Deputación de Lugo

A Deputación esixe á Xunta que 'as promesas sobre o Xeral sexan feitos, tras 2 anos e medio de mentiras'

Imaxe deputación de lugo
Santos Ramos avanzou que logo de aprobar varias mocións no Pleno, instando a Feijóo a que cumpra co compromiso adquirido co antigo Hospital para que o barrio da Residencia recupere a súa actividade, o Goberno Provincial apoiará de novo ós veciños, secundando a protesta de mañáO Deputado remarcou que “o PP prometeu crear un centro de saúde no Xeral, un Punto de Atención Continuada, situar alí o Laboratorio de Referencia e ata desdobrar o centro da Milagrosa pasando usuarios ó antigo hospital. Mentiron, deixando morrer o barrio da Residencia”

O Deputado de Cooperación e Asistencia ós Concellos, Álvaro Santos Ramos, avanzou hoxe que o organismo provincial esixirá á Xunta que “as promesas sobre o Xeral sexan feitos tras 2 anos e medio de mentiras”, sumándose á protesta polo abandono destas instalacións que a Asociación de Veciños da Residencia convocou para mañá, ás 20:30 horas, diante do antigo Hospital. Santos Ramos subliñou que “levamos dous anos e medio escoitando promesas e máis promesas por parte da Xunta e dos seus compañeiros do Partido Popular en Lugo, todas elas incumpridas. Nada fixeron. Os populares só se dedicaron a enganar ós lucenses, tratándonos, coma de costume, como cidadáns de segunda, e deixando que morra o Barrio da Residencia, que pechen os seus negocios e que quede sen xente. É hora de que as súas promesas sexan feitos. Así o esiximos xa en varias mocións que este Goberno Provincial levou ó Pleno da Deputación, e así o demandaremos mañá nas rúas da capital”.

Santos Ramos, que participará persoalmente na protesta deste xoves, fixo referencia ás “mentiras do PP” ó respecto do Xeral, destacando que: “prometeron crear un centro de saúde propio para o Barrio da Residencia que non teñen os máis de 2.500 veciños da zona; situar un Punto de Atención Continuada (PAC); levar o Laboratorio de Referencia que, finalmente, afincaron na rúa Montevideo, alegando que era máis barato; e ata dixeron que ían a desdobrar o centro da Milagrosa, saturado con máis de 7.000 tarxetas sanitarias, para pasar a metade dos seus usuarios ó Xeral. Mentiron, nada disto fixeron”.

Ante esta situación, o organismo provincial apoiará de novo ós veciños nas súas protestas para que “a Xunta de contido ós miles de metros cadrados do antigo hospital Xeral”. A Asociación de Veciños da Residencia propón levar á zona un centro de día, un xeriátrico ou mesmo acondicionar un espazo verde para o lecer dos cidadáns. O Goberno Provincial xa levou para mocións ó Pleno, instando á Xunta que cumpra co compromiso adquirido co antigo Hospital Xeral co obxectivo de que este barrio recupere a súa actividade.