Deputación de Lugo

O Plan de Acción da Reserva dos Ancares destina 2 millóns a conservar o patrimonio, mellorar servizos e crear emprego

Deputación, Alcaldes, Xunta, Goberno central e 7 organizacións sociais aprobaron hoxe o proxecto que marca as liñas estratéxicas para o desenvolvemento deste territorio nos vindeiros dez anosPreservar e poñer en valor os recursos medioambientais, mellorar a calidade de vida dos veciños coa dotación de infraestruturas, e xerar riqueza e emprego para fixar poboación son os principais eixos do plan, que entrará en vigor o 1 de xaneiro

A Vicepresidenta Segunda da Deputación de Lugo, Lara Méndez, presidiu este martes a reunión dos órganos xestión da Reserva da Biosfera dos Ancares lucenses, na que quedou aprobado definitivamente o Plan de Acción que marca as liñas estratéxicas de conservación e desenvolvemento deste espazo natural protexido –formado polos Concellos de Cervantes, Navia e Becerreá- durante os vindeiros dez anos. O proxecto está dotado con 2 millóns de euros, que, segundo explicou a Vicepresidenta, “serán investidos en tres obxectivos fundamentais: conservar e poñer en valor o patrimonio natural da Reserva, mellorar a calidade de vida dos veciños coa dotación de infraestruturas e servizos, e crear riqueza e emprego sostible neste territorio para fixar poboación”.

Co Plan de Acción, que entrará en vigor o 1 de xaneiro, “conseguimos que a declaración da Reserva, lonxe de ser unha traba, sexa unha gran oportunidade, non só para preservar os recursos medioambientais destes concellos, senón para revitalizar a súa economía e frear a grave caída de poboación e o envellecemento que están a sufrir”, subliñou Lara Méndez, engadindo neste senso que os municipios dos Ancares perderon nos últimos dez anos máis de 1.500 habitantes.

Dos órganos de xestión da Reserva reunidos hoxe forman parte a propia institución provincial, que ten a presidencia, os alcaldes dos tres concellos incluídos na declaración, a Xunta, o Goberno central e 7 organizacións sociais: Asociación Rurancares de Cervantes; Sociedade Galega de Historia Natural; Sindicato Labrego Galego (SLG); a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA); a Asociación Galega de Custodia do Territorio; a Sociedade Micolóxica Lucus e o Grupo para o Desenvolvemento Rural Ancares-Courel (GDR).

A xuntanza, que tivo lugar no edificio de servizos múltiples de Cervantes, pon fin ó procedemento para aprobar o Plan de Acción dos Ancares, iniciado en xullo coa aprobación inicial; logo foi exposto ó publico sen que se presentase ningunha alegación; e este mesmo mes celebráronse mesas sectoriais nas que a Deputación buscou potenciar as achegas dos cidadáns para definir as liñas de actuación.

Conservación do patrimonio

O Plan de Acción da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses contempla 16 liñas de actuación concretas para conservar o patrimonio, dotar de servizos e crear emprego na zona. En canto ó primeiro obxectivo, a conservación, as medidas adoptadas farán fincapé nos ecosistemas forestais, os corredores fluviais e os bosques de ribeira, e a recuperación de elementos etnográficos, como poden ser as pallozas, as alvarizas ou os castros.

Dotación de servizos

Polo que respecta á dotación de servizos e infraestruturas para mellorar a calidade de vida dos veciños, o plan contempla actuacións nas redes de saneamento, depuración e abastecemento de auga nos núcleos rurais, a implantación de novas tecnoloxías, melloras na sinalización, obras de adecuación e mellora de vías, e rehabilitación de edificios públicos.

Creación de emprego

En canto ás medidas para dinamizar a economía dos Ancares e crear emprego, céntranse en potenciar e mellorar a comercialización dos produtos autóctonos e a artesanía aproveitando o potencial que ofrece a Reserva da Biosfera como marca de calidade. De feito, impulsaranse as seguintes iniciativas:

- A incorporación dos produtos da zona ó Club de Produto Turístico Reservas de Biosfera Española (RBE), creado polo Ministerio de Industria, que aporta valor engadido e competitividade
- Prestarase axuda ós produtores para que acaden marcas de calidade de prestixio
- Apoio á consolidación e proxección exterior da actividade dos produtores e prestadores de servizos mellorando a súa publicidade e imaxe, as canles de comercialización e o seu nivel de asociacionismo e organización
- E promover un selo ou distinción para os mercados e feiras que teñen lugar nas capitais municipais da Reserva, como símbolo de que os devanditos eventos serven para a promoción de produtos de calidade referenciada.

Por outra banda, levaranse a cabo accións para mellorar a comercialización dos produtos elaborados por artesáns xa consolidados, e darase formación e apoio para que novos artesáns e emprendedores poñan en marcha a súa actividade, ofrecéndolles asesoría en materia de xestión empresarial e contabilidade, información sobre axudas e subvencións, canles de comercialización e promoción ou prevención de riscos laborais. Outro dos obxectivos é impulsar a agricultura, a gandería e a xestión forestal sostibles a través de xornadas de formación técnica e capacitación, co fin de abrir novas oportunidades de traballo.

Tamén se tomarán medidas para incrementar a actual actividade turística, aproveitando que os valores naturais, paisaxísticos e culturais das montañas dos Ancares convérteas nun destino idóneo para actividades ó aire libre, como sendeirismo, ciclismo, escalada ou fotografía. Para iso, promoveranse certificacións de calidade, auspiciaranse novas propostas de turismo sostible, formarase a profesionais para dinamizar a zona e consolidarase o uso de rutas e itinerarios xa existentes.

Paralelamente, o plan contempla iniciativas para favorecer a divulgación e investigación dos recursos naturais, paisaxísticos, medioambientais, culturais e etnográficos da Reserva, e tamén se levarán a cabo accións para converter esta zona en lugar de investigación e aprendizaxe.

Os órganos de xestión, formados polo consello reitor e o de participación, son os encargados de decidir cando, onde e como acometer as medidas, ademais de garantir o seu cumprimento e determinar a súa repercusión na Reserva da Biosfera.