Deputación de Lugo

Besteiro aposta polo 'peche de ciclos produtivos e a innovación para aproveitar o extraordinario potencial do sector primario galego'

“Non podemos seguir producindo carne e non ter unha industria forte de transformación, nin vender leite e seguir comprando iogures ou manter infraexplotado o sector forestal”, subliñou o Presidente na inauguración da nova planta da fábrica Torre de Núñez no Corgo“Nos anos 60, cando non había secadoiros artificiais de xamóns e había que curalos ó natural, o máis vendido de España era o xamón galego, pero coa chegada da tecnoloxía, en Galicia non se consolidou un tecido de empresas transformadoras”, asegurou

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, participou este xoves na inauguración da nova nave para o secado de xamóns da que dispón a empresa lucense Torre de Núñez no Concello do Corgo, un acto no que apostou polo “peche de ciclos produtivos e a innovación para aproveitar o extraordinario potencial do sector primario galego que queda por explotar, o que nos permitirá fortalecer a economía e volver a xerar emprego no noso país”. Para Besteiro, o proxecto empresarial de Torre de Núñez mostra de feito “o camiño polo que temos que avanzar en Galicia: o peche de ciclos e a innovación”.

Na inauguración das instalacións da fábrica estiveron o Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e os conselleiros de Economía e do Medio Rural, Francisco Conde e Rosa Quintana, respectivamente, xunto ó director xeral da empresa e o presidente fundador.

Gómez Besteiro incidiu en que Galicia ten “a mellor materia prima e unha gran capacidade de produción. Contamos con 30.000 explotacións porcinas: 25.200 para autoconsumo e 1.200 industriais -o 25% delas asentadas na provincia de Lugo-, pero non nos podemos quedar nesa primeira fase da cadea; temos que potenciar o sector da transformación”.

Deste xeito, explicou, “nos anos 60, cando non existían os secadoiros artificiais e había que secar os xamóns ó natural, o xamón que máis se vendía en España era o galego porque aquí era onde se daban as mellores condicións climatolóxicas para a curación. Sen embargo, cando os medios tecnolóxicos se puxeron ó servizo do sector e se estenderon os secadoiros artificiais, en Galicia non se consolidou un tecido de pequenas e medianas empresas transformadoras que pechen o ciclo produtivo e saquen ó mercado un produto con valor engadido, cunha imaxe de marca, como, por exemplo, si o soubo facer o noso sector do viño”.

“Un luxo que non nos podemos permitir”

A recuperación económica chegará “se cremos realmente nas posibilidades da nosa terra, e na igualdade de oportunidades entre o rural e a cidade”, asegurou Gómez Besteiro, subliñando neste senso que, a pesar do embate da crise, “temos un sector primario importante, que hoxe emprega a 80.000 persoas en Galicia, pero queda un potencial extraordinario sen explotar: non podemos seguir producindo carne e non ter unha industria forte de transformación; nin vender leite e seguir mercando iogures; nin manter infraexplotado o sector forestal; nin que o 80% do noso territorio estea sen poñer a producir. É un luxo que non nos podemos permitir”.

100 traballadores, o 90% indefinidos

O Presidente fixo un especial recoñecemento “a quenes foron o xerme da empresa Torre de Núñez, os seus fundadores, as persoas que co seu esforzo de 30 e 40 anos contribuíron a que este proxecto empresarial sexa hoxe o que é: un referente no sector cárnico, que na actualidade emprega a 100 lucenses, o 90% deles con contrato indefinido”. Gómez Besteiro recalcou a importancia deste dato, “cando onte mesmo coñeciamos que o paro aumentou en setembro en Galicia máis do dobre que no conxunto de España en termos porcentuais e tendo en conta que o tipo de emprego que se está a crear é máis precario. O 93% dos contratos formalizados no último mes son temporais, e soamente o 7% indefinidos. Cando falamos de creación de emprego, temos que falar de emprego de calidade e estable. Torre de Núñez tamén é un exemplo nisto”.

Destacou así mesmo que segue a ser unha empresa familiar, en mans da segunda xeración, persoas que, ademais das instalacións inauguradas hoxe, “teñen ilusións e novos proxectos de futuro para ampliar a produción e seguir progresando”. De feito, no complexo situado no Corgo creáronse 6 postos de traballo e a produción actual é de 200.000 pezas anuais, aínda que o obxectivo da firma e habilitar a segunda planta da nave para aumentar o número de empregos e chegar ás 400.000 pezas nun prazo de catro ou cinco anos.