Deputación de Lugo

A TIC comeza este martes no IES Leiras Pulpeiro as xornadas de orientación destinadas a estudantes de 2º de BAC

Un profesor e unha alumna da Escola de Imaxe e Son informarán ós alumnos deste instituto lucense sobre os ciclos de Realización e Produción e as súas saídas laborais.As xornadas desenvolveranse ata o 11 de maio, e todos os institutos da provincia interesados poderán participar na iniciativa poñéndose en contacto coa TIC

A Fundación TIC inicia este martes no IES Leiras Pulpeiro de Lugo as primeiras xornadas de orientación en institutos da provincia, destinadas principalmente a alumnos de 2º de BAC. Esta iniciativa ten por obxectivo dar a coñecer a Escola de Imaxe e Son (EIS), o único centro da provincia que imparte ensinanzas superiores da rama audiovisual, entre as rapazas e rapaces que rematan agora os seus estudos nos centros de secundaria e que deben decidir a especialidade na que se formarán no futuro.

No encontro do martes, que comezará ás 11:00 horas, os estudantes de BAC recibirán información sobre os dous ciclos superiores que se imparten na EIS, Realización e Produción. Un profesor da Escola acudirá ó Leiras Pulpeiro acompañado dunha alumna da Escola, que na actualidade está a realizar as súas prácticas de Produción na empresa audiovisual Hachedé Visual, logo de ter rematada a súa formación no ciclo de Realización.

O docente será o encargado de expoñer o modelo formativo da Escola, que combina a parte teórica con un importante número de prácticas, sempre en escenarios reais. Ademais, explicará en que consisten as profesións de produción e realización e as súas saídas no mercado laboral. Pola súa banda, a alumna contará a súa experiencia en primeira persoa e falará sobre algúns dos traballos que desenvolveu durante os anos que estudou no centro. Os dous atenderán todas as dúbidas e inquedanzas do rapaces.

Experiencia en primeira persoa

As xornadas prolongaranse ata o 11 de maio en diversos institutos da provincia. Todos os centros que estean interesados en participar na iniciativa poderán poñerse en contacto coa Fundación TIC a través do número de teléfono 982 284 667 ou achegarse á súa sede, na rúa Frei Plácido Rei Lemos, en Lugo.

A charla completarase coa proxección dun vídeo sobre a Escola. Tamén se repartirá un dossier con información, farase unha enquisa sobre televisión para coñecer os gustos e hábitos dos estudantes e poranse a disposición dos alumnos interesados formularios de preinscrición para o curso 2013-2014.