Deputación de Lugo

A Deputación aforra custes ó Concello de Bóveda mellorando vías municipais con medios do Parque Móbil

As obras consistiron no arranxo de vías, preparación de terreos e limpeza de cunetas de varias estradas pertencentes a 10 parroquias, nas que viven preto de 1.000 veciñosEstas actuacións súmanse ás que levou a cabo o pasado ano o organismo lucense coas máquinas do Parque Móbil en 534 quilómetros de vías municipais e coas que aforrou 5 millóns de euros ós Concellos da provincia

A Deputación de Lugo ven de rematar diversas melloras en vías municipais do Concello de Bóveda con medios do Parque Móbil, evitándolle así o gasto ó que tería que facer fronte o Concello contratando unha empresa externa, ó carecer de medios propios para afrontar ditas obras.

Estas obras remataron a pasada semana e consistiron na mellora de 20 quilómetros de vías municipais, a limpeza de 40 quilómetros de cunetas e no acondicionamento dunha superficie útil de 10.000 m2. Estas vías dan servizo ás parroquias de Guntín, Freituxe, Mosteiro, Laparte, Rivas, Bóveda, Valalpape, Casbeiro, Outeiro e Teilán, polo que os preto de 1.000 veciños que viven nelas e utilizan estas vías para os seus desprazamentos de xeito habitual, contan novamente con infraestruturas en bo estado.

Para acometer estes traballos, o organismo provincial desprazou ó municipio un equipo de limpeza, composto por unha motoniveladora, un camión e unha pala, así como os seus propios traballadores.

Máxima cooperación cos Concellos

Dentro da súa aposta pola optimización de recursos e a máxima cooperación cos Concellos, a Deputación reorientou o servizo do Parque Móbil hai 6 anos, poñendo a disposición de todos os municipios da provincia os medios técnicos e o persoal deste departamento para o acondicionamento de estradas locais co fin de reducir as súas cargas económicas e mellorar os servizos públicos ós cidadáns. Actualmente, as máquinas actúan durante todo o ano e segundo as necesidades en vías locais coa colaboración de traballadores municipais. Por este motivo, vanse desprazando por toda a provincia.

Balance de 2012

Estas actuacións acometidas con recursos propios supuxeron un aforro de case 5 millóns de euros durante o pasado ós Concellos de toda a provincia. En 2012, as máquinas do Parque Móbil actuaron en vías locais de 20 municipios de todas as cores políticas, nas que se arranxaron un total de 534 quilómetros: creáronse 36 quilómetros de obra nova; rexeneráronse 343; bacheáronse 129 e reparáronse accesos en máis de 26 quilómetros. Para elo, a institución luguesa puxo a disposición dos Concellos 20 operarios e 18 máquinas do Parque Móbil. Isto supuxo, segundo datos dos técnicos provinciais, que a Deputación aforrase ós Concellos preto de 5 millóns de euros, que sería o orzamento que terían que investir os municipios no caso realizar contratacións externas para levar a cabo estas actuacións, executadas e asumidas na súa totalidade pola institución.