Deputación de Lugo

A Deputación acolle o xoves un debate aberto e gratuíto, no que expertos en Galicia abordarán a situación bancaria

Imaxe deputación de lugo
O organismo provincial e Economía Dixital, en colaboración co grupo El Progreso, organizan esta nova xornada, enmarcada no ciclo Galicia en clave económica Jesús Méndez, Antonio Grandío Dopico e Xoan Antón Pérez Lema, analizarán o actual mapa bancario galego e responderán ás cuestións que plantexen os asistentes

A Deputación de Lugo e Economía Dixital, en colaboración co grupo el Progreso, organizan o vindeiro xoves, 19 de setembro, no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, un debate aberto e gratuíto, no que expertos en Galicia abordarán a situación actual da banca. O director xeral da Caixa Rural Galega, Jesús Méndez; o catedrático da Escola de Estudos Empresariais da Universidade da Coruña, Antonio Grandío Dopico; e o avogado e portavoz da Asociación Galega de Afectados por Produtos Financeiros, Xoán Antón Pérez Lema, analizarán o mapa bancario galego, e responderán as cuestións que plantexe o público asistente.

Jesús Méndez abordará a situación da banca dende a súa experiencia profesional en Caixa Rural Galega, actualmente, a única entidade de capital galego, neste caso cooperativo, que segue en funcionamento, trala venta de Pastor, Etcheverría, Gallego e NCG. Antonio Grandío ofrecerá unha perspectiva académica, aínda que tendo en conta que foi executivo do Banco Pastor durante moitos anos. Xoán Antón Pérez Lema ofrecerá a visión dos consumidores.

Esta cita enmárcase no ciclo de debates Galicia en Clave Económica, organizado pola Deputación de Lugo e Economía Dixital, coa colaboración do grupo El Progreso. Son un total de 5 encontros, dos que xa se celebrou un no mes de xuño, cun grande éxito de participación. Naquela ocasión, expertos do ámbito económico e empresarial trataron as claves dun modelo produtivo de futuro para a comunidade galega, as potencialidades sen explotar da súa economía, e os novos sectores emerxentes.

Os debates son abertos ó público e de participación gratuíta. A iniciativa da Deputación afonda nas potencialidades da economía galega, os sectores emerxentes e as apostas decididas para consolidar un modelo produtivo. A iniciativa, polo tanto, non só analiza a situación económica actual coa participación de expertos de renome, senón que tamén ofrece alternativas e solucións para saír da crise.

Solucións para a crise

Neste senso, o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, mantén que son cinco os retos que debemos afrontar os galegos, para artellar un verdadeiro proxecto de país, sendo o demográfico o principal. Gómez Besteiro avoga por configurar unha nova visión integral da economía, que poña o Estado por riba do Mercado, para solucionar os problemas das persoas. Aposta por cambiar o concepto de produtividade e competitividade, potenciando a formación, o I+D+i, un sector público, eficaz e potente, como principal promotor dun sistema sanitario e educativo de calidade, así como de emprego.

Máis debates para participar

O ciclo de debates sobre a situación económica continuará nos vindeiros meses, con outras 3 citas, nas que se disertará sobre as posibles saídas do paro e os xacementos de emprego, as fortalezas e debilidades do sector primario, e o papel dos sectores público e privado. A diferencia doutros encontros con expertos, as charlas organizadas pola Deputación son abertas á participación, tendo en conta a importancia deste tema para a sociedade, e fomentando, deste xeito, a implicación da cidadanía na búsqueda, entre todos, de saídas á crise económica.