Deputación de Lugo

O IV Encontro de Cooperación promove un 'debate plural e aberto' sobre o futuro das Deputacións e os pequenos Concellos

Díaz Valiño anunciou que o Pazo de San Marcos acollerá o 28 de xaneiro estas xornadas, nas que se abordará a reforma do Réxime Local que busca definir as competencias municipaisManuel Zafra, Roberto Blanco Valdés, José María Gimeno e Jordi Sevilla -Ministro de Administracións Públicas dende 2004 ó 2007-, participarán na iniciativa O Encontro está dirixido a responsables e traballadores das administracións locais, que poderán inscribirse dende mañá e ata o 24 de xaneiro en www.deputacionlugo.org. O aforo é limitado

Cumprindo coa filosofía coa que foi instaurado pola Deputación en 2009, a nova edición do Encontro de Cooperación cos Concellos abordará un tema de máxima actualidade e transcendencia para as entidades locais, como é o propio futuro das Deputacións e os pequenos Concellos. Así o avanzou este xoves en rolda de prensa o Deputado de Cooperación e Asistencia ós Concellos, Juan José Díaz Valiño, na presentación da cuarta edición das xornadas, que se terá lugar o vindeiro 28 de xaneiro no Salón de Actos da Deputación. Díaz Valiño destacou que “foi no ano 2009 cando decidimos instaurar estas xornadas, converténdonos, deste xeito, na primeira Deputación de Galicia en organizar un foro de carácter permanente e aberto a todos os actores das administracións locais da provincia, que ten como obxectivo ofrecer, a través dun debate plural, solucións e recursos para que as entidades locais funcionen ben, sexan máis eficaces e aforren custes. É unha convocatoria que, ademais, está tendo moito éxito. A participación foi aumentando ano tras ano, ata chegar ás 220 persoas da última edición”.

Con este Encontro, a Deputación dá un paso máis no empeño de situar a Cooperación cos Concellos como a columna vertebral da acción do Goberno Provincial e como a verdadeira razón de ser desta institución. O Deputado lembrou que foi este Executivo lugués o que creou unha área específica de Cooperación e Asistencia ós Concellos, que antes non existía. “Deixamos atrás a figura da Deputación como intermediaria e mera distribuidora de recursos, a institución pasou a traballar en rede, transformar recursos e crear economías de escala, convertendo os “problemas micro” en “solucións macro”, subliñou.

Debate central

Cando o organismo lugués decidiu poñer en marcha o Encontro de Cooperación cos Concellos propúxose tratar cuestións de plena actualidade e útiles para o bo e eficaz funcionamento dos Concellos. Deste xeito, en edicións anteriores abordáronse os servizos de asesoramento gratuíto que ofrece a Deputación ós Concellos (xurídico, económico-financeiro, técnico...), a lei de protección de datos e a administración electrónica, ademais dos contratos temporais. Díaz Valiño indicou que “este ano, continuando nesta liña, consideramos que o Encontro de Cooperación é unha ocasión especialmente oportuna e necesaria para contribuír a un debate plural e aberto sobre o futuro das Deputacións e dos pequenos Concellos”.

O Goberno central está a traballar na reforma do réxime local, de feito ten elaborado un anteproxecto de Lei de Racionalización e Sostenibilidade da Administración Local, que pretende clarificar as competencias municipais para evitar duplicidades e eliminar competencias impropias. “Este é un tema transcendental que afecta á mesma esencia das entidades locais. Cremos que é unha das reformas estruturais de maior calado pendentes de acometer no noso país; unha das chamadas cuestións de Estado, nas que é obrigado acadar o máis amplo consenso entre as distintas opcións políticas. Non pode ser unha reforma dun partido, debe procurarse que sexa de todos ou, cando menos, dunha inmensa maioría”, remarcou e engadiu que “a crise económica está actuar de catalizador neste cambio lexislativo da Administración local, pero este parámetro economicista non debe ser o único, non debe impedirnos unha mirada plural. A esta mirada plural e aberta queremos contribuír dende a Deputación de Lugo co Encontro de Cooperación”. Por este motivo, nesta xornada haberá unha conferencia e dúas meses redondas sobre; o presente e futuro dos Goberno Locais Intermedios en España e Europa; a contratación conxunta como fórmula para aforrar custes; e os pequenos municipios diante da Reforma de Réxime Local.

Participantes de prestixio

Para abordar estes asuntos, haberá dúas mesas redondas e unha conferencia, para as que a Deputación conta con verdadeiras autoridades na materia, neste caso no estudo e funcionamento da administración local. Pódese destacar a presenza de: Manuel Zafra: profesor titular de Ciencia Política e da Administración Pública da Universidade de Granada. Foi director xeral de Cooperación Local no Ministerio de Administración Públicas; director xeral de Administración Local na Junta de Andalucía e director do Plan Estratéxico da Deputación de Granada; Roberto Blanco Valdés: Catedrático de dereito político e constitucional da USC, e escritor de máis de cen traballos e unha decea de libros; José María Gimeno Feliu: Catedrático de Dereito Administrativo da Universidade de Zaragoza. Trátase dun experto en contratación pública, que preside dende o 2011 o Tribunal Administrativo de Contratos Públicos de Aragón; e Jordi Sevilla: Ministro de Administracións Públicas (2004-2007). É licenciado en Ciencias Económicas e pertence ó Corpo Superior de Técnicos Comerciales e Economistas do Estado.

Inscrición

O Encontro de Cooperación está dirixido a todos os responsables e traballadores das administración locais: alcaldes, concelleiros, persoal dos departamentos municipais de Recursos Humanos, así como empregados públicos en xeral. En canto á inscrición, os interesados poden anotarse dende mañá e ata o 24 de xaneiro. Para elo, deben entrar na páxina web da Deputación, www.deputacionlugo.org, onde na portada atoparán un enlace directo ó IV Encontro de Cooperación cos Concellos. Dende este espazo poderán facer a súa solicitude on line, ou ben descargar o formulario de inscrición que terán que enviar por correo electrónico á dirección cooperacion@deputacionlugo.org, por fax ó 982-24-04-09. O aforo é limitado á capacidade do Salón de Actos, que é de 163 persoas. Para obter máis información ou resolver dúbidas, pódese chamar ós números de teléfono: 982-26-01-05; 982-26-01-06 ou 982-26-01-13.