Deputación de Lugo

A iniciativa Os tapóns dan vida, da que forma parte a Deputación, volve axudar a unha familia lucense

Regina Polín participou hoxe na entrega dun talón por valor de 2.600 euros conseguidos coa reciclaxe de 10 toneladas de tapóns de plástico recollidos por toda a provinciaOs pais da cativa Anair Trimboli agradecen esta axuda, que servirá para operala da grave enfermidade que padece e mellorar considerablemente a súa calidade de vidaA iniciativa é posible grazas á Fundación Puro Cora, á Deputación e a múltiples asociacións que levan recollidas 30.000 quilos de plástico cos que xa conseguiron axudar a 3 cativos

A Deputada de Artesanía e Deseño, Regina Polín, participou hoxe no acto de entrega dun talón conseguido coa iniciativa solidaria Os Tapóns dan vida e coidan o medio ambiente, posta en marcha pola Fundación Puro Cora e que conta, entre outras, coa colaboración da institución provincial. A familia de Anair Trimboli, unha cativa enferma de hiperinsulismo, foi a beneficiaria dun talón de 2.600 euros.

No acto, que tivo lugar na sede do diario El Progreso, ademais de Regina Polín tamén estiveron presentes Blanca García Montenegro, presidenta da fundación Puro Cora; a Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Ana González Abelleira; a Presidenta de Honra da Asociación de Pais e Titores de Persoas con Discapacidade Intelectual (ASPNAIS), Conchita Teijeiro; o Presidente da Asociación de Empresarios Polígono Industrial Ceao e Director de Allplas, Angel López Lugilde; a Presidenta da AECC, María Concepción Martín Varela; o Director de PRELO, Manuel López; o Director de Reciclajes CONTEMAR, Miguel Abel Real; á Responsable da organización Banco de Tapóns de Lugo, Chelo Varela

A nena Anair Trimboli padece hiperinsulinismo, unha enfermidade rara que lle supón que teña que pincharse cada seis horas, comer cada catro e durmir conectada a unha bomba de alimentación. Os cartos que lle foron entregados hoxe á súa familia servirán para que sexa operada por un especialista alemán nunha intervención que mellorará considerablemente a súa calidade de vida. A de Anair Trimboli é a terceira familia lucense que recibe axuda grazas a esta iniciativa solidaria que xurdiu en maio deste mesmo ano e coa que xa se levan recadados 7.800 euros.

A iniciativa solidaria Os Tapóns dan vida e coidan o medio ambiente é un banco de recollida de tapóns de plástico en toda a provincia, para recadar fondos co obxectivo de axudar a nenos e mozos con enfermidades graves e dependentes, ó tempo que favorece o coidado do medio ambiente coa reciclaxe destes materiais. Esta iniciativa altruísta, coa que se formou unha rede de recollida por toda a provincia, foi posible grazas ó impulso da Fundación Puro Cora e á colaboración da Deputación de Lugo, Concello de Lugo, o Colexio Oficial de Farmacéuticos da provincia de Lugo, a Asociación Española de Loita Contra o Cancro de Lugo, Aspnais e as empresas Allplas SL, Prelo, Transportes Urgentes Envialia-Lugo, e Cartones y Plásticos Contemar. Un comité profesional, formado por unha médico, unha psicóloga, unha farmacéutica e unha traballadora social, valora a prioridade dos expedientes médicos recibidos para destinar os fondos que se recaden coa recollida e venda dos tapóns de plástico.