Deputación de Lugo

Novo premio da Unión Europa á xestión da Deputación de 600.000 euros para emprego na provincia

A UE vén de conceder ó organismo provincial este novo orzamento co reparto de remanentes do Fondo Social Europeo. É o segundo recoñecemento comunitario á institución luguesa nas últimas semanas tras recibir outros 1,4 millóns de eurosCos 2 novos millóns de euros que recibe da Unión Europea, a Deputación suma un orzamento de 14 millóns de euros para plans de emprego en LugoContratadas as obras pendentes na vía do Marco de Álvare ás Rodrigas con 516.000 euros. Martínez esixe ó PP que pida desculpas por “mentir ós veciños e calumniar á institución”

A Unión Europea premiou, unha vez máis, á Deputación de Lugo pola súa xestión de fondos europeos, concedéndolle un novo investimento de 600.000 euros, que a institución achega ó emprego, tal e como acordou este venres a Xunta de Goberno. Este orzamento procede do reparto de remanentes das axudas do Fondo Social Europeo. É o segundo recoñecemento comunitario ó organismo provincial nas últimas semanas. Este mesmo mes, a UE concedía á Deputación de Lugo 1,4 millóns de euros, neste caso co reparto de remanentes do Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER), e convertíaa na entidade local en Galicia que recibía o maior presuposto. O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, desvelou hoxe este novo premio da Unión Europea e remarcou que “captamos 2 novos millóns de euros da Unión Europea para emprego e sumamos, deste xeito, un orzamento de 14 millóns de euros para plans de emprego na provincia. O Partido Popular debería traballar un pouco máis e non traer ó Pleno mocións para tapar o que non fai a Xunta”.

Estes 14 millóns de euros distribúense do seguinte xeito:

1.- Este novo investimento de 2 millóns de euros da Unión Europea.

2.- Pacto Provincial polo Emprego con 7 millóns de euros. O organismo lugués rematou a primeira parte desta programación. Antes de finais de ano, porá en marcha a segunda. En total, contribúe á inserción laboral de 1.500 lucenses desempregados, nas profesións con máis futuro en Lugo.

3.- 1 millón de euros do Fórmate en Verde. Na actualidade, 900 lucenses están a recibir formación práctica en sectores estratéxicos como a gandeiría e agricultura ecolóxica, así como o sector forestal, para crear ou reconverter as súas propias empresas.

4.- Proxecto de Dinamización do Tecido Empresarial, 3 millóns de euros. É o plan que a Deputación arrancará xunto á Escola de Organización Industrial nos vindeiros meses, e co que creará 100 novos postos de traballo, ó tempo que impulsará un mínimo de 300 PEMES e autónomos da provincia. Con este programa, un cento de lucenses recibirán formación sobre novas tecnoloxías para, posteriormente, prestar asesoramento a entidades da provincia.

5.- Máis de 200 bolsas de emprego para mozos no paro con 900.000 euros. A institución mantén aberto o prazo de solicitude dunha convocatoria de becas, e xa acadou máis fondos para novas bolsas no 2014.

Obras Riotorto

A Xunta de Goberno aprobou a contratación das obras pendentes na estrada de Marco de Álvare ás Rodrigas, no Concello de Riotorto, por valor de 516.000 euros. Con este orzamento, xunto ás case 200 fincas expropiadas, a institución garante o remate destas actuacións. Martínez subliñou que “este Goberno Provincial cumpre coa palabra dada ós veciños, a diferencia do que fai o Partido Popular, que prometeu realizar estas obras, cando non tiña cartos nin terreos, enmarcándoas no famoso plan dos 50 millóns de euros”.

Martínez exisiu ó PP que “pida desculpas ós cidadáns e a esta institución polas mentiras e calumnias” que realizou ó respecto destas obras na CP 5501. O voceiro lembrou “primeiro, enganou ós cidadáns prometendo estes traballos que nunca fixo. Logo, debido á paralización temporal destas actuacións polos problemas económicos da anterior adxudicataria que está en concurso de acredores, voltou a mentir ós veciños, asegurándolles que este Goberno Provincial non ía a facer estes traballos. E despois, calumniou a esta institución, dicindo que permitira un desfase nestas obras de 190.000 euros, empregando borradores técnicos que atopou nas papeleiras ou mesas da Deputación, cando a documentación oficial, procedente da liquidación destas actuacións, concluíu que existía un saldo a favor do organismo provincial de 37.000 euros. Queda desmontada, unha vez máis, a campaña de difamación e de panfletos do PP sobre estas obras en Riotorto”.

Conservación

A sesión tamén acordou a contratación dos traballos de conservación de 3.200 quilómetros de estradas provinciais, que discorren por 51 Concellos, por valor de 2 millóns de euros. En vindeiras Xuntas de Goberno, unha vez que transcorran os prazos legais para a presentación de ofertas, a Deputación aprobará a adxudicación das tarefas de mantemento doutros 1.000 quilómetros de vías, de 16 municipios, para os que temos reservados uns 800.000 euros. O voceiro destacou que “reforzamos a conservación da que é a rede viaria provincial máis extensa de España, con 4.200 quilómetros. Facemos un gran esforzo inversor mentres a Xunta, administración cun orzamento 100 veces superior ó da Deputación de Lugo, e responsable de 5.500 quilómetros de vías en Galicia, mantén bloqueado o proceso de transferencia de estradas dende 2009. Pola contra, acordou a transferencias de vías en Ourense e Pontevedra. Outro exemplo máis, da discriminación que sofren os lucenses por parte de Feijóo”.