Deputación de Lugo

Arrancan na Ulloa e a Zona Sur os traballos para dotar gratis de conexión wifi a prazas e consistorios de 48 Concellos lucenses

Esta é unha das vantaxes que obterán os municipios de toda a provincia que solicitaron o novo paquete de 8 servizos tecnolóxicos ofrecido pola Deputación a través do proxecto Innova-TE, aforrándolles en conxunto 2 millóns de euros Ademais de dotacións técnicas -como a rede wifi, mellora da calidade da banda longa ou a creación e actualización de páxinas web- as entidades locais terán á súa disposición un equipo de 12 profesionais para resolver dúbidas e darlles información e asesoramento sobre as TICO Presidente participou nunha reunión con Alcaldes e técnicos municipais dos 18 Concellos nos que comeza hoxe a implantación destes servizos co fin de explicarlles polo miúdo as súas características e coordinar o desenvolvemento das actuacións

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, supervisou este martes en Monterroso o inicio dos traballos cos que o organismo provincial dotará gratuitamente de conexión wifi de acceso libre e gratuíto a Internet a prazas e consistorios de 48 Concellos de toda a provincia. Gómez Besteiro anunciou que as actuacións inícianse hoxe de maneira simultánea en 18 municipios, pertencentes ás comarcas da Ulloa e a Zona Sur, e ó longo deste mes comezarán nas 30 localidades restantes. A previsión é que o conxunto dos traballos estean listos en setembro.

En cada Concello, a Deputación habilitará tres puntos de conexión: 2 en prazas consistoriais e 1 no interior das propias casas consistoriais, cunha velocidade de 256 kas por segundo, o máximo legal permitido para este tipo de servizos prestados por administracións públicas. Deste xeito, os veciños destas localidades dispoñerán de acceso a Internet libre e gratuíto dende calquera dispositivo móbil: ben un ordenador portátil, PDA ou teléfono, a espazos web coma páxinas institucionais, redes sociais ou correos webmail.

O Presidente, que estivo acompañado do director dos departamentos provinciais de Fondos Europeos e Novas Tecnoloxías, Pablo Rivera, e o Alcalde de Monterroso, Antonio Gato, recalcou a boa acollida que este tipo de servizo ten entre a cidadanía, poñendo como exemplo o propio acceso wifi que a Deputación puxo en marcha na praza e nos xardíns de San Marcos. Dende hai un ano, unhas 54.000 persoas utilizaron a rede, cunha media diaria de 150 usuarios, o que pon de manifesto ou seu éxito. Rexistráronse entradas en 8,5 millóns de espazos web, cunha media de 23.000 páxinas ó día.

Todos menos Foz

A creación de prazas wifi e tan só un dos beneficios incluídos nun novo paquete de 8 servizos tecnolóxicos que a Deputación lles ofreceu de maneira totalmente gratuíta ós 49 Concellos sumados voluntariamente hai tres anos ó proxecto tecnolóxico Innova-TE, financiado nun 80% pola Unión Europea, permitíndolles deste xeito optimizar o traballo municipal e, en consecuencia, “prestar unha mellor e máis áxil atención ós cidadáns, ademais de mellorar a calidade de vida dos veciños”, subliñou o Presidente.

Finalmente, dos 49 Concellos, foron 48 os que solicitaron as novas actuacións, sendo Foz o único que se negou a aceptalas. Asumindo o custe da implantación destes 8 servizos, o organismo provincial evitaralle a cada Concello un custe duns 35.000 euros, de xeito que o aforro conxunto ascende a preto de 2 millóns de euros.

Máis prestacións

Ademais da dotación de wifi en prazas e consistorios, as restantes prestacións son as seguintes:

Mellora da calidade do servizo de banda longa.

Asesoramento para optimizar o uso da sede electrónica implantada na primeira fase do Innova-TE.

Creación de portal web e actualización de contidos nos xa existentes, activados na primeira fase do Innova-TE.

Servizo de dinamizadores tecnolóxicos, que prestarán asesoramento técnico personalizado e in situ ós traballadores municipais para fomentar o uso da Administración Electrónica e sacarlle o máximo partido.

Centro de Asesoramento Tecnolóxico. Prestarase un servizo de asesoramento tecnolóxico ós Concellos para resolver calquera dúbida ou consulta que poida xurdir no uso dos servizos implantados, tanto na primeira fase do Innova-TE, como nesta segunda, agora en marcha.

Elaboración dun informe de recomendacións sobre o cumprimento da Lei de Protección de datos de Carácter Persoal, ó que están obrigadas as administracións locais.

Realización dunha auditoría sobre a dotación de infraestruturas tecnolóxicas que lles foron proporcionadas na primeira fase do Innova-TE co fin de garantir o seu correcto funcionamento e determinar a súa continuidade ou mellora.

Ó igual que a conexión wifi, todas estas dotacións e servizos arrancaron hoxe nas comarcas da Ulloa e a Zona Sur, e ó longo deste mes comezarán nos restantes Concellos.

Un novo impulso cun importante equipo humano

Gómez Besteiro destacou que no novo paquete de servizos tecnolóxicos, a Deputación non só ofrece dotacións técnicas –que deberán estar instaladas antes de final de ano-, senón que “incorporamos un importante equipo humano”, composto por unha ducia de profesionais, que, durante un ano, estarán a disposición dos Concellos para resolver dúbidas e darlles formación e asesoramento personalizado co obxectivo de fomentalo uso de todas aplicacións proporcionadas e as TIC en xeral, ademais de garantir o seu correcto funcionamento, e sacarlle o máximo partido.

Co mesmo obxectivo de garantir a operatividade dos proxectos e manter unha relación fluída coa institución luguesa, os Concellos nomearon un interlocutor ou técnico, que será a persoa coa que se planificarán e coordinarán todas as actuacións a realizar.

Encontro informativo con 18 Concellos

Tras supervisar o inicio dos traballos de instalación de espazos wifi, Gómez Besteiro participou tamén en Monterroso, xunto con Pablo Rivera e Antonio Gato, nunha reunión informativa que a Deputación convocou no centro sociocultural da localidade cos Alcaldes e técnicos municipais dos 18 Concellos da comarca da Ulloa e a Zona Sur nos que arranca hoxe a implantación dos novos servizos tecnolóxicos co fin de expoñerlles polo miúdo as súas características e coordinar o desenvolvemento das actuacións. No encontro participaron Alcaldes e técnicos de Carballedo, Chantada, O Incio, Láncara, Monforte de Lemos, Monterroso, O Páramo, Palas de Rei, Paradela, A Pobra de Brollón, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, Samos, Sarria, Sober, Taboada e Triacastela.

Que municipios se sumaron ó Innova-TE

Os 49 Concellos adheridos ó Innova-TE son os seguintes: Abadín, Baleira, Baralla, Becerreá, Begonte, Burela, Carballedo, Castro de Rei, Castroverde, Cervantes, Cervo, Chantada, O Corgo, A Fonsagrada, Foz, Friol, Guitiriz, O Incio, Láncara, Lourenzá, Meira, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Monterroso, Muras, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Palas de Rei, Paradela, O Páramo, A Pastoriza, Pedrafita, A Pobra do Brollón, Pol, A Pontenova, Portomarín, Quiroga, Rábade, Ribadeo, Ribas de Sil, Ribeira de Piquín, Riotorto, Samos, Sarria, Sober, Taboada, Triacastela e Viveiro.

En cambio, os municipios que se negaron a entrar no proxecto son: Antas de Ulla, Alfoz, Bóveda, Barreiros, Cospeito, O Courel, Ourol, Outeiro de Rei, O Saviñao, O Vicedo, Trabada, Xermade, O Valadouro, Pantón, Guntín, Vilalba e Paradela. Polo que respecta ó Concello de Foz, a pesar de terse adherido nun principio ó plan, rexeitou o novo paquete de 8 servizos tecnolóxicos que lle ofreceu gratuitamente a Deputación, e que comezan hoxe a implantarse na Ulloa e na Zona Sur.