Deputación de Lugo

Éxito de participación no I Festival Itinerante de Balcóns e Espazos Sonoros organizado por alumnos da Escola de Imaxe e Son

O festival FIBES perfílase como novo e innovador acontecemento cultural nas rúas do casco histórico da cidade de Lugo grazas á boa acollida por parte de lucenses e visitantes .Danza, flashmobs e pulsadores de activación dos espectáculos foron algunhas das sorpresas coas que a organización do FIBES atraeu a atención dos paseantes.Intenso traballo de alumnos e bolseiros da Escola de Imaxe e Son, que hoxe tamén seguiron coas cámaras as actividades da 2ª edición do Street Market do comercio lucense.

O casco histórico da cidade de Lugo converteuse este venres nun enorme e orixinal espazo cultural. A partires das 11:00 horas e ata a media noite, os balcóns da Deputación, o Concello, o hotel Méndez Núñez ou da Casa das Pombas; e as rúas e os mercados, como o da praza de abastos, convertéronse en improvisados escenarios nos que tiveron lugar concertos e espectáculos de danza protagonizados por grupos e artistas lucenses.

O FIBES tamén buscou a implicación do público co factor sorpresa, como unha das súas principais características. Deste xeito, os cidadáns lucenses participaron activamente acompañando ós artistas nos seus espectáculos coa realización dun flashmob na praza de abastos e acompañando os bailes dos artistas na Casa das Pombas. O público foi ademais o encargado de activar un pulsador que daba comezo ás sesións, e no Pazo de San Marcos un actor mesturouse entre o público e animou ó resto dos asistentes. A xornada rematou coa animada actuación dun Dj na Casa das Pombas.

Coa organización e celebración do FIBES cúmprese un dos obxectivos educativos primordiais da Fundación TIC: o de fomentar a realización de prácticas en escenarios reais ós seus alumnos co fin de proporcionarlles unha formación acorde á realidade do mercado de traballo.

Na iniciativa tamén colaboraron estudantes doutros centros educativos. É o caso dos alumnos do Conservatorio Profesional de Música de Lugo. Ademais, o logotipo do FIBES foi elaborado por Rodrigo Insua, alumno da Escola de Arte e Deseño Ramón Falcón, que tamén se encargou da toda a imaxe corporativa do Festival.

A TIC, unha vez máis cos comerciantes
Bolseiros e técnicos da Fundación TIC rexistraron coas cámaras o 2º Street Market de comerciantes de Lugo para á súa posterior difusión a través da realización dun DVD. Esta iniciativa, que tivo lugar hoxe ó longo de todo o día na cidade e na que participaron medio centenar de comerciantes ofrecendo suculentas “gangas” nas rúas, pretende animar as vendas e atraer público ó centro de Lugo. Artigos de téxtil, complementos de moda, calzado, roupa o gafas, foron algunhas das mercancías postas á venda.

Non é a primeira vez que a Fundación TIC amosa o seu apoio ós comerciantes da capital. A entidade, dependente da Deputación de Lugo, mantén un convenio de colaboración coa Asociación de Autónomas para difundir as actividades do colectivo lucense. Algúns exemplos de colaboración son a Feira Outlet ou a Noite Aberta.

Para esta última, alumnos da EIS realizaron un amplo reportaxe sobre as dúas edicións celebradas, o que serviu de promoción en varios canles informativos e grazas o cal a iniciativa estivo presente nas redes sociais máis populares. Un compromiso que, na actualidade, a Fundación TIC mantén con máis de 100 asociacións da provincia sen ánimo de lucro.