Deputación de Lugo

Fegamp e Deputación esixen á Xunta que “non incaute cartos” aos Concellos “insumisos con Sogama” ata que se resolva a cuestión de constitucionalidade

- Varios xulgados elevaron o caso ao Tribunal Constitucional por unha posible invasión de competencias municipais por parte da Xunta de Galicia - O Goberno galego decidiu restar cartos do Fondo de Compensación Local aos Concellos sen esperar á resolución dos procesos xudiciais

O Presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, e o Presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alfredo García, esixiron estes xoves á Xunta de Galicia que “ non incaute cartos” aos Concellos que rexeitaron a suba do 34% no canon polo tratamento do lixo de Sogama ata que se resolva a cuestión de inconstitucionalidade.

Alfredo García e Darío Campos adiantaron que xa hai catro sentenzas en xulgados galegos que elevaron o caso ao Tribunal Constitucional por unha posible invasión de competencias por parte da Xunta.

“No ano 2014, a Xunta decidiu, unilateralmente, a suba e o prezo polo tratamento de tonelada de lixo pasou de 55,91 a 74,64 euros nunha situación de crise para os Concellos”, asegurou Campos.

Trece concellos decidiron non asumir esta medida e pagar só o que estaba estipulado anteriormente: Narón e San Sadurniño en A Coruña; Piñor en Ourense; Salceda de Caselas en Pontevedra; e Becerreá, A Fonsagrada, Navia de Suarna, Pedrafita do Cebreiro, Castroverde, Pol, A Pontenova, A Pobra do Brollón e Antas de Ulla en Lugo.

Os xulgados contencioso-administrativos da provincia de Lugo consideran que hai razoadas dúbidas de inconstitucionalidade na decisión de subir o canon unilateralmente, polo menoscabo á autonomía local garantida no artigo 140 da Constitución e por unha posible invasión de competencias estatais por parte da Xunta en materia de lexislación de contratos públicos.

“Agora Sogama decidiu retirar as demandas contra os Concellos antes de recibir un varapalo por parte do Tribunal Constitucional e a Xunta incauta os cartos que os municipios decidiron non pagar das cantidades do Fondo de Compensación Local, o que representa unha falta de respecto ao Estado de Dereito e demostra que non hai intención de chegar a un acordo”, afirmou o Presidente da Fegamp.

A entidade que representa aos Concellos galegos informou tamén aos medios de comunicación de que os municipios recorrerán a decisión da Xunta de incautarlles cartos. “O que lle pido á Consellería de Medio Ambiente é diálogo, as partes afectadas temos que falar para chegar a una solución nun tema que prexudica aos veciños e que pon en risco a viabilidade das contas municipais”, engadiu Alfredo García.

A Deputación liderou a defensa xurídica
Darío Campos remarcou que “Alcaldes de todas as cores políticas estivemos de acordo en que esta suba era un claro ataque aos Concellos e aos nosos veciños. A Xunta impúxonos dúas alternativas: asumir con medios propios do Concello esta suba, cando xa estamos economicamente asfixiados, sendo as administracións máis prexudicadas pola crise, aínda ser as menos responsables da mesma; ou incrementar os recibos aos nosos veciños cando o desemprego é o principal problema no país, e cando estamos a sufrir recortes en sanidade e educación pública, así como nas pensións”.

“Ante esta situación, varios Rexedores opuxémonos a asumir, de ningún xeito, o tasazo de Sogama. Os nosos municipios pasaron as ser denominados como Concello insumisos. Hai que ter en conta que, por exemplo, na Pontenova con este incremento do 34% teríamos que pagar a SOGAMA entre 4.000 e 5.000 euros ao mes. É dicir, entre 45.000 e 60.000 euros ao ano. Para A Fonsagrada esta suban conleva custos de 82.000 euros ao ano”, remarcou.

O Presidente da Deputación destacou que “José Ramón apoiou incondicionalmente dende a Deputación de Lugo aos Concellos insumisos. Puxo a disposición dos municipios os servizos xurídicos do organismo provincial de xeito totalmente gratuíto. É dicir, a Deputación de Lugo, co meu compañeiro José Ramón, liderou a defensa xurídica dos Concellos, ante o robou que pretendía facer a Xunta de Feijóo co tasazo de Sogama aos nosos veciños. Para que se fagan unha idea, sólo en Lugo, hai preto de medio centenar de xuízos entre os que se celebraron e se van a celebrar”.

“Esta boa defensa xurídica, pola que temos que felicitar aos profesionais dos servizos xurídicos da Deputación de Lugo, supuxo que todos os xulgados contenciosos administrativos de Lugo consideren que hai razoadas dúbidas de constitucionalidade que merecen ser elevadas ao Tribunal Constitucional. É unha primeira vitoria do municipalismo”, subliñou Campos.