Deputación de Lugo

Santos Ramos: 'os pensionistas lucenses perderán 10 millóns de euros como mínimo no 2014 cos recortes da dereita'

Isto débese á “decisión unilateral” do Goberno Central de non actualizar as pensións en relación ó IPC tampouco o vindeiro ano, recortando de novo os ingresos ós 120.000 xubilados lucenses“A perda de poder adquisitivo dos maiores, que representan 1/3 da poboación lucense, é maior aínda, tendo en conta que a dereita tamén lles obriga a pagar 11,5 millóns de euros ó ano polas menciñas” O Deputado mantivo un encontro cos participantes nun dos 15 cursos que ofrece gratis a institución ós maiores para mellorar a súa calidade de vida dende o 1º Centro de Innovación Social en Galicia

O Deputado de Cooperación e Asistencia ós Concellos, Álvaro Santos Ramos, denunciou este martes que os 120.000 xubilados lucenses, coas pensións medias máis baixa en España, perderán 10 millóns de euros como mínimo no 2014 “cos novos recortes da dereita”. Santos Ramos fixo referencia “á decisión unilateral” do Goberno Central de non actualizar as pensións en relación ó IPC tampouco o vindeiro ano. “Hai que ter en conta que o IPC situouse en setembro no 1,2% e que as pensións só aumentarán nun 0,25%. É dicir, rebaixaranse nun 0,95% como mínimo, pois este indicador tende a incrementarse”, explicou o Deputado. Estes datos tradúcense da seguinte maneira: un xubilado lucense cunha pensión media de 634 euros perderá polo menos 84 euros ó ano. (0,95%=6 euros ó mes x 14 pagas =84 euros ó ano x 120.000 xubilados =10.080.000 euros).

“A perda de poder adquisitivo dos maiores lucenses, que representan 1/3 da poboación da provincia, é maior aínda, tendo en conta que a dereita tamén lles obriga a pagar 11,5 millóns de euros ó ano polas súas menciñas”, subliñou o Santos Ramos. Co medicamentazo, un xubilado ten que aboar un mínimo de 8 euros ó mes polas súas menciñas. (8 euros ó mes x 12 meses x 120.000 pensionistas=11.520.000 euros anuais).

“Recortan as pensións, cobran polas menciñas, desmantelan a Lei de Dependencia... Así defende o Partido Popular ós maiores, ós que, durante en épocas electorais, lle di que son sagrados. As políticas da dereita son un claro exemplo de regresión social, que temos que combater con todos os nosos medios para non perder o que tanto tempo custou instaurar: o Estado do Benestar”, defendeu o Deputado.

Neste senso, Santos Ramos destacou que o organismo provincial está a construír en solitario a primeira rede pública de residencias e centros de día en Lugo logo de que a Xunta rexeitase colaborar porque dixo, textualmente, que estas dotacións “non son necesarias nin prioritarias” na provincia luguesa, a máis envellecida de Galicia. Da mesma forma, a institución asume, xunto ós Concellos, as Axudas no Fogar, xa que o Executivo autonómico suprimiu a súa achega ós municipios de menos de 20.000 habitantes, que en Lugo son todos menos o da capital.

Cursos gratuítos para maiores

Santos Ramos fixo estas declaracións tras o encontro que mantivo este martes cos participantes en Atrévete con Internet? Axudámosche. É un dos 15 cursos gratuítos que a institución ofrece ós maiores para mellorar a súa calidade de vida coas TIC dende o In Lugo, o 1º Centro de Innovación Social en Galicia. Trátanse de actividades formativas pensadas para aumentar a súa autonomía e potenciar as súas capacidades cognitivas e funcionais.

Co Atrévete con Internet? Axudámosche, no que máis dunha ducia de persoas cobren a cota de prazas, búscase que os participantes sexan capaces de conectarse a Internet por sí mesmos, saiban comunicarse de forma sinxela (correo electrónico), e atopar información útil no día a día: pedir cita para o médico de cabeceira, coñecer a previsión do tempo para a semana, consultar a programación de televisión, escribir a parentes, mandarlles a foto do neto na súa ausencia, atopar e participar nun torneo de cinquillo en liña, etc. Ademais, o feito de manexar un ordenador e Internet axuda ó mantemento das capacidades cognitivas: trátase dunha actividade na que se poñen en marcha moitas capacidades cerebrais. En definitiva, aumentar a autonomía persoal das persoas maiores a través das TIC.

Esta tarde, de 16:30 a 18:30 horas, outra decena de maiores participarán en Xogamos coa mente. Con esta actuación, preténdese empregar o ordenador e as múltiples propostas existentes na rede para a prevención do deterioro cognitivo. O uso de novas tecnoloxías permite a realización de actividades de estimulación cognitiva de xeito on-line, ou a través de programas e xogos que, de maneira gratuíta, se poden descargar no ordenador. As actividades a realizar neste taller son moi dinámicas, permitindo gran flexibilidade na planificación das mesmas. Deste xeito, poténcianse diversas capacidades cognitivas, por exemplo: Atención e concentración, Memoria, Funcións Executivas, Percepción e Recoñecemento, Linguaxe ou Cálculo. Os participantes neste taller sairán do mesmo coñecendo como usar o ordenador persoal, internet e moitas das múltiples propostas que se atopan on-line para aplicalas no seu fogar, mellorando así a súa autonomía persoal e previndo dentro do posible o deterioro cognitivo derivado da súa idade.

Máis cursos e prazas

Son un total de 160 as prazas gratuítas que ofrece ós maiores a Deputación coa vindeira celebración dos seguintes cursos: Obradoiro Aprende, comparte e retoca as túas fotografías; Organízate co teu móbil; Obradoiro Mantemos en forma o cerebro; Que podo facer co DNI-e?; Atréveste a decubrir o ioga? Comeza a practicalo coa Wii; O inglés e as tecnoloxías. Queres aprender?; Obradoiro Ximnasia mental coa tablet; Internet axúdache coas compras de Nadal; Obradoiro Xogamos co corpo; Ola, escóitasme? Deséxoche un feliz Nadal! (Uso do Skype); Avós e netos: aprendendo xuntos Seguridade Vial. Os interesados en participar, poden facelo a través da páxina www.deputacionlugo.org, na que atoparán máis información acerca de datas e horarios de celebración. Do mesmo xeito, poden poñerse en contacto no teléfono 982-225-186. Tendo en conta que as prazas son limitadas, as inscricións realizaranse por rigorosa orde de solicitude.