Deputación de Lugo

A Deputación continúa co seu apoio ó sector audiovisual e acolle mañá a estrea da produción lucense Pecados

Regina Polín e Jordi Santos presentaron nos xardíns do Pazo de San Marcos a mediametraxe Pecados, rodada en Vilalba e na Coruña, e na que participaron alumnos da Escola de Imaxe e Son A estrea, gratuíta e libre ata completar aforo, terá lugar o venres ás 20:30 horas no Salón de Actos da institución provincial e contará coa presenza dos equipos técnico e artísticoA Deputación segue apostando polo sector, ofrecendo formación de calidade na única Escola pública da provincia que ofrece estudos da rama audiovisual con matrícula gratuíta

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, acompañada polo presidente e produtor de Coolfilms, Jordi Santos, presentaron nun acto que tivo lugar esta mañá nos xardíns do Pazo de San Marcos a mediametraxe Pecados, cuxa estrea en Lugo celebrarase mañá ás 20:30 horas no Salón de Actos da Deputación de Lugo.

Pecados, unha historia baseada en feitos reais, foi rodada en Coruña e en Vilalba, onde se filmaron esceas exteriores e interiores, en escenarios coma as contornas da zona fluvial da Madanela e da igrexa de Codesido. Precisamente esta mesma semana, esta produción lucense vai competir en dous destacados festivais cinematográficos españois: o Internacional de Cine de Gijón e na Mostra de Cine de Monforte de Lemos. Entre os profesionais que participaron na rodaxe hai que destacar a presenza de alumnos da Escola de Imaxe e Son da Deputación de Lugo, que cursan actualmente estudios na EIS tanto en Realización coma e Produción. Así mesmo, outros alumnos da Escola participarán o venres na organización da premiere.

Durante a presentación da mediametraxe, Regina Polín subliñou que “estamos moi orgullosos dos proxectos audiovisuais que se levan a cabo na nosa provincia, e que marcan o camiño para un sector no que a provincia está despuntando. Esa é a principal motivación da Fundación TIC, a de impulsar interesantes iniciativas tanto culturais coma educativas, nun tempo coma este, no que parece que para outras administracións nin a cultura nin e educación son prioritarias, e se están a desaproveitar demasiados talentos”

Pola súa banda, Jordi Santos lembrou que a produtora Coolfilms, nacida en 2009 coa intención de “facer cine sen cartos”, quixo subliñar que “tentan sempre que podemos traballar con xente de Lugo, coa intención de potenciar o audiovisual, que durante moitos anos estivo moi mal tratado por nós mesmos”. Igualmente, quixo destacar a importancia da colaboración prestada pola Deputación, así como a calidade da formación que reciben os alumnos na Escola de Imaxe e Son, “que sorprendeu enormemente ó resto do equipo”.

Rostros coñecidos da televisión

Santos quixo agradecer a implicación do equipo técnico e artístico da cinta, que traballou de xeito desinteresado, pero que amosou un compromiso coa historia dende o principio. Entre as caras coñecidas que protagonizan Pecados, e que estarán presentes na estrea, están algúns dos intérpretes da recoñecida ficción da TVG Matalobos, como é o caso do seu protagonista, Luis Iglesia, e de Saamira Gannay, xunto con outros rostros coñecidos da pequena pantalla, coma Marta Doviro, presentadora do programa de V Televisión, A mochila do viaxeiro.

Aposta polo audiovisual

A Deputación de Lugo vén mantendo dende hai tempo unha clara aposta polas posibilidades de promoción e crecemento que o sector audiovisual supón para a provincia, así como por unha educación de calidade e gratuíta. Esa foi a motivación fundamental para facer da Escola de Imaxe e Son a única escola pública que ofrece estudos da rama audiovisual na provincia con matrícula gratuíta, que ten entre as súas prioridades a incorporación ó mundo laboral dos seus alumnos. De aí a ampla programación práctica complementaria, planificada co obxectivo de facilitar esta futura inserción laboral no mundo do audiovisual.

Algúns dos ex alumnos da Escola de Imaxe e Son xa teñen participado na rodaxe de diferentes producións, coma a curta de Amanita Films Deil, rodada integramente en Sober, e na que participaron unha trintena de profesionais do medio audiovisual galego; a curta Triste Soledad de un violinista, do director sarrián Roberto Lolo, que contou cun cartel de luxo formado por actores coma Alberto Amarilla ou a cantante Soraya Arnelas; ou o documental Hitler, garbo... e Araceli, así como na realización de diverso material audiovisual para o sector empresarial.