Deputación de Lugo

O xornalista José Luis Gómez analizará na Deputación de Lugo as solucións á crise na presentación do seu libro Cómo salir de esta

O Salón de Actos de San Marcos acollerá o mércores 31, ás 19:30 horas, a presentación da nova obra deste xornalista galego na que reflexiona acerca da saída de España da situación económica actual e no que tamén participarán o Presidente de Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro; o comentarista económico Julián Rodríguez e a Directora de Actualia Editorial, Cristina Seco

O Salón de Actos da Deputación de Lugo acollerá o vindeiro xoves 31 ás 19:30 horas, a presentación do último traballo do xornalista José Luis Gómez, Cómo salir de esta, na que este galego pioneiro da prensa web analiza a crise actual pola que atravesa España, e como e cando será posible falar de recuperación económica.

O libro, prologado polo economista e xornalista alemán Carsten Moster, ex presidente da Cámara de Comercio de Alemaña para España, recolle os factores que segundo Gómez caracterizarán a saída da crise: esta será lenta, cunha elevada taxa de desemprego e cunha gradual redución salarial agás en sectores clave. Ademais, non chegará ata o 2014. Estas son algunhas das claves que abordará este prestixioso profesional da comunicación, que conta cun amplo currículo que avala a súa formación e o seu coñecemento do sector económico.

Columnista e tertuliano en diversos medios de comunicación, José Luis Gómez foi director e xefe da sección de Economía do xornal La Voz de Galicia, así como fundador da súa versión dixital. Director editorial do Grupo Zeta, na actualidade é asiduo colaborador de elpais.com e Europa Press.

O acto contará coa presenza do autor, e nel tamén intervirán o Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro; o comentarista económico do xornal El Progreso, Julián Rodríguez, e a Directora de Actualia Editorial, Cristina Seco. A asistencia é totalmente gratuíta e o aforo quedará limitado á capacidade do propio Salón .