustración para obras de autores coma Podesvir e Xela converteuse en vampira!!, de Fina Casalderrey; As porcas porquiñas, A avoa Encarna fai niño ou María está a pinta-lo mar, de Xosé Antonio Neira Cruz; Guía ilustrada da Galicia invisible ou A escola de Briador, de Antonio Reigosa; ou O castrón de ouro, de Darío Xohán Cabana, publicados por prestixiosas editoriais, como Everest Galicia, Galaxia ou Xerais, moitos dos cales estarán presentes nesta exposición.

Esta mostra está formada por ilustracións escollidas pola propia artista, realizadas a man alzada sobre papel coa técnica de acuarela, coa que a artista consegue “un pouso de atemporal e nostálxico”, así coma acrílicos ou témperas. As reproducións das ilustracións están realizadas nunha escala maior da orixinal, para que se poidan apreciar con detalle os trazos e as pinceladas da artista.

A súa obra está impregnada da súa historia persoal, marcada polo Lugo urbano e o Lugo rural, de onde procede a súa familia, así coma os contos que escoitou do seu avó e que se traducen na aparición de elementos tradicionais mesturados coas imaxes fantásticas creadas pola artista.

Horarios de apertura

A sala de exposicións do Pavillón 4 do Centro de Deseño e Artesanía permanecerá aberta ó público dende hoxe e ata o vindeiro mes de marzo no seu horario habitual, de 10:00 a 14:00 horas, malia que está previsto que se poida ampliar este horario ás tardes durante algún tempo. A entrada é totalmente gratuíta.