Deputación de Lugo

Inscritas un centenar de persoas no IV Encontro de Cooperación, que abordará o futuro de Deputacións e pequenos Concellos

Imaxe deputación de lugo
Cinco expertos no estudo e funcionamento da administración local: Manuel Zafra, Roberto Blanco Valdés, José María Gimeno, Jordi Sevilla e Alba Nogueira, intervirán no foro o vindeiro lunsAs últimas prazas poden reservarse on line na páxina web da Deputación www.deputacionlugo.org ou ben enviando un fax ó número 982-24-04-09

Un centenar de persoas están inscritas xa no IV Encontro de Cooperación cos Concellos, organizado pola Deputación de Lugo para o vindeiro luns, unhas xornadas que abordarán un tema de máxima actualidade e transcendencia para as entidades locais, como é o propio futuro das Deputacións e os pequenos Concellos. Os interesados en participar no foro aínda poden reservar as últimas prazas entre hoxe e mañá xoves. Para elo, deben entrar na páxina web da Deputación www.deputacionlugo.org onde na portada atoparán un enlace directo ó IV Encontro de Cooperación cos Concellos. Dende este espazo poderán facer a súa solicitude on line, ou ben descargar o formulario de inscrición, e envialo por correo electrónico a cooperacion@deputacionlugo.org ou por fax, ó número 982-24-04-09.

Con este foro, a Deputación busca promover un debate plural e aberto sobre o futuro das Deputacións e dos pequenos Concellos, cando está enriba da mesa o anteproxecto de Lei de Racionalización e Sostenibilidade da Administración Local, que pretende clarificar as competencias municipais para evitar duplicidades e eliminar competencias impropias. O Encontro, que se desenvolverá entre as 10:30 e as 18:30 horas, componse dunha conferencia e dúas mesas redondas sobre o presente e futuro dos Goberno Locais Intermedios en España e Europa; a contratación conxunta como fórmula para aforrar custes; e os pequenos municipios diante da Reforma de Réxime Local.

Para abordar estes asuntos, a institución conta con cinco verdadeiras autoridades no estudo e funcionamento da administración local. Trátase de:

Manuel Zafra: profesor titular de Ciencia Política e da Administración Pública da Universidade de Granada. Foi director xeral de Cooperación Local no Ministerio de Administración Públicas; director xeral de Administración Local na Junta de Andalucía e director do Plan Estratéxico da Deputación de Granada.

Roberto Blanco Valdés: Catedrático de Dereito Político e Constitucional da USC, e escritor de máis de cen traballos e unha decea de libros.

José María Gimeno Feliu: Catedrático de Dereito Administrativo da Universidade de Zaragoza. Trátase dun experto en contratación pública, que preside dende o 2011 o Tribunal Administrativo de Contratos Públicos de Aragón.

Jordi Sevilla: Ministro de Administracións Públicas (2004-2007). É licenciado en Ciencias Económicas e pertence ó Corpo Superior de Técnicos Comerciais e Economistas do Estado.

Alba Nogueira: profesora titular de Dereito Administrativo da USC.

Con este Encontro, a Deputación dá un paso máis no empeño de situar a Cooperación cos Concellos como a columna vertebral da acción do Goberno Provincial e como a verdadeira razón de ser desta institución, despois de ser este Executivo o que creou unha área específica de Cooperación e Asistencia ós Concellos, que antes non existía.

Para obter máis información sobre o Encontro de Cooperación ou resolver dúbidas, pódese chamar ós números de teléfono: 982-26-01-05; 982-26-01-06 ou 982-26-01-13.