Deputación de Lugo

A Deputación anticipará este ano 25,5 millóns ós 54 Concellos sumados ó Sistema de Recadación Provincial, garantíndolles liquidez

A Deputada de Economía subliñou “o gran esforzo inversor” que fai o organismo lugués para “asegurar a estes municipios uns importantes ingresos mensuais, que lles permiten afrontar as obrigas económicas nuns momentos nos que a súas arcas están especialmente minguadas” Os Concellos adheridos ó Sistema de Recadación, o 80% dos da provincia, aforran “os miles de euros que lle supoñería facerse cargo dos trámites administrativos para a recadación de impostos, e garanten unha xestión áxil e eficaz”, asegura García Porto

A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, anunciou este luns en rolda de prensa que o organismo lugués anticipará 25,5 millóns de euros ó longo deste 2013 ós 54 Concellos da provincia que decidiron delegar a tramitación do cobro de impostos e taxas municipais no Sistema de Recadación Provincial. “Facendo un gran esforzo inversor, estámoslles a anticipar a estes Concellos máis de 2 millóns de euros cada mes, é dicir, garantímoslles uns importantes ingresos mensuais, cos que gañan liquidez para poder afrontar as súas obrigas económicas nuns momentos nos que as arcas municipais están especialmente minguadas”, subliñou García Porto.

A Deputada sinalou así mesmo que, con estes adiantos, “cumprimos un compromiso que adquirimos cos Concellos cando puxemos en marcha en 2008 un pioneiro Sistema de Recadación Provincial, que supón un dos nosos principais instrumentos de cooperación cos municipios lucenses”.

Ademais dunha importante inxección de liquidez mensual, García Porto destacou outras vantaxes fundamentais do Sistema de Recadación para as entidades locais:

- A Deputación aforra os miles de euros que lle supoñería a un Concello facerse cargo dos trámites administrativos para a recadación de impostos, xa que, de non delegar este servizo no organismo provincial, deberían dispoñer de persoal técnico e xurídico; aplicacións informáticas que custan entre 200.000 e ata 1 millón de euros; ou sistemas de pregado, sobrado, envío por correo... “É dicir, ou adquiren persoal e equipamentos, ou ben realizan varias subcontratas, o que supón, en ambos os dous casos, miles de euros de gasto ó ano”, asegurou a Deputada de Economía.

- Cos servizos provinciais, os Concellos gañan eficacia e axilidade na xestión dos tributos.

- Este Goberno tomou a decisión en 2008 de reter ós Concellos soamente un 3% do recadado pola tramitación dos impostos, cando na etapa do Partido Popular se retiña un 6% e non se adiantaban os cartos. Segundo destacou Pilar García Porto, “con esta rebaixa, a Deputación non cobre nin tan sequera os custes que lle supón o servizo”.

De 29 a 54 municipios

As vantaxes do Sistema Provincial de Recadación fixeron de feito que os Concellos adheridos pasasen de ser 29 no ano 2008, cando se puxo en marcha, ós 54 da actualidade, é dicir, o 80% dos da provincia.

Os impostos que teñen delegados son os seguintes: o IBI; o Imposto de Actividades Económicas; o imposto de circulación; o de entrada de vehículos; ou as taxas de auga, lixo, sumidoiros ou antenas parabólicas.

García Porto quixo deixar claro que a Deputación de Lugo “fai unha labor administrativa pura, é dicir, ocúpase de facer os trámites de cobro de impostos, de maneira eficaz e dilixente, iso si, pero non é a entidade que se queda cos cartos, a recadación obtida é para os Concellos, son eles os que fixan os padróns e as taxas, e os que reciben os cartos”.

Os municipios lucenses adheridos ó Sistema de Recadación Provincial son os seguintes: Abadín, Antas de Ulla, Alfoz, Baleira, Baralla, Barreiros, Becerreá, Begonte, Bóveda, Carballedo, Castroverde, Castro de Rei, Cervantes, Cervo, Cospeito, O Courel, A Fonsagrada, Guntín, Láncara, Lourenzá, Meira, Mondoñedo, Monterroso, Muras, Navia de Suarna, Ourol, Palas de Rei, Pantón, Paradela, O Páramo, A Pastoriza, Pedrafita, Pol, A Pobra do Brollón, A Pontenova, Portomarín, Quiroga, Rábade, Ribadeo, Ribas de Sil, Ribeira de Piquín, Riotorto, Samos, Sarria, O Saviñao, Sober, Taboada, Trabada, Triacastela, O Valadouro, O Vicedo, Vilalba, Xermade e Xove.