Deputación de Lugo

A Deputación, primeira de Galicia en activar a factura electrónica, coa que pagará en tan só 20 días ós provedores, mellorando a súa liquidez

As empresas poden rexistrar xa de maneira cómoda e sinxela as súas facturas a través da páxina web www.deputacionlugo.org grazas ó programa e-fácil, financiado nun 73% polo Ministerio de IndustriaAdemais de aforrar custes e tempo ós empresarios, con esta nova aplicación “melloramos a transparencia na xestión, seremos máis eficientes e útiles ós veciños, e seguiremos á cabeza dos organismos provinciais galegos que máis rápido pagan”, subliñou o Presidente Para mostrar ás firmas lucenses o funcionamento e vantaxes deste servizo tecnolóxico, o organismo ofrecerá entre mañá e o vindeiro mércores 6 xornadas informativas gratuítas en Monforte, Lugo e Viveiro

A Deputación de Lugo activou este xoves a factura electrónica, converténdose no primeiro organismo provincial de Galicia en poñer en marcha este servizo tecnolóxico, co que conseguirá pagar nunha media de tan só 20 días ós provedores, o que mellorará a liquidez das empresas, ademais de aforrarlles custes e tempo. Así o anunciaron o Presidente provincial, José Ramón Gómez Besteiro, e o Deputado de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación, Alfredo Llano, quen, nunha rolda de prensa no departamento de Fondos Europeos, explicaron que as empresas poden rexistrar xa de maneira cómoda e sinxela as súas facturas a través da páxina web www.deputacionlugo.org grazas ó programa e-fácil, financiado nun 73% polo Ministerio de Industria. Na mesma comparecencia, un empresario da provincia fixo o rexistro da primeira factura que a Deputación tramitará telematicamente.

Con esta nova aplicación informática, subliñou Gómez Besteiro, “seguimos avanzando cara a Administración electrónica, poñendo as novas tecnoloxías ó servizo dos cidadáns en xeral, e das empresas, en particular, para que se beneficien das súas vantaxes e posibilidades. Melloramos ademais a transparencia na xestión, e somos máis eficientes e máis útiles ós veciños”.

Neste senso, o Presidente destacou a boa acollida dunha recente iniciativa que a Deputación emprendeu a través do Innova-TE, coa que dotará de 200 ferramentas tecnolóxicas a 150 empresas da provincia para que potencien o seu negocio. Segundo avanzou Gómez Besteiro, dende a apertura do prazo de inscrición, hai tan só dúas semanas, xa se anotaron 130 firmas, quedando polo tanto 30 vacantes.

Cales son as vantaxes da e-factura

A tramitación on line de facturas que a Deputación puxo hoxe en marcha é un proceso totalmente telemático e moi sinxelo: As empresas atopan un banner na parte superior da web provincial www.deputacionlugo.org dende o que poden acceder á aplicación informática e rexistrar de maneira cómoda e rápida o seu recibo. A seguridade do proceso está totalmente garantida, igual que a validez legal das facturas presentadas.

O Presidente destacou que este sistema ten tres vantaxes fundamentais:

- A Deputación pagará máis rápido ós provedores. Con esta nova aplicación tecnolóxica redúcense os trámites burocráticos e axilízase o proceso administrativo das facturas, co que se acurtará de xeito importante o prazo de pago ás empresas provedoras. “A nosa previsión é baixar en 10 días ese prazo, co que pasaríamos da media de 30 días que vimos mantendo ós 20 días”, explicou Besteiro. Deste xeito, engadiu, “seguiremos á cabeza das institucións provinciais de Galicia que máis rápido pagan e situarémonos 10 días por debaixo do que esixe a Lei para este 2013, que son 30 días”. Pagando máis rápido, “favorecemos tamén que as empresas melloren a súa liquidez, un dos grandes problemas ós que hoxe se teñen que enfrontar, sobre todo as PEMES e autónomos, e, con elo, contribuiremos á reactivación económica”, sinalou.

- Aforro de cartos e tempo ós empresarios porque evitarán o gasto en papel, a impresión da factura, o pregado, o ensobrado, non terán que desprazarse á Deputación para rexistrala, nin terán gastos de envío.

- Aumenta a transparencia da xestión provincial porque os empresarios, non só poden rexistrar as facturas a calquera hora do día, os 365 días do ano, senón que poden consultar en calquera momento o estado no que se atopa o documento.

Sesións informativas

Pola súa banda, o Deputado de Economía do Coñecemento anunciou que, de maneira complementaria á implantación do programa e-fácil, a Deputación organizará entre mañá mesmo e o vindeiro mércores, 26 de xuño, seis xornadas informativas gratuítas por toda a provincia “para mostrarlles de maneira práctica ós nosos provedores, e ás empresas en xeral, como poden facer o rexistro electrónico das facturas da Deputación e cales son as vantaxes de escoller esta opción”. As firmas terán tamén á súa disposición na web do organismo provincial un manual coas instrucións para rexistrar facturas vía on line, así como un número de teléfono de contacto (982-28-02-63) e unha dirección de correo electrónico (facturaelectronica@deputacionlugo.org) para consultas e obter máis información.

As xornadas arrancarán mañá no Salón de Plenos de Monforte con dúas sesións formativas, unha ás 5 da tarde, e outra ás 6. O vindeiro martes, 25 de xuño, haberá outras dúas en Lugo, no Centro de Innovación Social, ás 6 e ás 7 da tarde; e o mércores, 26 de xuño, celebranse outras dúas no Salón de Actos do Concello de Viveiro, ás 5 é ás 6 da tarde.

Para os Concellos

Alfredo Llano avanzou tamén que a aplicación e-fácil está preparada para ser instalada nos portais web dos Concellos, polo que “cando estea a pleno rendemento na Deputación e constatemos o seu correcto funcionamento, estudaremos a posibilidade de ofrecerlles ós 49 municipios adheridos voluntariamente ó proxecto Innova-te a implantación gratuíta da factura electrónica co fin de que tamén poidan beneficiarse das súas vantaxes e axilizar os pagos ós seus provedores”.