Deputación de Lugo

A Deputación aposta pola promoción dos produtos autóctonos de calidade como clave para reactivar a economía da provincia

A Vicepresidenta 2ª; os Alcaldes de Sarria e Triacastela, e representantes de ASOPORCEL e dos establecementos organizadores presentaron a V Festa do Cocido do Porco Celta, que se celebrará en Sarria o día 26 de xaneiro, e na que máis de 400 comensales poderán degustar un menú típico elaborado con porco celta. Reservas: 982 53 22 11 ou 982 53 00 05Esta é unha das preto de 40 actividades para o impulso de sectores estratéxicos e produtos autóctonos celebradas en concellos lucenses coas que a Deputación colabora, coma coa Festa do Berberecho de Foz desta fin de semana e que a institución provincial financia dende hai cinco anos

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez presentou esta mañá a Festa do Cocido do Porco Celta, que se celebrará o vindeiro día 26 de xaneiro en Sarria. Esta celebración gastronómica chega á súa 5ª edición mantendo coma obxectivo difundir as numerosas cualidades nutritivas e de sabor que ofrece a raza autóctona galega entre os consumidores e os profesionais do sector hostaleiro dos Concellos de Sarria e Samos.

No acto, que tamén contou coa presenza de José Antonio Carril, Coordinador de ASOPORCEL; Ramón Álvarez, José Fontal, Manuel Quintero, Juan Luis Díaz e José Luis García, representantes dos cinco establecementos organizadores, así como dos Alcaldes de Sarria e Triacastela, José Antonio García López e Olga Iglesias Fontal, Lara Méndez destacou a importancia do apoio a iniciativas coma esta Festa do Cocido do Porco Celta, que contribúen á difusión tanto dos produtos autóctonos de calidade coma de sectores estratéxicos. Méndez destacou a importancia do labor dos factores de diferenciación do rural galego, coma é o caso das razas autóctonas, dos que se obtén un non só posúen unha cualidade constratada, senón que polos seus métodos de cría xogan un importante papel na conservación medioambiental e pola racionalización da produción permiten uns beneficios económicos que contribúen decisivamente ó desenvolvemento rural.

Méndez continuou afirmando que non todas as administracións entenden “que é fundamental a colaboración entre administracións, que debe ter esa finalidade común que é promocionar un produto, unha comarca e unha provincia”. Os produtos autóctonos son “un distintivo de calidade da nosa provincia”

José Antonio Carril, Coordinador da Asociación de Criadores de Ganado Porcino Celta (ASOPORCEL), destacou a relación que esta Asociación, creada en 1999, garda coa comarca de Sarria, posto que a mesma naceu en Triacastela e os primeiros produtos de porco celta se venderon no municipio sarriano. Así mesmo, quixo agradecer “os apoios que sempre tivemos para a difusión do porco celta” por parte da Deputación de Lugo.

Pola súa banda, José Fontal en representación dos establecementos que organizan este evento, lembrou os comezos desta festa de exaltación ó tempo que expresou o desexo dos organizadores de que a comarca de Sarria chegue a ser coñecida pola calidade do seu cocido.

A Festa do Porco Celta está organizada grazas á colaboración entre os establecementos sarrianos Hotel Roma, Hotel Afonso IX e a cafetería Santiago; os samoneses Hotel Veiga e a casa de turismo rural Casa Díaz; outros negocios da zona coma Cárnicas Teijeiro, Panaderías Pallares e Queixos Antonio e institucións coma a Deputación e os Concellos de Sarria, Samos, O Incio e Triscastela. En total serán 416 asistentes distribuídos en 32 mesas de 13 comensales

Novo Plan de Subvencións

De feito, a Deputación colabora co finanzamento de preto de 40 iniciativas en toda a provincia, especialmente con aquelas enfocadas á promoción de sectores estratéxicos e produtos autóctonos da provincia, considerados clave para reactivar a economía lucense.
Estas axudas, dotadas cun importe de 3.000 euros de media, están destinadas tanto a impulsar economicamente o desenvolvemento dos diferentes eventos organizados ou ben o seu normal funcionamento. Méndez quixo subliñar que “nos consta que moitas das iniciativas coas que a Deputación colabora seguen adiante grazas á axuda financeira prestada”

A Deputación de Lugo renovou un ano máis a súa colaboración con Concellos e asociacións de toda a provincia, “con independencia da súa cor política, como adoita facer dende o ano 2007”, tal e como destacou a Vicepresidenta Segunda.

Algunha destas colaboracións é precisamente a que a Deputación mantén co Concello de Foz dende hai cinco anos para organizar a Festa do Berberecho, que tamén se celebra esta fin de semana no concello mariñano. Méndez destacou as axudas que se prestan a diferentes iniciativas e colectivos, coma o Mercado Renacentista de Viveiro; a Feira de Antigüidades e Artesanía da Pontenova; a Festa da Faba ou o Carnaval de Verán de Cervo; a Feira de Produtos Ecolóxicos e Artesanais de Burela PRODUART ou as que mantén con todas as cofradías de Pescadores e Agrupación de Mariscadoras da Mariña.

Cocido de Porco Celta

O día 26, no Pavillón dos Institutos de Sarria, 416 comensales distribuídos en mesas de 13 persoas cada unha poderán degustar un menú de cocido elaborado con derivados do porco celta.

En total, serán máis de 500 pezas de lacón, butelo, “soá”, chourizos e cachola, acompañados de cachelos, garavanzos e grelos, ademais de queixos, membrillo e roscón coma postre. O menú complétase con café e licores, ademais da típica queimada. O prezo da mesa para 13 comensales é de 450 euros, que se abonarán o mesmo día 26. Para facer as reservas, que deberán ser por mesa completa –non de xeito individual-, os interesados só terán que poñerse en contacto cos teléfonos 982 53 22 11 ou 982 53 00 05.

A celebración continuará o día 27, cun xantar especial a base de ovos, patacas e chourizos de porco celta que ofrecerán os hoteis e locais de restauración organizadores