Deputación de Lugo

A Deputación publica un libro que recolle as referencias bibliográficas á Terra Chá durante o franquismo

Imaxe deputación de lugo
O Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, e o autor, Xenaro Pérez López, presentarán o libro este xovesA publicación é unha escolma dos textos que foron editados ou reeditados entre 1940 e 1975O libro inclúe información sobre as referencias bibliográficas ós 9 Concellos que conforman a comarca chairega

A Deputación publica “Bibliografía da Terra Chá, 1940-1975”, unha escolma de libros reeditados ou escritos durante o réxime franquista sobre esta ampla comarca da provincia de Lugo. Este traballo de divulgación, feito polo chairego Xenaro Pérez López, recolle en cada texto unha breve reseña biográfica do autor, un resumo e comentario do contido. Nalgúns casos tamén se inclúe unha mostra literal dos textos.

O libro comeza cun limiar de intencións, segue cunha achega xeral á Terra Chá do século XIX e con algúns datos e hipóteses sobre os cambios sociais ocorridos na comarca chairega durante a segunda metade do século XX. Despois dalgunhas conclusións sobre o período de 1940-1975, o libro remata cunha homenaxe ó sociólogo Bernardo G. Cendán, na que se esbozan unha serie de cuestións sociolóxicas sobre A Chaira.

O autor é un chairego xubilado que vivíu e traballou 35 anos en Madrid. A idea de facer este libro xurdíu duns cursos de Doutoramento que Xenaro Pérez fixo na Universidade Complutense. Xunto con outros compañeiros realizou un traballo de comparación das comarcas de Galicia, encargándose el da Terra Cha. Naquel momento a investigación quedou sen finalizar, pero no momento que Xenaro Pérez se xubilou retomou a idea e pensou en aproveitar toda a documentación xerada no estudo.

O salón de actos da Deputación acollerá a presentación do libro este xoves, día 18, ás 18:00 horas. O autor estará acompañado do Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, que amosará así o apoio da institución.

Un segundo volume

O autor xa está a pensar nun segundo volume que recolla os textos reeditados ou creados durante a democracia. Esta documentación non se puido incluír neste primeiro volume posto que sería demasiado grande. O autor tamén considera que a temática diferenciada merece un volume aparte xa que coa chegada da democracia se amplía o abano de temas. O segundo libro sobre A Chaira estará listo para o ano que ven ou para 2014, a máis tardar.