Deputación de Lugo

Besteiro esixe ó Goberno que 'defenda a quen realmente vive do campo' no reparto da futura PAC

Instou a Goberno e Xunta a despexar incógnitas sobre os criterios de reparto das axudas; e cuestionou as razóns polas que “sendo España o segundo país da Unión Europa que máis fondos recibe, Galicia segue a ser a Comunidade á que menos cartos chegan”“A actitude da Xunta fronte a este problema é mostra da falta de proxecto de país de Núñez Feijóo, quen debe esixir en Madrid que se respecten os intereses dos galegos” destacou o Presidente durante a clausura da xornada sobre os retos do vacún de carnePreto de 200 gandeiros da provincia participaron neste foro do organismo provincial no que os expertos abordaron os principais retos da produción cárnica na provincia, como os efectos da nova PAC ou o papel da gandeiría de vacún de carne na xestión do territorio

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, clausurou este venres a xornada sobre o vacún de carne, organizada na Granxa Gayoso Castro, na que os expertos participantes puxeron sobre a mesa temas de especial interese para este sector, coma as estratexias de futuro fronte á nova proposta de Política Agraria Común (PAC) ou a importancia da gandeiría de carne na xestión do territorio.

Na súa intervención, Gómez Besteiro, que estivo acompañado polo secretario xeral de Unións Agrarias (UU.AA.), Roberto García, instou á Xunta e ó Goberno central a “defender a quen realmente vive do campo” -60.000 galegos, dos que 30.000 son lucenses-, fronte os grandes propietarios, tendo en conta que a folla de ruta da nova PAC introduce o Pago Básico por Hectárea, “o que deixará ós nosos gandeiros e agricultores en clara desvantaxe fronte ós grandes propietarios”. Segundo os datos do último Censo Agrario publicado, a media de hectáreas por explotación en Galicia é de 7,05, fronte a outras rexións coma Andalucía, onde esta media se eleva ata as 46.

Xunta e Goberno deben dar respostas

Besteiro denunciou “a falta de proxecto de país de Núñez Feijóo, que non está a facer nada para avogar polos nosos gandeiros e agricultores”, e esíxelle que defenda en Madrid os intereses galegos, “agora que non teñen a excusa de botar as culpas a Europa”. O máximo responsable provincial engadiu que son estas dúas Administracións, Xunta e Goberno, as que teñen a obriga de despexar as incógnitas que presenta o futuro reparto das axudas. Logo de que a Unión Europea aprobara unha partida de 50.000 millóns de euros para España ata o 2020, agora é o Goberno central o que debe decidir sobre determinados aspectos pendentes que preocupan especialmente ós gandeiros coma “que criterios aplicarán para o reparto dos 50.000 millóns que percibirá España ata o 2020; quen poderá recibir estas axudas: gandeiros e agricultores en produción ou calquera propietario de terras? Porque, por exemplo, a Duquesa de Alba é propietaria pero non é produtora, ou por que sendo España o segundo país que máis fondos recibe de Europa, seguimos sendo a Comunidade á que menos cartos chegan, só 175 millóns ó ano?”

Compromiso co rural

Gómez Besteiro fixo un chamamento “ó sentido común para que se actúe con xustiza e que se invista nos gandeiros e agricultores que realmente producen”. O Presidente subliñou que “dende que entramos no goberno provincial mantemos unha aposta firme e decidida” polo campo, “un dos piares fundamentais da nosa economía, capaz de xerar emprego e manter vivas as nosas aldeas a pesares da sangría demográfica”. Neste sentido, lembrou algunha das iniciativas que está a poñer en marcha o organismo provincial, coma o 1º Centro público de Recría de España que a Deputación de Lugo constrúe, con 13 naves con capacidade para 3.000 novillas. Está previsto que a vindeira semana se aproben as obras da 2ª fase.

Outra das iniciativas ás que Gómez Besteiro fixo referencia foi Fórmate en Verde, plan de emprego para revitalizar o campo, crear emprego e fixar poboación no rural con formación e asesoramento técnico especializado, de xeito totalmente gratutíto, a 900 lucenses para que creen ou reconvirtan empresas vencelladas á agricultura e gandería ecolóxica, así como ó aproveitamento forestal sostible. Do mesmo xeito, lembrou liñas de axudas coma a de Axudas ó Medio Rural ou o Plan de Comunidades Vecinais, coas que se achegaron máis de 2.300.000 euros, só no pasado ano, a obras de mellora de accesos rurais e explotacións, acondicionamento de fontes e peches de pastizais; puntos de recollida de plásticos ou construción de curros para o gando.

As conferencias

A xornada xerou un grande interese entre o sector logrando reunir na Granxa Gayoso Castro a preto de 200 gandeiros, procedentes de toda a provincia, que puideron escoitar a expertos coma Román Santalla, Secretario de Gandeiría da UPA; José Ramón González Rodríguez, gandeiro e enxeñeiro técnico agrícola; Benigno Fernández Fano, veterinario e membro da xerencia do Banco de Terras de Asturias; David Erice, enxeñeiro agrónomo, que tomaron parte en mesas redondas e abertas á participación nas que se abordaron cuestións coma coma “Proposta de reforma da PAC e repercusión para Galicia” ou “Gandería de vacún de carne, territorio e medio ambiente”.