Deputación de Lugo

A Deputación dota a 77.000 veciños da Zona Sur e da Ulloa de conexión wifi gratuíta en consistorios e prazas públicas

Pilar García Porto avanzou no Incio, acompañada pola Alcaldesa deste municipio, a posta en marcha deste servizo nos 18 Concellos destas zonas adheridos, voluntariamente, ó Innova-TE A institución aforrou 630.000 euros ás arcas locais, asumindo os custes da implantación deste servizo, co que “defendemos a igualdade de oportunidades, vivas onde vivas, e loitamos contra o despoboamento demográfico, atendendo as solucións dos expertos do Lugo Reacciona”Inexplicablemente, os Alcaldes de Bóveda, Pantón, Saviñao, Antas de Ulla e Courel rexeitaron sumarse ó programa da Deputación, impedindo que os 12.000 veciños destes municipios conten con este servizo

A Deputación dota de conexión wifi gratuíta en consistorios e prazas públicas ós 77.000 veciños dos 18 Concellos da Zona Sur e da Ulloa que, de xeito voluntario, se sumaron ó Innova-TE. A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, anunciou este mércores a posta en marcha deste servizo. Fíxoo no Incio, acompañada pola Alcaldesa deste municipio, Laura Celeiro.

García Porto destacou que “ofrecemos este servizo no rural porque defendemos a igualdade de oportunidades entre os cidadáns, vivan onde vivan. Loitamos, deste xeito, contra o despoboamento demográfico, dando resposta a unha das solucións dos expertos do Lugo Reacciona (o primeiro foro de debate sobre o despoboamento) para facer fronte á sangría demográfica: a implantación das novas tecnoloxías”. O organismo provincial asumiu todos os custes para o funcionamento desta prestación con fondos europeos, aforrando ós 18 Concellos 630.000 euros.

A Deputación habilitou en cada un dos municipios 3 puntos de conexión a Internet: 2 en prazas públicas e 1 no interior das casas consistoriais, cunha velocidade de 256 kas por segundo, o máximo legal permitido para este tipo de servizos prestados por administracións públicas. Isto permite que os veciños destas localidades dispoñan de acceso a Internet libre e gratuíto dende calquera dispositivo móbil -ordenador portátil, PDA ou teléfono- a espazos web coma páxinas institucionais, redes sociais ou correos webmail.

Ademais da instalación da rede wifi, o programa tecnolóxico da Deputación incluíu un paquete de 8 servizos básicos:

- Mellora da calidade do servizo de banda longa.
- Asesoramento para optimizar o uso da sede electrónica implantada na primeira fase do Innova-TE.
- Creación de portal web e actualización de contidos nos xa existentes, activados na primeira fase do Innova-TE.
- Servizo de dinamizadores tecnolóxicos, que prestarán asesoramento técnico personalizado e in situ ós traballadores municipais para fomentar o uso da - Administración Electrónica e sacarlle o máximo partido.
- Centro de Asesoramento Tecnolóxico. Prestarase un servizo de asesoramento tecnolóxico ós Concellos para resolver calquera dúbida ou consulta que poida xurdir no uso dos servizos implantados, tanto na primeira fase do Innova-TE, como nesta segunda, agora en marcha.
- Elaboración dun informe de recomendacións sobre o cumprimento da Lei de Protección de datos de Carácter Persoal, ó que están obrigadas as administracións locais.
- Realización dunha auditoría sobre a dotación de infraestruturas tecnolóxicas que lles foron proporcionadas na primeira fase do Innova-TE co fin de garantir o seu correcto funcionamento e determinar a súa continuidade ou mellora.

Concellos beneficiados

Os Concellos da Ulloa e da Zona Sur que decidiron sumarse, de xeito voluntario ó Innova-TE e, polo tanto, conta con estes servizos a custe cero, son os seguintes: O Incio, Carballedo, Chantada, Láncara, Monterroso, O Páramo, Palas de Rei, Paradela, A Pobra de Brollón, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, Samos, Sarria, Sober, Taboada, Triacastela e Monforte de Lemos. Cómpre destacar que, no caso do municipio monfortino, os veciños dispoñen, polo de agora, con 2 puntos de acceso wifi, á espera de que Patrimonio conceda o permiso legal e imprescindible para instalar un terceiro.

Municipios que rexeitaron estas prestacións

Inexplicablemente, a pesares do custe cero para as arcas municipais e as vantaxes do Innova-TE, os Alcalde de Bóveda, Pantón, Saviñao, Antas de Ulla, e Courel rexeitaron sumarse ó programa da Deputación, impedindo que os 12.000 veciños destes municipios conten con acceso wifi gratuíto en prazas públicas e consistorios, entre outras prestacións que o organismo provincial está a levar gratis ós Concellos co seu programa teconolóxico.