Deputación de Lugo

A Deputación analizará nunhas xornadas formativas e de debate as novidades lexislativas que afectan ós Concellos da provincia

Imaxe deputación de lugo
O 27 de xuño terá lugar un obradoiro dirixido a funcionarios con habilitación nacional e o 28, un foro de debate, aberto tamén a cargos electos e todo tipo de públicoSeis recoñecidos profesionais de Lugo, Málaga e Madrid abordarán a reforma da administración local e as novas obrigas sobre estabilidade orzamentaria, prazos de pago a provedores e nivel de endebedamentoOs empregados públicos poden anotarse neste encontro ata o día 15 e o público en xeral entre os días 15 e 25

A Deputación de Lugo organizou para os vindeiros días 27 e 28 de xuño unhas xornadas formativas e de debate co obxectivo de analizar en profundidade as últimas reformas lexislativas adoptadas polo Goberno central que afectan directamente ó quefacer diario dos Concellos. A proposta de reforma da Administración local é un dos eixos principais das xornadas, nas que 6 recoñecidos profesionais de entidades locais de Lugo, Málaga e Madrid, expertos no mundo local, tamén abordarán as novas obrigas das entidades locais sobre estabilidade orzamentaria, prazos de pago a provedores e nivel de endebedamento.

O Deputado de Cooperación e Asistencia ós Concellos, Álvaro Santos, enmarcou este encontro sobre cuestións de completa actualidade que afectan ás entidades locais no continuo esforzo do organismo provincial “por cooperar cos Concellos, proporcionándolles todos os recursos formativos, informativos e materiais para facilitarlles o seu traballo, garantir unha xestión eficaz da administración local e prestar a mellor atención posible ós veciños”.

Programa do obradoiro

O día 27, en horario de 10:30 a 14:00 e de 15:30 a 19:00 horas, terá lugar un obradoiro dirixido a funcionarios da Administración local da provincia con habilitación de carácter estatal responsables da contabilidade municipal. Para este primeiro bloque das xornadas hai 35 prazas dispoñibles. Os empregados públicos teñen de prazo para inscribirse ata o vindeiro 15 de xuño. Para elo, tal e como recolle o BOP do 5 de xuño, teñen que presentar unha solicitude no Rexistro Xeral, por correo, fax ou e-mail. Os participantes recibirán un certificado de asistencia. Os poñentes serán os seguintes: Rosa Abelleira Fernández, interventora xeral da Deputación de Lugo, e Rocío Claros Peinado, tesoureira de Alhaurín de la Torre, municipio da provincia de Málaga.

O debate

O segundo bloque desta iniciativa terá lugar o día 28, de 10:30 a 14:30 horas, e a participación abrirase a cargos electos da provincia e público en xeral. Neste caso, as persoas interesadas poderán anotarse entre os días 15 e 25 chamando ó número de teléfono 982-26-00-25 ou enviando un correo electrónico a carmeladiaz@deputacionlugo.org

Neste caso, intervirán na xornada: Eulalio Ávila Cano, secretario xeral do Concello de Majadahonda, en Madrid, e presidente do consello xeral do Colexio Oficial de Secretarios, Interventores e Tesoureiros da Administración Local (COSITAL); Sofía Sanmartín Novo, secretaria interventora do Concello de Muras, en representación dos municipios de menos de 1.000 habitantes; Julio González Casanova, secretario de Friol, en representación das localidades de entre 1.000 e 5.000 veciños; e José Antonio Carro, secretario do Pleno do Concello de Lugo e secretario do de Ribadeo, que falará da situación de municipios entre 5.000 e 20.000 habitantes.