Deputación de Lugo

Besteiro esixe ós futuros compradores de NCG compromiso coa economía e o tecido produtivo galego

O Presidente considera que a entidade compradora debería concretar os seus compromisos non só co mantemento do emprego, senón co tecido produtivo galegoGómez Besteiro fixo esta reclamación durante un debate aberto á participación sobre o novo mapa bancario en Galicia que contou coas aportacións de importantes expertosA Deputación e Economía Digital organizan, en colaboración co grupo El Progreso o ciclo Galicia en clave económica, que implica á cidadanía na busca de solucións fronte a crise

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, solicitou do novo inversor de NCG Banco compromisos explícitos “non só co mantemento dos postos de emprego, senón cunha implicación real na economía e no tecido produtivo galego”. Gómez Besteiro insistiu en que a poxa de NCG Banco é clave no futuro de Galicia e apuntou como posibles compromisos a participación dos novos operadores en determinadas ferramentas da administración galega.

O presidente amosouse preocupado polo destino desta entidade e recordou que NCG Banco recibiu 9.000 millóns de euros de fondos públicos polo que advertiu á Xunta que “sanear con diñeiro público para acabar en mans dun fondo estranxeiro, sería mal entendido por parte da cidadanía”. Non en van, asegurou, “NCG é o 40% dos aforros dos galegos”. O máximo mandatario provincial ratificou que aínda existen caixas de aforros en España, hoxe bancos, ben xestionadas e adheridas ós seus territorios.

O Salón de Actos do Pazo de San Marcos acolleu ó numeroso público que se achegou para escoitar as reflexións do Presidente da Deputación e máis do director xeral da Caixa Rural Galega, Jesús Méndez; o catedrático da Escola de Estudos Empresariais da Universidade da Coruña, Antonio Grandío Dopico; e o avogado e portavoz da Asociación Galega de Afectados por Produtos Financeiros, Xoán Antón Pérez Lema. Nas súas intervencións analizaron a situación da banca galega dende diferentes perspectivas e máis contestaron ás preguntas que realizaron os asistentes nun interesante debate. A institución provincial implica deste xeito á cidadanía na busca de solucións fronte a crise mediante a análise en profundidade e a reflexión.

Debates para buscar solucións á crise

O ciclo de debates sobre a situación económica continuará nos vindeiros meses, con outras 3 citas, nas que se disertará sobre as posibles saídas do paro e os xacementos de emprego, as fortalezas e debilidades do sector primario, e o papel dos sectores público e privado. A diferenza doutros encontros con expertos, as charlas organizadas pola Deputación son abertas á participación, tendo en conta a preocupación da cidadanía por este tema, e fomentando, deste xeito, a implicación de toda a sociedade na busca, entre todos, de saídas á crise económica.