Deputación de Lugo

A masterclass de cociña autóctona da Deputación amosou en Sarria os segredos das carnes de porco celta e cachena

O Restaurante Roma acolleu este mércores a clase maxistral na que 15 cociñeiros participantes aprenderon a realizar un menú que destaca a calidade desta carneA masterclass forma parte da aposta da Deputación polo medio natural como xerador de recursos económicos e como oportunidade de futuro para a provinciaEsta mesma iniciativa xa se levou a cabo noutras localidades para fomentar entre os hostaleiros da provincia o uso de produtos autóctonos

A Deputación organizou este mércores en Sarria, a través do programa europeo Lug02, unha nova masterclass gratuíta de cociña autóctona en impulso dos produtos de calidade da zona. Na sesión participaron 15 cociñeiros que aprenderon a preparar un menú composto por produtos da horta, carne de cachena e carne de porco celta.

O chef local Vicente Fontal Vázquez explicou os segredos para sacarlle o máximo partido a esta carne e que amose toda a súa calidade. Os participantes elaboraron un costelar de boi auténtico cacheno estufado, un lombo de vaca vella cachena á grela e unha picaña de tenreira cachena á brasa. Con carne de porco celta os participantes realizaron un prato de lacón con grelos e chourizo e solombo con queixo do Cebreiro. Para rematar, como sobremesa prepararon unhas filloas con xeado de augardente de herbas.

As carnes foron subministradas por empresas da zona especializadas que contan co distintivo de calidade da Deputación Lug02. O organismo provincial fomenta o consumo destes produtos de proximidade amosando ós cociñeiros a súa calidade e todas as súas posibilidades culinarias e impulsa a súa comercialización a través de ferramentas como primeira plataforma de comercio electrónico da provincia, www.losprodutosdelugo.com, na que se venden mediante Internet 250 alimentos de calidade, como aceites, conservas, mel, marmeladas, pan, queixos, viños, licores, embutidos ou mariscos, entre outros.

Estas iniciativas enmárcanse na aposta da Deputación polo medio ambiente como oportunidade económica para a provincia. O organismo provincial xa celebrou clases de cociña autóctona en Monforte de Lemos, Chantada, Cervantes, O Valadouro, Viveiro, Foz e As Nogais. En todas elas, empregáronse produtos propios de cada zona como, por exemplo, hortalizas, legumes, derivados da matanza, caza e pesca, entre outros. A vindeira cita será en Vilalba, o día 16 de decembro, onde o protagonista será o capón de Nadal.