Deputación de Lugo

Abre as súas portas a 4ª Feira Outlet con importantes descontos de ata o 80%

Imaxe deputación de lugo
Regina Polín inaugurou a 4ª edición da Feira Outlet que permanecerá ata o martes na praza Anxo Fernández Gómez, na mesma carpa onde se celebrou Artesanfroilán 30 negocios venderán zapatería, téxtil, xoiería, mercería, óptica, droguería, lencería, fogar, pel, complementos e agasallos atraídos polos 3.500 euros de beneficio medio acadado en anteriores ediciónsA Feira permanecerá aberta ata o martes 15 de outubro na praza Anxo Fernández Gómez en horario de 10:30 a 14:00 e de 17:30 a 21:00 horas, na mesma carpa do Artesanfroilán

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, acompañada pola Concelleira de Educación, Formación e Orientación Laboral, Esther Muñoz, inaugurou este domingo a 4ª edición da Feira Outlet, a cita do comercio lucense. Un ano máis, Deputación e Concello ofreceron o seu apoio á Asociación de Autónomas, co fin de impulsar as vendas dos produtos de stock grazas ós importantes descontos aplicados, que varían o 50% ó 80%, e que fan posible mercar artigos de calidade a un prezo realmente competitivo.

Polín destacou que os que ven neste tipo de eventos un gasto innecesario “non poderían estar máis errados. O que realmente se está a facer é apoiar á pequena e mediana empresa, favorecendo a dinamización da economía local, o que revirte en todos e cada un de nós”. As dificultades para o sector son un feito contrastado, “pero non nos podemos deixar vencer, porque as crises tamén son momentos perfectos para o cambio”. A Deputada tamén lembrou o apoio a outras iniciativas que contan coa participación de negocios lucenses, coma a Gala Lucus Moda ou o Street Market.

Pola súa banda, a concelleira Esther Muñoz salientou “a aposta conxunta de ambas as dúas institución lucenses por amosar calidade dos produtos comerciais” e desexou moito éxito ós participantes.

Produtos de calidade a prezos reducidos

30 comercios de Lugo están nesta 4ª Feira Outlet, e porán á venda centos de variados produtos procedentes de stock a prezos moi competitivos, posto que todos eles terán aplicados descontos entre o 50% e o 80%. Zapatería, téxtil, xoieiría, mercería, óptica, droguería, lencería, fogar, pel, complementos ou agasallos serán algunha das mercadorías que se poderán mercar, moitas delas de destacadas marcas internacionais. Este evento é xa unha exitosa convocatoria na axenda do comercio lucense, unha cita que anima o consumo tanto polos asequibles prezos coma pola estratéxica situación da Feira.

Días e horarios de apertura

A 4ª Feira Outlet quedará aberta na carpa instalada na Praza de Anxo Fernández Gómez, situada tras a Casa do Concello lucense, dende este domingo ata o vindeiro día 15 de outubro, en horario de 10:30 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 horas, agás o domingo 13, día no que abrirá de xeito continuado dende as 12:00 ata as 21:00 horas.