Deputación de Lugo

Besteiro solicita unha reunión con Feijóo para reclamarlle a dotación urxente das especialidades que prometeu para o HULA

O Presidente trasládalle a preocupación da Deputación pola merma na calidade asistencial que reciben os lucenses debido á falta de Radioterapia, Hemodinámica e Medicina Nuclear no hospital Lucus Augusti, e ás “limitacións dos outros centros sanitarios da provincia”Advirte de que o “incumprimento” da Xunta sobre as prestacións do HULA provoca “un risco para a saúde e un custe económico” para os cidadáns que teñen que recibir tratamento Os Deputados do Goberno provincial mostraron de novo o seu “total apoio ós afectados pola estafa das preferentes” secundando a concentración convocada ante San Marcos

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, remitiu este venres unha carta ó titular da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, na que lle solicita unha reunión para demandarlle a dotación urxente dos servizos de Radioterapia, Hemodinámica e Medicina Nuclear no Hospital Lucus Augusti, un compromiso que o propio Feijóo e a Consellería de Sanidade fixeron público en reiteradas ocasións dende o ano 2009 e que aínda non cumpriron.

Na misiva, o Presidente traslada a preocupación da Deputación e de tódolos lucenses porque a calidade asistencial que están recibindo os veciños “vese moi mermada” debido á falta destas especialidades no HULA, pero debido tamén “á escasa actividade do antigo hospital Xeral e ás limitacións que teñen os outros centros sanitarios da provincia”. “Lamentablemente, o Hospital da Costa segue sendo o segundo de Galicia que rexistra as maiores listas de espera para realizar unha cirurxía e o de Monforte presenta claras deficiencias en áreas tan importantes como a de anestesia, o que, sen lugar a dúbidas, provoca graves problemas no servizo cirúrxico”, afirma Besteiro.

Neste senso, advirte de que o “incumprimento” da Xunta sobre o HULA “provoca, por unha banda, que sigamos a ser a única provincia de Galicia que non dispón destes servizos e, pola outra, que os cidadáns que precisan tratamento cardíaco ou contra o cancro se teñan que seguir desprazando á Coruña, co conseguinte risco que isto supón para a súa saúde e o custe económico que lles ocasiona”. Destaca así mesmo que, “tendo en conta que somos unha das provincias máis avellentadas, non só de Galicia, senón tamén de España, a dotación dos servizos de Radioterapia, Hemodinámica e Medicina Nuclear aínda é máis necesaria se cabe”.

O obxectivo da reunión con Feijóo é abordar conxuntamente todas estas cuestións para acadar unha solución, no marco da máxima colaboración entre administracións. Así o deu a coñecer hoxe o voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno. “Queremos que o Presidente da Xunta cumpra coa palabra dada, poñendo fin a unha situación claramente discriminatoria para a nosa provincia; e vamos facer todo o que estea nas nosas mans para conseguilo: Apoiamos todas as iniciativas cidadás en favor da implantación de Radioterapia, Hemodinámica e Medicina Nuclear no HULA; aprobamos unha moción no último Pleno, a pesar do voto en contra do PP; e agora acudimos directamente ó señor Feijóo”, aseverou Martínez.

O Deputado argumentou neste sentido que Lugo “non pode seguir sendo a única provincia de toda España que, tendo igual ou máis de 350.000 habitantes, non conta coas especialidades de Radioterapia, Hemodinámica e Medicina Nuclear, cando ademais o HULA cumpre con todas as características necesarias para albergalas, e cando non hai ningún tipo de xustificación económica, pois, segundo consideran os especialistas, o custe da súa implantación estaría totalmente amortizado nun prazo máximo de dous anos”.

Unha débeda histórica

O voceiro socialista do Goberno provincial lembrou que Deputación “xa tivo que saldar moitas débedas históricas: o Canon eléctrico, os parques de bombeiros, a transferencia dos hospitais, a sede da UNED... Agora non podemos deixar de reivindicar unha medida tan importante para os veciños desta provincia: unha débeda histórica e tan necesaria que mesmo da vergonza pronunciar”. Insistiu en que a falta dos servizos de Radioterapia, Hemodinámica e Medicina Nuclear “está causando graves perxuízos ós lucenses e pon en grave perigo a súa saúde ó ter que desprazarse a Coruña ou Santiago para recibir tratamento. Pero non só iso, senón que, grazas de novo ó PP, grazas a Rajoy, agora o custe económico que lles ocasiona este desprazamento será maior porque terán que pagar por facelo se van en ambulancia”. Se a todo se suma que Lugo é unha das provincias máis avellentadas de toda España, “non é que estas especialidades sexan necesarias, é que son imprescindibles”.

Á espera de Feijóo

O Executivo provincial confía, segundo indicou Martínez, que Feijóo “sexa máis respectuoso co diálogo e a cortesía institucional, e atenda á petición que lle fai o Presidente da Deputación de Lugo, porque xa sabemos cales son as súas maneiras... non respondeu a nin unha soa das 9 solicitudes de entrevista que lle fixo por escrito Gómez Besteiro durante o pasado mandato co fin de abordar proxectos estratéxicos para o futuro da provincia de Lugo, como as residencias da terceira idade e a Granxa Gayoso Castro. Tan só o recibiu uns minutos antes da reunión cos titulares de todas as Deputacións galegas o día que se firmou o protocolo de cooperación permanente coas institucións provinciais, o pasado mes de xuño”.

“O PP non é de fiar e discrimina á provincia”

Manuel Martínez sinalou que o incumprimento da Xunta sobre o Lucus Augusti demostra que “o PP non é de fiar, pois enganou deliberadamente ós veciños de Lugo incumprindo, de xeito reiterado e sen rubor, a súa promesa de dotar ó HULA dos servizos de Radioterapia, Hemodinámica e Medicina Nuclear, así como un acordo unánime do Parlamento galego neste sentido”. Por outro lado, esta situación pon de relevo “a discriminación máis absoluta á que a Xunta do Partido Popular somete á nosa provincia. Para a Xunta, Lugo non existe”.

Apoio ós afectados polas preferentes

Por outra banda, o Deputado mostrou o total e firme apoio do Goberno provincial ós afectados pola “estafa masiva” das participacións preferentes, así como ás distintas mobilizacións que están levando a cabo para defender os seus dereitos. De feito, esta mesma mañá, os deputados do Goberno provincial secundaron a concentración convocada pola Plataforma de Afectados polas Preferentes de Lugo ante San Marcos.

O último Pleno provincial aprobou unha moción coa que esixe á Xunta que poña en marcha os mecanismos legais necesarios para que se lle reintegren ós afectados polas preferentes o 100% dos cartos investidos. “O PP votou en contra... Aí se ve de novo quen está de lado dos cidadáns. Entre 10 e 11.000 veciños de Lugo perderon os seus aforros coas preferentes, e o PP mira para outro lado”, recalcou Manuel Martínez.

Plan de actuación nas estradas

Así mesmo, o voceiro provincial socialista e tamén Deputado de Xestión Territorial lembrou, ante a forte baixada das temperaturas das últimas horas e as previsións de neve desta fin de semana, que a Deputación de Lugo mantén activo un amplo dispositivo que garante o mantemento das estradas provinciais en perfectas condicións.
Hai distribuído persoal e medios técnicos nas 8 zonas nas que a Deputación ten dividida a súa rede viaria, de xeito que pode actuar coa máxima axilidade en caso de temporais ou neve, ou ben de sucesos puntuais. A maiores conta con 12 saleiros, situados noutros tantos municipios: Cervantes, Becerreá, O Courel, Ribas do Sil, A Fonsagrada, Navia de Suarna, Riotorto, O Incio, Ourol, O Valadouro, Pedrafita e Lugo.

Xunta de Goberno

En canto ós asuntos da Xunta de Goberno, aprobáronse as contas xustificativas de tres obras do Plan de Comunidades Veciñais do ano 2012 acometidas, todas elas, por asociacións do Concello de Guitiriz. Consistiron no arranxo de camiños nas parroquias de Vilares e Soexo, e obtiveron axudas da Deputación por valor de 27.400 euros.