Deputación de Lugo

A Deputación arranxa outra ponte en Baleira que 'o Partido Popular, co apoio do Alcalde, construíu con tubos de chapa'

Martínez subliñou que “as chapuzas dos populares” provocaron que esta infraestrutura, situada na CP-0408 ó seu paso polo núcleo de Córneas, non soportase as choivas e se viñese abaixoO organismo provincial substitúe os tubos de chapa, “material que o PP e o rexedor consideran axeitados, poñendo en perigo ós usuarios e malgastando cartos”, por 4 marcos de formigónCon estas melloras, que estarán listas en 15 días, elévase a 100.000 euros o investimento que a institución luguesa dedica á reparación de infraestruturas en Baleira, pois o Partido Popular, tamén neste caso con Acal como Deputado, construíu en Cubilledo outra ponte con tubos fixados na terra

O Deputado de Xestión Territorial, Manuel Martínez, supervisou este luns as obras de reconstrución dunha ponte no núcleo de Córneas, en Baleira, que “o Partido Popular, estando á fronte da Deputación, e que Francisco Acal, sendo Deputado, decidiu construír con tubos de chapas”. Martínez salientou que “as chapuzas do PP, apoiadas polo Alcalde”, fixeron que esta infraestrutura, situada na CP-0408, non soportase as choivas e se viñese abaixo.

O responsable do departamento provincial de Vías e Obras, xunto a técnicos provinciais, supervisou o estado no que se atopaba a ponte ó día seguinte do seu derribo. Púxose entón en marcha a redación dun completo proxecto de mellora, cuxo inicio estivo á espera dos permisos legais doutras administracións. Martínez subliñou que, obtida dita documentación imprescindible, “iniciamos unhas actuacións ás que destinamos 30.000 euros, “presuposto que o Partido Popular nos obriga a investir para que os veciños de Baleira poidan facer uso desta infraestrutura de xeito seguro, porque isto non volverá a suceder”.

Para elo, a Deputación decidiu substituír os actuais tubos de chapa circulares, de tan só 1,5 metros de diámetro, “material que o PP e o rexedor consideraron axeitado, poñendo en perigo ós usuarios e malgastando cartos”, por 4 marcos de formigón rectangulares, de 3 metros de ancho por 2,8 metros de alto, ó longo dos 9,6 metros da ponte. O organismo provincial xa realizou as tarefas de escavación e colocou os marcos de formigón. Agora procederá a construír os muros de contención anexos á ponte e ó acondicionamento da estrada con dobre pavimentación. Aínda que o prazo máximo de execución establecido é de tres meses, Manuel Martínez subliñou que as obra “poderán rematar moito antes”. De feito, segundo os técnicos, en 15 estarán listas.

Dous casos: 100.000 euros

Martínez indicou que “a ponte de Córneas non é un caso alleo. O Partido Popular, con Francisco Acal como Deputado, construíu en Cubilledo, tamén en Baleira, unha ponte con tubos fixados na terra, outra infraestrutura que se veu abaixo coas choivas, e que tamén tivemos que arranxar, investindo 70.000 euros para facer nunha ponte segura. Coas actuacións que estamos a executar agora, xa son 100.000 euros os cartos que dedicamos á reparación das chapuzas do PP só neste municipio. Todas elas, feitas co apoio e consentimento do propio Alcalde”.