Deputación de Lugo

120 persoas poderán participar na programación gratuíta da Deputación na Casa das Ínsuas en Rábade

Sonsoles López Izquierdo presentou a programación gratuíta que inclúe actividades para todas as idades e que se desenvolverá no Concello de Rábade entre os meses de decembro e xaneiroAs persoas interesadas poden apuntarse ou solicitar máis información na web www.deputacionlugo.org ou chamar ó 982 22-78-12

120 persoas de todas as idades poderán participar na programación que pon en marcha a Deputación este inverno na Casa das Ínsuas de Rábade. A Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, acompañada dos responsables da Asociación Galega de Custodia do Territorio, Martiño Cabana e Roberto Ermida, presentou este luns a iniciativa gratuíta que se desenvolverá entre os meses de decembro e xaneiro.

López Izquierdo salientou que a iniciativa forma parte do empeño do Centro de Interpretación Terras do Miño por levar accións que dean a coñecer o patrimonio natural lucense ós Concellos da provincia e destacou o “entorno privilexiado da Casa das Ínsuas para a celebración de actividades relacionadas co medio natural”.

Pola súa banda, os responsables da Asociación Galega de Custodia do Territorio agradeceu o apoio do organismo provincial na posta en marcha de actividades que dinamicen as instalacións que xestionan e destacaron o impulso á continuidade que con esta programación de inverno se lle dá o centro.

As actividades que se celebrarán na Casa das Ínsuas son:

- O día 6 de decembro, “Xornada de construción e instalacións de caixas niño”, no que os participantes construirán unha caixa niño para as aves da contorna que serán instaladas nas proximidades da casa das Ínsuas e nas que poderán aniñar paxaros, morcegos ou curuxas. Hai 20 prazas.
- O 20 de decembro terá lugar unha charla sobre “Conservación e xestión de humidais na Terra Chá”, dentro do ciclo de conferencias sobre a xestión da Reserva da Biosfera Terras do Miño, que ten un total de 50 prazas.
- O 21 de decembro, a charla “O cabalo de monte en Galicia” analizará a situación deste animal e a súa relación co medio natural así como os cambios lexislativos recentes. O local ten un aforo máximo de 50 persoas.
- O 10 de xaneiro celebrarase a charla “Conservación e xestión da flora e fauna na Reserva da Biosfera Terras do Miño”, dentro do ciclo de conferencias sobre a xestión da Reserva da Biosfera Terras do Miño, á que poderán asistir 50 persoas.
- O 11 de xaneiro terá lugar a xornada sobre “Produción láctea e conservación da natureza na Reserva da Biosfera Terras do Miño”, con 50 prazas.

Todas as actividades son gratuítas e para inscribirse só é necesario cubrir un sinxelo formulario na web www.deputacionlugo.org ou chamar ó 982 22-78-12 onde tamén poden obter máis información sobre as actividades.

A Casa das Ínsuas de Rábade está situada ó carón do Río Miño ó paso por esta localidade, unha contorna que favorece a organización de actividades didácticas e lúdicas sobre a natureza xa que permite a observación directa do medio natural. A Deputación participa na conservación e aproveitamento desta instalación e as súas proximidades con proxectos para dotala de contido e máis o acondicionamento de camiños, mellorando as súas comunicacións e facilitando o seu uso. A Asociación Galega de Custodia do Territorio é a encargada de impulsar e xestionar estas instalacións que pertencen ó Concello de Rábade e nas que diferentes entidades organizan actividades relacionadas co medio natural. Deputación e Asociación Galega de Custodia do Territorio están a traballar conxuntamente para realizar unha diagnose da zona que permita realizar propostas específicas para a conservación e a posta en valor do lugar.