Deputación de Lugo

A Deputación aforra outros 300.000 euros ós Concellos, asumindo os custes do equipamento para arranxar vías municipais

A institución aforra 112.000 euros a Negueira de Muñiz, Foz e A Pastoriza, ó facerse cargo dos custes dun camión do lixo, da construción dun depósito de incendios e dun parque biosaudable O organismo provincial supera os 4 millóns de euros de aforro en gastos correntes ó ano coas medidas redución destes custes postas en marcha ata o momentoMartínez felicita á Feijóo por “facer caso á Deputación de Lugo, aprobando mecanismos para fomentar o asentamento de empresas nas Gándaras, tal e como lle esiximos hai máis de 2 anos, cando lle advertimos que o polígono ía a quedar baleiro co prezo que lle impuxo ó seu solo”

A voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, destacou hoxe que a Deputación aforra outros 300.000 euros ós Concellos ó asumir os custes do equipamento necesario para o arranxo de vías exclusivamente municipais. E é que a Xunta de Goberno Provincial deste venres aprobou a contratación de áridos por valor de 164.00 euros, que permitirán mellorar máis de 600 quilómetros de estradas locais durante 1 ano, así como a adquisición de dúas palas retrocargadoras, dotadas de 150.000 euros, para a execución destes traballos. Martínez subliñou que “o aforro ós Concellos vai máis alá destes 314.000 euros, xa que tamén nos facemos cargo da execución destas actuacións con persoal do Parque Móbil, evitando contratacións externas. Segundo cálculos dos técnicos, no último ano aforramos 5 millóns de euros a 21 Concellos, de todas as cores políticas, onde melloramos 534 quilómetros de estradas municipais”.

Foron vías locais de Castro de Rei, Becerreá, Bóveda, Cervantes, Castroverde, O Corgo, Guitiriz, O Incio, Lourenzá, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Navia de Suarna, O Páramo, A Pastoriza, A Pontenova, Ribadeo, Samos, Sober, Viveiro, Xermade e Pobra do Brollón. Precisamente, avanzou o Deputado, “vimos de rematar co arranxo de 45 quilómetros de estradas da Pobra do Brollón, aforrando miles de custes ó Concello, mellorando ás comunicacións viarias de 10 parroquias, e beneficiando de xeito directo ós 1.300 veciños que viven nestes núcleos rurais”. Os traballos consistiron na apertura, limpeza e ensanche de camiños municipais.

Máis cooperación cos Concellos e aforro

A sesión acordou novas actuacións en Negueira de Muñiz, Foz e A Pastoriza, coas que a Deputación aforra outros 112.000 euros a estes municipios. Estas son as seguintes: conceder 39.000 euros ó Concello de Negreira de Muñiz para a adquisición dun novo camión do lixo (en substitución do existente que ten máis de 25 anos) e ofrecer este servizo ós veciños deste municipio, distribuídos en 26 núcleos poboacionais; investir 21.000 euros na construcción dun depósito contraincendios e no acondicionamento da pista municipal que dá acceso ó mesmo, a de Madroi a Ferreiravella, na parroquia de Santa Cecilia, no Concello de Foz. Con este presuposto, que a institución provincial aforra ás arcas focenses, contribúese á prevención de lumes, beneficiando directamente ós 2.000 veciños das parroquias da zona: Santa Cecilia, San Acisclo e San Martiño; contratar os traballos de creación do primeiro parque biosaudable na Pastoriza, con 51.400 euros cofinanciados nun 80% pola Unión Europea. Trátanse dunhas actuacións coas que, ademais de aproveitar un espazo verde, foméntase o benestar social.

4 millóns de euros menos en gastos correntes

Martínez adiantou a aprobación “dunha nova medida de redución de gastos correntes na Deputación coa que sumamos un aforro de máis de 4 millóns de euros ó ano”. Trátase da contratación de consumibles para os equipos de impresión nas dependencias provinciais por valor de 43.400 euros, rebaixando estes custes nun 30% con respecto ó ano pasado, con 15.000 euros menos. “Isto é posible logo de poñer en marcha medidas de racionalización destes gastos en todos os departamentos provinciais, por exemplo, facer fotocopias só cando sexa imprescindible, sempre en branco e negro e un máximo de 50 unidades; e logo de implantar co Innova-TE mecanismos tecnolóxicos, que permiten a dixitalización de toda a documentación da administración”, explicou. Estes 15.000 euros de aforro, engádense ós máis de 4 millóns de euros aforrados coas restantes medidas de redución de gastos correntes postas xa en marcha: 1)- rebaixa dos gastos correntes no Orzamento do organismo provincial para 2013 en 1,4 millóns de euros e de 2,2 millóns de euros na pasada anualidade, acadando un aforro total de 3,6 millóns de euros ó ano; 2)- contratación dos servizos de limpeza e vixilancia na totalidade das dependencias provinciais, cun aforro de 120.000 euros con respecto ó ano pasado; 3)- redución da factura eléctrica en 130.000 euros ó ano, coas medidas postas en marcha dende a Axencia Provincial da Enerxía; 4)- rebaixa dos custes de telefonía en 236.000 euros anuais, ó reducir o número de operadores e dispositivos móbiles, tras avaliar as necesidades dos profesionais da institución, tamén con medios do Innova-TE; 5)- redución dos custes de material de oficina, como por exemplo papel ou equipos de multifunción, en 80.000 euros.

Obras en Monterroso

A Xunta de Goberno acordou que a Deputación se persoe como acusación particular nas obras da piscina de Monterroso e aprobou a liquidación destes traballos “para finiquitar, definitivamente, as relacións coa empresa adxudicataria”, destacou o voceiro. Martínez remarcou que “hai que deixar moi claro que foi esta Deputación quen detectou irregularidades nestas actuacións e as puxo en coñecemento da Fiscalía, que hoxe mesmo vamos a persoarnos no caso como acusación particular para defender os intereses desta institución; e agora temos que deixar que actúe a xustiza para esclarecer o acontecido”.

“Por fin Feijóo nos fixo caso”

“Ó igual que en moitas ocasións criticamos as políticas de actuacións do Presidente da Xunta, hoxe temos que felicitalo por facer caso a esta Deputación, poñendo en marcha medidas que estimulen o asentamento de empresas no polígono das Gándaras, tal e como lle demandamos xa máis de dous anos”, remarcou Martínez. O voceiro lembrou que “en marzo de 2011, xa advertíamos a Feijóo que as Gándaras ía a quedar baleiro, cando lle estaba a impor un prezo de máis de 100 euros por metro cadrado, converténdoo un dos polígonos máis caros de Galicia xunto á áreas industriais onde se sitúan multinacionais coma Inditex. Por este motivo, esixíamos ó Presidente da Xunta que se implicase coas Gándaras e que buscase mecanismos económicos para estimular o asentamento de empresas, tal e como fixo este Goberno Provincial, facendo que os polígonos da Deputación de Lugo sexan os máis baratos na Comunidade galega, cun prezo medio de 35 euros o metro cadrado. Por fin Feijóo nos fixo caso”.