Deputación de Lugo

59 asociacións de 48 Concellos da provincia reciben axudas da Deputación por valor de 300.000 euros para melloras no rural

O organismo provincial impulsa o sector primario e combate o paro e a sangría demográfica con un plan que permite ós colectivos veciñais e de gandeiros acondicionar vías, locais sociais, fontes, traídas de auga, cercados ou curros para o gando A concesión das subvencións foi aprobada este mércores polo INLUDES, na que foi a última reunión orgánica da entidade, que, cumprindo coa palabra dada polo Presidente, queda deste xeito disoltaFronte ó compromiso político e inversor da Deputación co rural, Besteiro lamentou que a Xunta paralice as axudas ás razas gandeiras autóctonas, unha decisión que perxudica especialmente ás explotacións da Montaña luguesa

Un total de 59 asociacións pertencentes a 48 Concellos da provincia recibirán axudas por un valor global de 300.000 euros para a dotación e mellora de servizos e infraestruturas no rural a través dun plan emprendido pola Deputación de Lugo, que, deste xeito, impulsa o sector primario, piar da economía lucense; e combate a taxa de paro e a sangría demográfica que padece o campo.

Con esta iniciativa do organismo provincial, os preto de 60 colectivos veciñais e de gandeiros beneficiados obteñen financiamento para acondicionar vías, locais sociais, áreas recreativas, traídas de auga, fontes, cercados de pastizais, curros para o gando ou depósitos para a extinción de incendios. As asociacións non poderían asumir por si mesmas estas obras, que aínda que de pequena entidade, teñen unha importancia vital para a calidade de vida e o traballo do rural. As actuacións subvencionadas puideron ser realizadas xa no 2012, ou ben a acometer ata o mes de xuño deste 2013. En tódolos casos, excepto un, os colectivos recibiron o 100% da contía que solicitaron, sendo 6.000 euros a cantidade máxima outorgada por entidade.

Última reunión do INLUDES

A concesión das subvencións foi aprobada na mañá deste mércores polo INLUDES, na que foi a última reunión orgánica da entidade que, cumprindo coa palabra dada polo Presidente no discurso de investidura deste segundo mandato, queda deste xeito disolta en 2013. “Disolvemos a Fundación Tor; transferimos os hospitais ó SERGAS, e agora, cumprindo coa nosa folla de ruta, disolvemos o INLUDES, co que simplificamos a estrutura administrativa da Deputación, gañando eficacia e eficiencia”, asegurou Gómez Besteiro.

Deste xeito, no Orzamento de 2013 a Deputación asume xa directamente os gastos e ingresos do INLUDES; e o groso do seu persoal pasará a reforzar a función principal da Deputación: a cooperación e asistencia ós concellos.

En 2011 xa se incorporaron 15 traballadores do INLUDES a departamentos estratéxicos da Deputación, fundamentalmente a Intervención, Contratación e Fondos Europeos. Sobre o resto dos traballadores -82 en total- o 13 de novembro do pasado ano a Mesa de Negociación Común, na que están representados todos os empregados públicos provinciais, tomou un acordo por unanimidade, segundo o que todos os traballadores do CENTRAD, da Granxa Gayoso Castro e do Servizo de Medio Ambiente seguirán nos seus postos. A única diferenza é que, en vez de depender do INLUDES, como ata agora, dende o 1 de xaneiro dependen da Deputación.

En canto ó resto de traballadores -os 26 que non están en ningunha destas 3 áreas (CENTRAD, Granxa Gayoso e Medio Ambiente)- asignaráselles destino de forma conxunta entre o 1 de xaneiro e o 15 de febreiro.

“Forte compromiso” co campo

O programa de axudas do INLUDES aprobado hoxe para impulsalo rural e mellorar a calidade de vida da xente que vive nel súmase a outras iniciativas impulsadas pola Deputación co mesmo obxectivo. Trátase, por un lado, do Plan de Comunidades Veciñais, grazas ó que 233 entidades asociativas dos 67 Concellos da provincia recibiron 2 millóns de euros en 2012, e para este 2013 está prevista no Orzamento outra partida de 2 millóns; e, por outro, do Plan de Obras e Servizos (POS), que a Deputación salvou en 2012 cunha achega de 2,1 millóns de euros despois de que Rajoy eliminase a achega do Goberno estatal, e que en 2013 volverá a poñer en marcha como está previsto nos presupostos provinciais.

Así mesmo, a Deputación segue adiante co primeiro centro de recría público en España. O organismo está executando, en solitario, 6 millóns de euros neste proxecto, e en 2013 incorpora un novo investimento de 1.350.0000 euros para seguir avanzando nesta ambiciosa iniciativa, que aforrará custes ós gandeiros e xerará un volume de negocio anual de 3 millóns de euros.

Fronte este “forte compromiso” político e inversor para revitalizalo campo e fixar poboación que mantén a Deputación de Lugo, Gómez Besteiro lamentou que a Xunta “nos sorprenda coa paralización das axudas ás razas gandeiras autóctonas, unha decisión que perxudica fundamentalmente á provincia de Lugo”, pois, da media de 860 explotacións que estaban sendo beneficiadas ó ano, a maioría situábase na Montaña luguesa e en Ourense. “Mentres uns reducen as súas axudas, outros seguímolas mantendo, as pesar do contexto de crise que nos toca a todos vivir”, indicou o mandatario provincial, lembrando ó mesmo tempo que, dende que Feijóo é Presidente da Xunta pecharon 1.100 explotacións de leite lucenses. “Iso non é loitar contra o problema demográfico, nin é loitar en favor do aproveitamento do territorio nesta provincia”, recalcou Besteiro.

Beneficiarios

Os 48 Concellos nos que desenvolven a súa actividade as 59 asociacións beneficiarias do plan de axudas ó rural do INLUDES son os seguintes: Cervantes, Cospeito, Guntín, Friol, Lugo, A Pontenova, Carballedo, Alfoz, Navia de Suarna, O Páramo, A Pastoriza, Antas de Ulla, A Fonsagrada, Guitiriz, O Corgo, Quiroga, Lourenzá, Taboada, Láncara, Barreiros, Palas de Rei, Cervo, Foz, Xermade, Pantón, A Pobra do Brollón, Abadín, Xove, Sarria, Mondoñedo, Pedrafita, Castro de Rei, Begonte, Ribas de Sil, O Incio, Bóveda, Castroverde, Trabada, Riotorto, Becerreá, Muras, Baleira, As Nogais, Vilalba, Monforte, Triacastela, Chantada e Pol.